jueves, 13 de noviembre de 2025

UNHA TARDE DE BUREO

 


A Escola de Gaitas de Vilafranca intervirá no espectáculo: Unha tarde de Bureo con dúas pezas emblemáticas da nosa vila natal: A canción dos maios (para a que contaremos coa colaboración da Esculea Municipal de Música Pedro Halffter Caro) e a Danza de Xigantes e Cabezudos.   

O próximo sábado 22 de novembro ás 20:00 h., terá lugar no Teatro Bergidum de Ponferrada o espectáculo musical "Unha tarde de bureo", no que participan varios grupos e solistas destacados da comarca do Bierzo.

Con este evento festivo ponse en valor a tradición berciana a través dos 12 meses do ano, con actuaciois dedicadas a cada un.

Entradas á venda no teatro e en www.giglon.com

A recaudación da entrada irá a favor do Instituto de Estudios Bercianos.






domingo, 18 de mayo de 2025

LETRAS GALEGAS PARA AS NOSAS CANTAREIRAS

 


O grupo de Pandeireta da Escola de Música de Vilafranca homenaxeou ás pandeireteiras do Bierzo con motivo do Día das Letras Galegas, ao igual que fixeron muitos agrupaciois e entes culturais en Galicia, xuntándose para cantar e bailar na súa honra. 


Centos ou miles de anónimas cantadeiras homenaxeadas no Día das Letras 2025

O territorio galegofalante do noroeste peninsular foi quen de gardar un tesouro patrimonial monumental que permanecía á vista de todos a súa sorte,  á intemperie dos tempos,  e que, por non ser valorado convenientemente (cuantas veces actuamos como cegos  por, como á espera da morte, de oculto e marxinado que estaba. Falamos da tradición oral. A non querer ver o que temos mesmo diante dos ollos), semellaba  estar, sen enterrar, soterrado Real Academia Galega acertadamente rescata este tesouro que chegou vivo ata o século XX para promover a súa redescuberta ben entrado xa o século XXI e darlle oportunidade de seguir vivo e con futuro nas maos da mocidade toda.

 

Se queres que te queira

quéntame o mirar,

encende a pel da noite,

térmame, puñal.

Á miña porta levas

maos pra me abrir,

no centro do teu nome

dígoche que si.

Nos labios unha rosa

pro meu caravel,

que se revolve en febre

cuando te vou ver.

Se queres que te queira

dáme de beber,

regueiro de auga doce,

morte do porqué.

 

  A poucos quilómetros de Vilafranca cantábase este cantar, en Chan de Vilar foi recollido por Dorothé Schubarth nos anos 80... hai algo menos de 50 anos a tradición oral seguía viva, pero aparentaba estar ferida de morte pola falta de poboación, pola emigración, outro efecto dese capitalismo depredador no que habitamos. Este patrimonio da oralidade que representan as vellas pandeireteiras,  sorprendía no ano 1978 a unha  musicóloga especialista suíza ata o punto de que decidiu pasar eiquí, entre nosoutros, 20 anos da súa vida realizando un complexo e duro traballo de campo polas aldeas de noso e, sen reparar en fronteiras (quero dicir que tanto recolleu coplas no concello de Candín, Balboa ou no de Corullón, como no de Cervantes, As Nogais e Pedrafita). O resultado espectacular que nos deixou a cambio é unha das máis importantes colecciois rexistradas da música popular de Europa, un verdadeiro Pórtico da Gloria, en forma de Cancioneiro Galego de Tradición Oral. Certamente ese tesouro que permaneceu por séculos vivo en cada casa do rural de Galicia, do Eo Navia, das Portelas e do Bierzo, como constatou aquela especialista marabillada, era singularmente arcaico e rico. Outra cousa marabillosa é o vigor que este traballo documental inmenso está a experimentar 30 anos despois da súa publicación, algo que lamentablemente non puido disfrutar de vagar a súa autora a musicóloga suíza falecida no 2023, pero si o seu colaborador e coautor da obra, ademais de eminente filólogo, Antón Santamarina. Este patrimonio inmaterial da tradición oral está sendo actualmente un referente obrigado para muitos mozos e mozas de hoxe sensibles ante a natureza tan atractiva desta riqueza que, tras pasar centos de anos anónima de boca en boca, centos e centos de melodías e versos en lingua de labregos e pastoras, fruito da creatividade dunha sociedade rural poderosamente harmónica e tremendamente humilde, emerxe con forza agora nas gorxas novas e agradecidas. 

