lunes, 14 de enero de 2013

A morte leva consigo a outro gran gaiteiro

Morreu hai xa uns días Xosé Marentes, un dos gaiteiros da zona de Fonsagrada. Por ser unha das zonas que percorrimos e da que gardamos gratas lembranzas, resúltanos próxima e queremos dende o Bierzo enviarlle unha aperta aos amigos da gaita desas terras.
Vendo un vídeo que colgou en youtube, xunto outras entradas pertencentes a outros gaiteiros desta comarca tan gaiteira, entendemos axiña o importante que é a recolleita destas testemuñas da gaita e dos gaiteiros do século XX, un século como xa temos dito, transcendental para poder documentar a historia do instrumento  e o patrimonio cultural que xira ao redor do mesmo. En youtube hai varios vídeos dos gaiteiros desta comarca colgados por Edelmiro, un entusiasta gaiteiro, imaxes que segundo comenta Luis Prego, outro namorado do folclore galego, é posible que foran gravadas nos anos 90 no Museo Comarcal da Fonsagrada  por un colectivo que tamén estivo gravando nas terras do Bierzo, o colectivo Berce, ligado ao traballo da Asociación de Gaiteiros Galegos.
Vaia pois como recordo do bon facer de Xosé Marentes e na súa memoria este vídeo:


sábado, 5 de enero de 2013

Encontro de Gaiteiros Tradicionais (II)


  Estas son a portada e contraportada da carátula editada por Tecnosaga no vrao de 1992 da gravación que se realizou o 28 de decembro do 1991 no Teatro de Vilafranca do Bierzo para celebrar o X aniversario da Escola de Gaitas desta vila. A continuación seguimos reproducindo os textos do interior da mesma.


AS PEZAS E  OS  SEUS INTÉRPRETES (podes ir escuitando as pezas nos respectivos enlaces)


CARA A:  OS GAITEIROS DO PAÍS

Jota de Farelo:  José Farelo, natural de Hornixa (Corullón) acompañado ó tamboril por Ángel Barba Quiroga e ó bombo por Lisardo Bóveda, rememora unha vella jota que de mozo escoitou no seu pobo de fonda afición á gaita.

Moliñeira de Vilar: Tócaa Emilio Díaz Gutiérrez pertencente a unha saga de gaiteiros: "Os Gutiérrez" de Vilar de Aceiro (Vilafranca). Do seu tío, gaiteiro do cuarteto, aprendeu un repertorio que hoxe conserva coma un legado familiar. Acompañan a Emilio, Nemesio García á caixa e o bombo José A. Viejo González.

Rumba: Emilio coa mesma formación interpretou tamén unha rumba, ritmo fruito da moda á que os gaiteiros víanse obrigados a adaptarse pola esixencia e para agrado do público.

Muliñeira do Pombo: Francisco Terrado Farelo (Oencia) recolleu dos cuartetos que tocaban sendo el mozo, entre eles o de Pedro "o Pombo", pezas propias coma a presente muliñeira que soou nunha gaita que tein de máis de 70 anos, tocando á ciaxa Mauel Rodríguez Oulego e ó bombo Francisco Rodríguez fernández, vecíns do gaiteiro.

Jota cantada: Os gaiteiros ao ter que facer a festa enteira tiñan no repertorio pezas cantadas para darlle máis variedade. esta jota cantada foi seleccionada do repertorio do gaiteiro Leonardo Gallego e de Agustín García, que puxo a voz, ambos os dous sendo naturais do concello de Trabadelo, residen en Vilafranca. Pepo Nieto, percusionista da Escola tocou o tamboril.

Montañesa/ A Carolina: Os mesmo inteépretes engarzan dúas pezas moi do gusto dos gaiteiros tradicionais cousa que no transcurso da festa facían de seguido. A montañesa é representativa das pezas cantadas en pequenos corros cun sabor autóctono que os informantes chaman "do pueblo"ou "propias". outramente " as asturianadas" parecen responder a unha influencia recente no Bierzo espalladas desde zonas mineiras. A Carolina, pola contra, é moi popular, trátase dunha canción ampliamente estendida non só nesta zona.

Furiqueille a muller a Bartolo: Clemente de Ferreira (Ibias) gaiteiro que dixita pechado e digno representante do xeito de todar, do repertorio e da afinación da gaita de concellos como o seu, Navia de Suarna e a a parte máis occidental do val ancarés que manteñen peculiaridades especificas moi chamativas, tanto como o mesmo nome da muiñeira que interpreta acompañado de Cándido Meixide.

