martes, 23 de agosto de 2016

Gaiteiros do país na identidade berciana

Que redonda e contundente é a expresión popular  “os gaiteiros do país”  á hora de darlle nome a algo tan simple e tan complexo á vez como a contorna cultural. Sempre me chamou a atención esta fórmula tradicional de entender a gaita e os gaiteiros como algo propio. Se o Bierzo ademais pasa por ser unha entidade difícil de definir, a comarca, que na frase sabia e popular convértese en "pais", non deixa de manter a ambigüidade fronteiriza necesaria porque son considerados do país, por veces, gaiteiros do Cebreiro ou do Courel, de Valdeorras ou da Cabreira, posto que conviven e conforman ese mundo cultural que rodea a gaita e falan no mesmo idioma musical co que nos identificamos e como tal son tan do país como os que máis.

Sentimos a gaita desde moi pequenos como parte dese descubrimento lento,  profundo e insustituible que nos leva a coñecer o noso primeiro mundo, ese paraíso da infancia, hoxe perdido.  A gaita, como sen querelo, emerxe naquel proceso de formación, de interiorización da nosa cultura, dándolle sentido a ese “país” .  Se os sons da gaita, o agudo do punteiro e o grave do seu roncón sorprendéronnos á forza sendo ninos, o contexto no que aparecía en días sinalados nese discorrer pausado dos tempos da infancia, foi, sen dúbida, tan impactante e transcendente que aínda agora, transcorridos máis de 50 anos, son quen de facer percorrer por todo o noso corpo un conxunto de reacciois físicas e mentais difíciles de referir. Un arrepío intenso, pelos en punta e un reclamo das bágoas nos ollos que flúen sen querer e de alegría, son habituais nun  xogo de emociois colectivas vividas en familia, cos amigos e cos veciños, acompañadas de foguetes, campás e, no noso caso, facendo bailar aos xigantes e cabezudos, que de terlles verdadeiro terror infantil , hoxe pasaron a ser identificados como a alma da festa, parte indisoluble da nosa personalidade e esa música da gaita que os acompaña nada máis, nin nada menos, que o seu himno.

Reparando nese proceso de asimilación da cultura propia e partindo da experiencia persoal e local, entendemos primeiramente que, en esencia, é ese proceso igual ao que puideron sentir hai cen, douscentos ou trescentos anos calquera berciano ou berciana; aínda máis, que debe ser moi semellante ao progreso que desde a máis remota antigüidade cada membro dunha comunidade tribal experimentaba á hora de ir conformando a súa personalidade ou identidade patrimonial. 

Está claro que un instrumento só non exerce sobre as persoas tanto poder, pero se ao conxunto das reacciois físicas, aos sons de instrumentos determinados en momentos precisos engadímoslles,  xunto a eles, emotivas manifestaciois colectivas de unidade dunha pequena sociedade de homes e mulleres, ninos e vellos, nais e avoas, e se, sobre todo, estes rituais son reiterados no tempo ao ritmo do calendario das estaciois, veremos que,  de vello, estes actos tan sinxelos conforman paseniño as  poderosas tramas da singularidade dun pobo ou dunha comunidade.  
  
A nosa vivencia entendémola logo coma un mecanismo de socialización elemental que pretendemos investigar desde a raíz e cun dobre obxectivo: o de contribuír a esa memoria cultural do noso patrimonio inmaterial e fortalecer así a nosa identidade, pois non cabe dúbida, de que nos tempos de uniformizaciois e globalización que corren este tipo de traballos sonvos moi necesarios para non perder a nosa singularidade, a nosa identidade, esa que fai máis rico e diverso o noso planeta. Unha luita lexítima e xusta pola diversidade cultural da humanidade.

 Estamos convencidos de que a gaita é un deses elementos esenciais que conforman a cultura tradicional  do Bierzo. Obvio é que o Bierzo é singular,  existe unha certa e prolongada controversia sobre a súa identidade, pero se as tradiciois consolidan a personalidade dos pobos, a presenza e pervivencia ao longo dos tempos da música da gaita no país é un dos seus trazos definitorios indiscutible, na mesma esencia dese patrimonio cultural que pretendemos abordar.

Se cadra hai outros máis contundentes, como é o caso da lingua. Xa temos dito algo sobre a lingua dunha gran parte destes gaiteiros,  lingua coa que chamaban aos bailes que interpretaban, coa que poñían letra ás súas melodías. A lingua fala do pensamento, expresión interior do saber debe ser tamén considerada por ser unha das tradiciois máis antigas desta terra. Por iso usamos o idioma no que nos falaron tantos e tantos gaiteiros do país e será compañeiro nesta andanza, tamén por ser esoutro trazo esencial da nosa identidade cultural. Á lingua debemos, en definitiva, a maxistral expresión "gaiteiros do país".

viernes, 19 de agosto de 2016

Un merecido premio a unha nova aproximación ao mundo da gaita no Bierzo

Acabamos de saber do premio a un traballo de investigación titulado “Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera “ de Diego Bello, e quixeramos darlle unha benvida (antes incluso de ter ocasión de ler o texto, cousa que estamos desexando facer), alegría e parabéns acompañados  dunha reflexión inmediata.  O título "aproximación" fíxonos pensar na idea coa que tamén iniciabamos o noso xa vello traballo sobre o Achegamento a un século de gaiteiros nos lindes culturais galegos  e que, xunto a algunha publicación relevante máis, invita a culminar estes apuntamentos de breves aportes cunha obra máis completa que reúna este conxunto de pezas entroutros.



Entrega do II Premio Antonio Estévez ao gaiteiro berciano Diego Bello.


Aquela gaita que desde que eramos ninos nos levou á cultura ancestral do pobo, foi logo bandeira na adolescencia da nosa luita pola recuperación e o respecto pola tradición nos anos 80, puxemos así en marcha en Vilafranca a primeira Escola de Gaitas do Bierzo, sempre da mao dos gaiteiros tradicionais, maiores xa, Isidro, Pepe, Leo, Lisardo, Emilio, Domiciano...  A idea de situar no seu lugar á gaita, un lugar determinante na cultura tradicional no Bierzo.  

Outramente cos gaiteiros vellos, ademais de tocar, tamén falamos para facer memoria e afondar nas raíces da tradición. Xurdiu así un pequeno traballo sobre un século de gaiteiros no Bierzo nos anos 90 que servía de asentamento teórico da nosa convicción sobre a transcendencia da gaita para a definición do Bierzo tradicional. Este traballo, á forza, incompleto, non podía ser máis que un achegamento á espera dun labor de campo, dunha experiencia maior, dunha ampliación de coñecementos musicais...


Pasou o tempo e morreron muitos deses vellos gaiteiros, apareceu algunha publicación máis xa no século XXI que foi aportando máis datos e información  (por exemplo, Rafael Busto La Gaita en el Oeste de la Provincia de León(2008).) Hoxe cremos que foron superados aqueles condicionantes que nos impedían avanzar á hora de darlle corpo ao traballo, e aínda que outros novos nos asaltan, pensamos que é momento de abordar  un traballo teórico consistente co conxunto de elementos que fomos reunindo aos que temos que sumar recentes aportaciois de novos investigadores, como é o caso de Diego Bello, que tamén son un aliciente grande para dar este paso e superar na medida do posible  para o mundo da gaita no Bierzo aquel nivel de aproximación no que aínda estamos.