 Non obstante, a Academia Galega con esta celebración quixo honrar no Día das Letras a 7 cantadeiras (Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema) rachando por fin co tradicional anonimato desta expresión popular espontánea e espléndida.  Homenaxea a 7 mulleres con nomes e apelidos que representan a eses milleiros de pandeireteiras que, xeración a xeración, chegaron ata os nosos días cantando, ben para reproducir e transmitir con cariño este legado de centos de anos atrás, ben para recrear e compoñer novas coplas con naturalidade, porque tamén elas foron autoras, mais autoras sempre anónimas.

A primeira vez que eu escuitei falar dun grupo de cantadeiras do Bierzo e na nosa vila foi igualmente unha breve referencia directa dunhas mulleres anómimas que cantaban ao pé de San Nicolás muitos domingos coas súas pandeiras aló nas primeiras décadas do século XX. Efectivamente o fenómeno do seráns, das ruadas, foliadas, fiandois, polavilas...( ten unha chea de denominaciois), respondía ás peculiaridades de cada aldea ou vila e podían relacionarse con diversos labores propios do calendario tradicional, pero, en todas estas xuntanzas soaban as voces sabias e femininas acompañadas das pandeiras. Un home case octoxenario, Don Alejo Sandes, recordoume deste xeito o baile popular liderado por mulleres na nosa vila. Non tardamos en atoparnos logo, nos anos 80 na romaría de Fombasalá a Estrela de Pobladura de Somoza coa que tantas veces pasados os anos compartimos cantos de pandeireta, festas locais e bailes. Lembramos agora tamén a Remedios de Prado de Paradiña e, nos magostos, a Socorro  González de Vilar de Aceiro, Arxentina Frey cantadeiras da Somoza que seguiron e seguen a outras muitas que fomos descubrindo algo máis tarde  Aurora e Severina Abella de Pereda,  Herminia Brañas de Vilariños, Amparo Voces de Borrés, ...     

Despois de que unhas pandeireteiras como as Tanxugeiras estivesen a punto de representar a España no Festival de Eurovisión de hai dous anos,  cunha proposta tan radical,(é dicir, propia da raíz, da tradición oral na que se criaron) e provocasen unha especie de alegre revolución cantada ao son das ferreñas das pandeiretas,  a presente celebración do Día das Letras é logo unha oportunidade ideal para asentar este rexurdir da tradición oral entre as xeraciois máis novas.  Ofrece, ademais, unha revisión profundamente didáctica do proceso previo, do labor de recompilación de centos de agrupaciois folclóricas, de colectivos e persoas interesadas neste fértil terreo da oralidade á que se deben logo formaciois musicais de distinta índole que foron recollendo, estudando, difundindo, recreando e revitalizando o panorama da nosa cultura, da cultura que compartimos O Bierzo e Galicia e que se manifesta, claro está, en galego, esa da que Amancio Prada, Aínda, Rapa das Bestas, as Cantareiras de Arnado ou a Escola de Gaitas de Vilafranca son só alguis nomes que testemuñan como se vai concretando na historia da nosa comarca esta magnífica herdanza patrimonial, marca indiscutible da identidade berciana.      