Jota dos 28 puntos: Clemente interpretounos tamén unha jota moi estendida e coñecida, incluso por gaiteiros asturianos. Agradecémoslle moi de veras a súa participación no Encontro, así como aos seus amigos de Ibias que a fixeron posible.*

Pasodobre Arxentino: Lisardo Bóveda é un gaiteiro nada na provincia de Ourense, pero de tempo atrás reside no Bierzo. A súa colaboración desinteresada contribuíu grandemente á realización do Encontro. Lisardo e Gonzalo, o seu fillo, ás gaitas, Ángel Barba Quiroga ó tamboril e José Farelo ó bombo interpretan un pasodobre, ritmo recente coma a formoación utilizada, o dúo de gaitas, que chega a estas terras pola influencia que tiveron dúos de gaitas como os de Soutelo de Montes (Pontevedra).


CARA B: ESCOLA DE GAITAS E INVITADOS

Volteo de campanas (13 setembo 1981):  Unha das derradeiras ocasiois nas que as campás de San Nicolás o Real voltearon no día da festa patronal ten cabida eiquí pois forma un todo coa danza dos Xigantes. Sirva esta gravación de reivindicación do patrimonio folclórico reclamando de quen dependa a recuperación deste volteo.

Danza de Xigantes e cabezudos: Esta peza tocouna José Fernández, gaiteiro de Vilafranca, quen co seu pai, autor deste pasodobre posiblemente, formaba parte dun dos tres cuartetos que a principios de século había na vila. Introducimos unha segunda parte con outras versiois entre elas a do gaiteiro que saía cos xigantes ultimamente, Isidro Álvarez.

Procesiois:Dáus pezas procesionais recollidas do gaiteiro de Soutelo (Trabadelo), Isidro Álvarez. A primeira de carácter máis tradicional era interpretada na procesión de Corpus de Soutelo. A segunda parte do repertorio da banda de Vilafranca para as procesiois de Semana Santa, que Isidro tocou no ano 80 na procesión de Venres Santo.

Pasodobre de Pepe: Recollido do repertorio de José Fernández trátase dunha peza de principios de século, ritmo que causou furor daquela, sendo incorporado e adaptado polos músico locais. Nós tocámolo coa formación de quinteto (moi frecuente destas datas na zona) que contaba con dúa sgaitas, clerinete requinto, tambor e bombo.

Muliñeiras de Isidro: A muiñeira, muliñeira ou moliñeira (das tres formas é chamada) é o con muito o ritmo máis representativos presentes na zona. Estas dúas xuntas recollímolas do repertorio de Isidro Álvarez.

Jota de Lugo: No apartado de invitados contamos coa presenza duns amigos que son da casa.  Con eles convivimos muitas veces na Romaría de Fombasallá, lugar deencontro dos gaiteiros do páis. Eles son "Os Tafaredas" gaiteiros de Pedrafita do Cebreiro.

Jota de Melide: Esta peza recollida dos Garceiras de melide, interpretouna Cándido Meixide, qu etocou a gaita de barquín (copia dunha curiosa rareza do sul de pontevedra) e Loli Bravo á pandeireta. Os dous son membros de Pallamallada (Vilagarcía de Arousa) un dos grupos tradicionais de maior prestixio no folclore galego.

Abrente en Cordobelas: Alborada composta por Roxelio de Leonardo Bouza que foi interpretada por Xaquín Xesteira, nado en Cambados (Pontevedra) que con vinte anos de idade ten unha longa traxectoria no mundo da gaita. Pertence aos Gaiteiros Treixadura, sendo anteriormente alumno de nando casal na Banda de Gaitas de Vilanova de Arousa. El puxo unha rúbrica do bon facer dun gaiteiro neste Encontro de gaiteiros Tradicionais. O tamboril tocouno Pepo Nieto da  Escola de Gaitas.

Vilafranca, xullo de 1992

* Esta peza que Clemente tocou non foi incluída finalmente na gravación debido a un erro da casa discográfica, aínda que si aparece nos textos. No seu lugar no cassette pódese escoitar a Moiñeira de Batribán.

viernes, 4 de enero de 2013

Encontro de gaiteiros tradicionais (I)



Reproducimos a seguir o texto impreso na carátula da gravación deste Encontro de Gaiteiros Tradicionais (editada no vrao do 1992 por TecnoSaga) baixo dous epígrafes: o primeiro centrado na organizadora do evento, e o segundo na filosofía e estrutura do Encontro. 