 

Héctor M. Silveiro Fernández


domingo, 12 de enero de 2025

DOS REISES DE BENDOLLO

Foto dos anos 90 dos Reises vellos do Cebreiro 

 Hai un tempo publicamos eiquí neste blog unha entrada para falar dos petitorios e dos ciclos festivos. Hoxe imos colgar a modo de coda daquel artigo unha pequena ampliación achegándonos aos Reises de Bendollo (lugar do Concello de Quiroga).  Lembremos que as comitivas dos Reises eran veciños dunha parroquia que no Nadal e de solsticio, a finais decembro e primeiros días de xaneiro, no que as lareiras afumaban os chourizos tras da matanzas realizadas tras das primeiras xiadas do inverno e celebraban esta festa de bon trato entre vecíns, de reafirmación da veciñanza cos Reis como pretexto.  Escuitemos, en primeiro lugar, a magnífica versión que o grupo Ailá fixo recentemente desta cantiga do CD Ailá de Nadal que se editou grazas a colaboración da Secretaría de Normalización Lingüística:


Vaiamos agora entrando en detalle coa letra deste tema, tirada dunha recolleita que aparece no Cancioneiro antropolóxico do Concello de Quiroga, Ribas do Sil e montañas do Lor realizada por X.L. Foxo:                                       

Reises, Reises miña tía

chouriciños á potiña.

Reises, Reises miña tía

chouriciños á potiña.

 

Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

dénolo aguinaldo si no lo ha de dar,

 que somos de lexos temos que marchar.

 

Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero

eiquí vive e vivirá

e o aguinaldo nos dará.

 

 Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

 dénolo aguinaldo si no lo ha de dar

que somos de lexos temos que marchar.

 

 Estas portas son de pino

aquí vive un gran cochino

eiquí vive e vivirá

e o aguinaldo non nos dá.

 

 Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

dénolo aguinaldo si no lo ha de dar

que somos de lexos temos que marchar.

 

 Estas portas son de pau

 aquí vive un gran marrao

aquí vive e vivirá

e o aguinaldo nos dará.

 

Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

dénolo aguinaldo si no lo ha de dar

que somos de lexos temos que marchar.


Esta letra presenta unhas coplas de carácter petitorio na que se pide insitentemente o aguinaldo ás que se acompañan outras coplas acordes que corresponden co halago ou  o insulto como resposta á muita ou escasa xenerosidade de cada casa. Estas últimas coplas resultaban un verdadeiro estimulante para suliñar esa relación comunitaria no que o humor e a ironía non deixaba de emerxer. Nótese a categoría das portas das casas ás que se canta: a calidade do ferro fronte febleza das de pino e, muito máis das de "pau", por non falar do manifesto e caricaturesco contraste do "caballero" da primeira das respostas co "gran cochino"ou o "gran marrao" das coplas de resposta aos petitorios que se cantan despois.

Outramente quixeramos insistir, e suliñar á vez, no populares que resultan este tipo de alusiois ás portas de ferro en toda a zona do galego oriental de Quiroga ao Bierzo, pasando polo Cebreiro, ademais de constatar un pouso común, da irmandade ou unidade cultural a un lado e ao outro da actual fronteira administrativa. 

A Carantoña ameazando cun xardón na mao (Reises do cebreiro dos anos 90)

Rematamos sinalando que non podemos esquecer de ningún xeito que esta manifestaciois de tradición oral deixan ver ás claras o solapamento das tradiciois relacionadas co solsticio de inverno que derivan no Entroido e as que viñeron despois da mao da Igrexa e o Cristianismo. Lembremos que os Reises vellos ou Reiseiros do Cebreiro son cuatro e están acompañados pola Carantoña, é dicir, unha máscara de pel de coello ou de lobo, e, por veces, do Mochileiro que tamén usaba careta, logo a pesar de denominarse reis e cantar ás portas das casas cantigas relativas ao Nadal, o aguinaldo e as bromas da Carantoña ameazando cunha póla de xardón a pequenos e maiores xa é unha evidente expresión do tempo de correr o Entroido que se iniciaba nos días máis curtos e de noites máis longas do ano.       

Reises do Cebreiro en 2024 (foto O Progreso de Lugo)


Foto da recuperación propiciada polo párroco Xesús Mato dos Reiceiros do Cebreiro. 

viernes, 7 de junio de 2024

OS GAITEIROS DE MORALES (II)

 Gaiteiras/os de Vilafranca ante a tumba de Morales no ano 2002

     O segundo dos gaiteiros que Antonio Fernández Morales cita no seu libro Ensayos en dialecto Berciano(1861) aparece no poema Villafranca y a vendima  Neste caso como adoita suceder cos gaiteiros do país é un gaiteiro anónimo, do que non coñecemos o nome, pero, como lles pasa a todos os músicos tradicionais galegos do XIX, terán un halo ou aura ao seu redor que lles confire un valor e unha presenza singular e senlleira que os condiciona á vez que lle confire ao contexto un vigor realmente notable.  Como no caso anterior no que os bercianos se desprazaban á sega aos campos de Castela, neste caso que comentamos agora son galeguiños os que se desprazan á daquela capital do Bierzo, Vilafranca, como cuadrilla para traballar na vendima. Un traballo temporal ao que acoden homes e mulleres humildes que teñen na aldea de orixe outro oficio, entre eles o de gaiteiro, que non dá por si só para comer como xa temos comentado.  

    Vaiamos ao texto para elucubrar de onde procede este gaiteiro, se sería do Bierzo, da montaña ou de máis aló do Cebreiro.  Coñecemos caso de gaiteiros que viñan tocar desde Navia á comarca berciana (falamos do Manuel O Poso que segundo contan chegou a coñecer a un dos gaiteiros bercianos, Isidro Álvarez). Logo esta presenza e contactos eran cuando menos frecuentes tanto para eventos festeiros como para traballar temporalmente. No poema describe con notable insistencia como chegan galeguiñas e galegos que se identifican (como se sobreentende) polo idioma que falan e mais a música que traen con eles: 

De galeguiñas con megos

e de robustos galegos 

chegan cuadrillas á villa,

todos obedientes cegos

ó cahicán da cuadrilla.

Ó pallar  do seu Señor

 xuntos se van a durmir,

e logo que  ha amanecido ...

    (Estes versos manteñen, por outra parte, semellanzas evidentes entre outros cos poemas do Repoludo gaiteiro e a Alborada dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, pero lembremos que son anteriores os do noso poeta aos que escribiu ela. Nótase de todos xeitos que ambos se inspiraban na realidade a partir dos costumes e,  mesmo, na literatura de tradición oral da época).  Mais poñamos a tocar ao gaiteiro:

E logo que ha amanecido

a vendimar vanse á viña,

levando, no seu metido,

 cada guapa galeguiña,

o cesto do seu querido.

  na gaita de fol tocando

vai o gaiteiro a muiñeira:

algúis ó son bailando,

i algúis nos cus tocando

dos seus megos a pandeira.

acompasando as pisadas

 e collidas polas maos

 outras van emparexadas,

cantando as mesmas tonadas

doa anos todos pasaos.

Ó finar, con muito ardor

aturulan: hi, ji, jiiiiiiiii!... 

     De que lugar de Galicia será este gaiteiro?  Estará na cabeza de Morales ao realizar estes versos a idea do Bierzo actual ou, como é loxico esoutra que vía o Bierzo baixo ou chao, naquel que reside na zonas do val fronte a esoutro territorio das montañas galegofalante, sexan estas dun lado ou doutro da actual fronteira adminsitartiva?  Daquela, vendo os mapas dese mesmo tempo e atendendo ao famoso Tira dela Galicia e Castela non a solta era aínda máis confuso e dificultoso que hoxe establecer onde exactamente comezaba Galicia. Ao falar de galegos referíase seguramente a habitantes dese espazo antes e despois do Cebreiro realmente próximo a Vilafranca. Eses veciños/as dos lindeiros que falaban e falan do Bierzo como dun espazo distinto, ao que non pertencían. O Bierzo era e é o val de vivir menos austero de Vilafranca e Cacabelos. Eran estes logo os galeguiños e galeguiñas do poema? Cremos sinceramente que si que estas cuadrillas galegas viñan das montañas de acó e aló do Cebreiro.

     O carácter identitario que presenta este gaiteiro,  ao non lle resultar o lugar alleo o do Bierzo,  é tamén algo a subliñar tendo en conta que é precedente do que será  tema central no poema que estamos comentando: Esa tensión territorial entre Galicia e Castela.  Por iso os actos que executa o gaiteiro son cuidadosamente descritos como marca de tradición e. polo tanto, de fortaleza patrimonial relevante. 