ESCOLA DE GAITAS DE VILLAFRANCA
A Escola de Gaitas naceu no inverno do 1981 como aula de música do Instituto de Cultura Popular “Gilberto Núñez Ursinos”. Desde o seu nacemento tein participado en numerosas festas e romarías como grupo de gaitas. Mais a Escola tamén desde os seus comezos levou a cabo un activo labor cultural chegando a legalizarse como asociación no ano 1986. No noso traballo de recuperación de costumes temos que salientar distintas manifestaciois do ciclo tradicional (fogueiras, magostos, xogos...), pero especialmente destacable é a organización da Festa do Maio, unha reliquia do folclore de campo cultural galego da nosa vila natal, unha tradición moi peculiar e chamativa que estando a piques de desaparecer e, tras un estudo rigoroso, voltou a enraizar de novo.
Outramente a Homenaxe ós Gaiteiros de Villafranca (4-xaneiro do 1988) principiou un traballo consciente de recolleita dos gaiteiros da zona que fixo posible o Encontro de Gaiteiros Tradicionais. A Escola de Gaitas abordamos este Encontro asumindo o papel de esclarecedores do panorama do folclore na nosa terra e saldar unha débeda máis co noso legado cultural coa edición deste documento sonoro que hoxe teis nas túas maos, un documento testemuña da realidade dos denominados tradicionalmente gaiteiros do país.

ENCONTRO DE GAITEIROS TRADICIONAIS (28-XII-1991)
No décimo aniversario do nacemento en Vilafranca da primeira Escola de Gaitas para a historia da gaita no Bierzo, abrindo unha etapa nova de melloras instrumentais e interpretativas abordamos este Encontro na procura dun repertorio da gaita do país que garanta a súa pervivencia e que remate co descoñecemento que por varias razois veu tendo esta importante e significativa faceta do noso folclore.
Se de cultura tradicional falamos, a pouco que nos movamos polos vales montañosos do occidente berciano, onde tein maior presenza a gaita de fol, comprenderemos que, lonxe de separar, as montañas unen. Caeremos na conta de que as manifestaciois culturais, en xeral, e mais a da gaita, en particular, dos Ancares, Cebreiro, Courel, tamén en Valdeorras e outros concellos vecíns coma o de Ibias en Asturies e as do Bierzo, en especial o galego-falante, deben ser asumidas como propias, deslindándose deste xeito a nosa identidade cultural da división administrativa recente que distorsiona tal harmonía tradicional.

Nestes lugares realizan un traballo de recollida e inventario de gaiteiros dun século a esta parte Héctor M. Silveiro e Gonzalo Bóveda coa axuda complementaria para o material gráfico e transcrición musical de Maite García e Marisa Cela, respectivamente, todos eles membros da Escola de Gaitas. Este labor serviunos de base para a realización do Encontro no que tamén foi de agradecer a atenta disposición da unidade móbil de Tecnosaga e a calor do público presente no Teatro Vilafranquino que caldeu un día tan frío, o do 28 de decembro do 1991, día no que se efectuou esta gravación.

A estrutura do encontro, que mantemos na gravación, tivo dúas partes. Unha primeira dedicada aos gaiteiros tradicionais representativos de distintos concellos que, como xa dixemos, quere ser un DOCUMENTO SONORO que, sen pretender ser completo ou exhaustivo, permita a quen o escoite achegarse ao presente e representarse o pasado da gaita destes lugares. A todos estes gaiteiros ( José Farelo de Hornixa, Emilio Díaz de Vilar de Aceiro, Francisco Terrado de Oencia, a Leonardo Gallego de Vilafranca e ao seu acompañante Agustín García, a Clemente de Ferreiras en Ibias e a Lisardo Bóveda ) xunto aos seus acompañantes vaian estas palabras de agradecemento sincero pola súa valiosa colaboración.
A segunda parte seguindo a concepción do Encontro contén unha serie de pezas interpretadas pola Escola de Gaitas de dous gaiteiros estreitamente vencellados a nosoutros: Pepe Fernández, que finara pouco tempo antes, e Isidro Álvarez, que daquela non se atopaba ben de saúde e non puido estar con nós. Ademais incluímos unha mostra da participación de amigos ligados dalgún xeito a propia existencia e traxectoria da Escola de Gaitas (Os Tarafedas gaiteiros de Pedrafita, Cándido Meixide e Loli Bravo de Pallamallada e Xaquín Xesteira de gaiteiros Treixadura). Tamén a eles lles agradecemos a súa importante colaboración.