    Cantos gaiteiros galegos viven e desenvolven o seu bon facer como instrumentistas no Bierzo, eiquí temos logo un precedente (en varias entradas deste blog e, por suposto, en traballos sobre a gaita como o de Diego Bello fálase abondo deste tema), que Morales describe con rigor e logo invita a pensar como a gaita galega, a gaita de fole é propia da comarca e comparte con Galicia ben patrimonial o seu acerbo. A convivencia fai que o repertorio e estilo sexa ou poida ser común e compartido. Insistimos por que  non se pode considerar estes gaiteiros da contorna como gaiteiros do país, entendendo como tal algo máis estenso que unha localidade, mesmo que o propio ámbito comarcal sen chegar a ser de Provincias distantes. O territorio da gaita como ben pinta Pablo Carpintero para as épocas anteriores ao século XX é todo un continuum  con diversas variantes que vai desde a costa ao interior e que flúe, como tamén o fai o idioma sendo tan propio a un lado como a outro da fronteiras que se está impoñendo  na conciencia daqueles homes sinxelos entre os que vivía, como non vai ter existido tamén este, o noso gaiteiro anónimo do poema dedicado a Vilafranca e a vendima. 

    Sigamos coas referencias  de Morales. Ao final da xornada volve a música a soar despois da cea:

logo unha moza labieira 

ponse a tocar a pandeira

e brinco vai e vén brinco

aílí bailando a muiñeira

pasan cuatro horas ou cinco.


    E, ao día seguinte, a gaita acompaña de novo ás cuadrillas:

I en cuanto o sol alumar

quere dos tesos a cima,

ás viñas a vendimar

van e volven sin parar

hasta que remata a vendima.

Ó  respective dun real

diario, paga o xonal 

entonces o cosecheiro;

e co placer, ó ver tal,

infla seu fol o gaiteiro.

Cuando o novo día brilla,

van co gaiteiro á cabeza,

 cuadrilla tras de cuadrilla,

 buscar vendima a outra villa

onde esta labor empeza.

    Deixamos para afondar noutra entrada a abundancia de refráis sobre gaiteiros e o viño (unha asociación que tamén se produce curiosamente coa palla e o palleiro) que resulta pertinente comentar pois esta relación queda feita nos versos citados e  concluamos, polo de agora dicindo que estas testimuñas do denominado patrimonio inmaterial son esenciais para entender o  que a sociedade da época pensaba acerca desta figura do gaiteiro e deste oficio musical.

   

Dramatización do poema Villafranca e a vendima de Morales na Festa do Maio de Vilafranca (2011) 

sábado, 25 de mayo de 2024

SARMIENTO Á CABEZA DOCUMENTANDO A MUIÑEIRA

 



O padre  Martín Sarmiento é un personaxe realmente curioso e sorprendente. Que Sarmiento era un adiantado a súa época, un sabio e un erudito non nos cabe a menor dúbida. Para o mundo da gaita e a música galega é ademais unha fonte riquísima de documentación. Un recente estudo pon en valor o papel de precursor do frade bieito que tamén ten para a etnografía e o folclore ao estudar a muiñeira e caer na conta que o ilustrado nacido en Vilafranca foi o primeiro en documentar a palabra muiñeira.  
El realmente usa ao escribir estes versos do seu Coloquio das mil duascentas coplas ou Coloquio dos 24 galegos rústicos, escrito en 1746, a denominación de moiñeiras como se observa claramente na foto da edición facsimilar.

Podes saber máis sobre o asunto no blog amigo OMEGODAESCOLA  

miércoles, 4 de enero de 2023

A AGG, unha asociación da tradición viva


 Unha reportaxe da RTVG sobre a Asocación de Gaiteiros Galegos. Algo mái sque unha asociación de gaiteiros e gaiteiras, de bailadores e de interpretes e artesáns de instrumentos tradicionais galegos.


lunes, 11 de julio de 2022

Pablo Carpintero na procura da gaita galega máis antiga

A gaita de Xan de Campañó (século XV)

 Pablo Carpintero volve a sorprendernos coa datación da gaita galega máis antiga que se conserva.unha das gaitas que pertenceu ao gaiteiro Xan Tilve de Campañó que segundo puido investigar e acaba de difundir o propio artesán pódese saber se unha gaita como esta ten unha antigüidade determinada.  Escuitemos no seguinte vídeo a explicación de como se logrou constatar cienificamente  que era tan antiga esta gaita e tamén como soa:

Deixamos un par de enlaces a páxina web de Pablo Carpintero con máis información sobre o tema: 

A gaita de ronquillo de Xan de Campañó

Sobre a gaita de Xan de Campañó do século XV

-


viernes, 7 de enero de 2022

Petitorios e ciclos festivos

Imos realizar  un breve apuntamento, unha pequena viaxe, e á vez unha interesante reflexión sobre os petitorios que se presentan de xeito continuado en distintos momentos no calendario de tradiciois anuais. Realmente é unha fórmula de socialización activa que solicita a cambio do canto un donativo, está intimamente asociado ao carácter participativo e activo da festa  polo que o vemos nos aguinaldos, nas comparsas de entroido, nos maios... Logo se produce a reiteración das fórmulas seguindo un esquema básico acorde coas regras esenciais da oralidade que fai que, a pesar dos centos de variantes existentes, vexamos notables coincidencias sobre todo se nos fixamos  na estrutura  e,  como non, as semellanzas parciais ou totais derivadas da proximidade dos territorios.  Fixémonos nun caso que xa hai tempo nos chamou á atención os petitorios de tradición oral do Cebreiro e do Bierzo.    

Foto do xornal O Progreso de Lugo

Falemos en primeiro lugar dos petitorios do aguinaldo que atopamos no Canto de Reis/Reises  do Cebreiro. Na fermosa e colorista versión que colgamos máis arriba do magnífico músico e instrumentista Pancho Álvarez podemos escuitar e distinguir perfectamente os dous propios dun petitorio: As peticiois iniciais e os agradecementos, cuando se daba algo ou mesmo insultos, vituperios  posteriores, se non se daba nada:

PETICIOIS:

Día de Reis, Día de Reis

primeira festa do ano

entre damas e doncelas,

vimos pedi-lo aguinaldo


Se queren da-lo aguinaldo

non nos fagan agardare

somos de lonxanas terras

temos muito que andare.


Ese señor, Don Luis,

muito lle pinta a chaqueta

meta a mao no seu bolsillo

e tíreme unha peseta.


 COPLA  DE AGRADECEMENTO: 

Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.


COPLA DE AGRAVIO

Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas

Estas coplas que escolleu Pancho Álvarez foron recollidas xunto coa melodía tradicional por Mini e Mero segundo se cita no  CD titulado Cantigas de Nadal que se editou por Do FoL EdiCións no ano 1998.

Na rede podemos documentar algo máis a partir do recollido polo equipo de investigación do Apalpador da Genthalha do Pichel gravado no lugar de Cileir, O Cebreiro (2011). Atopamos a Amadora, unha veciña dunha aldea do Ceberiro falando dos Reis e da Carantoña, o cal nos fai pensar que o Ciclo de Nadal realmente agocha unha forte corrente de tradiciois que no inverno tentan preparar unha boa entrada da primavera, algo que logo no calendario foi denominado Entroido, que normalmente se asocia ás máscaras e a este tipo de encontros con petitorios polas aldeas adiante. O antropólogo Lisón Tolosana documenta xa muito antes esta práctica no seu libro Antropoloxía Cultural de Galicia. 


Pois ben, pasemos finalmente ao Bierzo e ao mes de maio. Na Festa do Maio que se conserva en Vilafranca volvemos atopar petitorios onde se piden castañas e vemos como se reiteran entre outras coplas unhas idénticas ás de agradecemento e agravio que reproducimos máis arriba.  A funcionalidade é a mesma, pero o ciclo é distinto xa que neste caso se celebra a entrada da primavera.

Este maio, señora é,

este maio andaba de pé.


Tire castañas, Señora Manuela, 

Tire castañas cas tein na mantela.


Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.


Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas.

 Rematamos por hoxe, non sen dicir que puideramos seguir atopando en lugares máis distantes neste tipo de manifestaciois do nosos patrimonio unha morea de coplas mui semellantes a estas como temos comentado xa nalgún outro texto. Máis adiante prometemos seguir tirando deste fío.  


lunes, 19 de julio de 2021

Concerto didáctico sobre: Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega

 Colgamos a seguir VOLVER Á TERRA un concerto didáctico do 2013 para o Proxecto Ronsel que deron Pablo Carpintero, Rosa Sánchez e Gustavo Couto. Un interesante documento que podemos ver grazas ao propio Pablo Carpintero ao que lle agradecemos que permita gozar de eventos verdadeiramente interesantes aínda que sexa en diferido.


OS GAITEIROS DO PAÍS, na revista LA COMARCA 13/XI/ 1992

 Na desaparecida revista  LA COMARCA del BIERZO no seu número 13 do mes de novembro de 1992 saíu esta reseña sobre o traballo de recolleita da Escola de Gaitas que reproducimos a continuación: 



  

viernes, 16 de julio de 2021

GAITEIROS DUNHA PROVINCIA DO INTERIOR (1ª parte)

 

Cuarteto de Sésamo ( A Veiga de Espiñareda) na década dos 40

Imos realizar unha entrada produto dun soño máis que dunha realidade asentada pero que nos permita observar sen cancelas as comunicaciois gaiteiras entre comarcas próximas. Debemos lembrar que os soños forman parte ineludible e inseparable do ser. A sociedade berciana soñou sempre cunha provincia que en realidade ten dalgún xeito existencia histórica anterior, xa non digamos a antiga provincia romana Gallaecia que era outra cousa, pero si a unha realidade territorial algo menor ca romana de evidencias intermitentes  ao longo da historia máis recente ao pertencer por momentos, muitos destes territorios e lugares que imos nomear, ao Condado de Lemos medieval. Existe, como non, unha base real se temos en conta o contacto e a relación fluída que de vello houbo entre comarcas montañosas como Caldelas, Trives, Valdeorras, Merindade de Aguiar, Courel, O Cebreiro, Cervantes, Valcarce, A Somoza, Ancares e mesmo a Cabreira ... que conforman en gran medida un mesmo mundo cultural ao compartir a diario as súas xentes unha paisaxe e unha fala común, entre outras tantas cousas. 

Vaiamos logo trazando un mapa de pequenas comarcas que se vencellan, algunhas mesmo sendo parte daquela Provincia de Villafranca do 1821 que tras da crise do Antigo Réxime estivo a punto de asentar administrativamente unha complicidade xeográfica e cultural que vertebra O Sil arredor de todos os ríos que del son afluentes.

 Comezamos a enumerar logo gaiteiros do país que se sitúan nas zonas máis periféricas deste centro do Noroeste da montaña que poñemos situar no Bierzo na procura dun equilibrio soñado entre os dous mundos que conflúen nesta comarca. Son gaiteiros que viven sobre todo da primeira metade do século XX, aínda que beben da tradición de finais do XIX protagonizan páxinas brillantes para a gaita antes de que declinase a súa poderosa presenza nos programas das festas patronais e noutros eventos relevantes tamén do Bierzo.    

 OS TRABAZOS  DE CASTRO CALDELAS 

Para falar destes bos gaiteiros de aló as Terras de Caldelas acudimos ás fontes máis fidedignas e máis axeitadas para divulgar datos con axilidade a través da rede. 


OS TRINTAS DE TRIVES


Na comarca veciña de Trives atopámonos cuns gaiteiros de longa e exitosa traxectoria que visitaron no seu tempo o Bierzo dando conta do seu paso pola historia da gaita no século XX. Estas relaciois musicias seguramente estimularon a creación de cuartetos semellantes entre os músicos locais e a incorporación de sons e instrumentos. Constatamos así unha evolución en paralelo entre a gaita no Bierzo e as súas comarcas galegas veciñas.  Pero o máis interesante resulta establecer, sen dúbida, as semellanzas e diferenzas nos repertorios duns e doutros.    

Volvemos a tomar prestado un vídeo divulgativo de Diego Prieto para saber algo máis dos gaiteiros Os Trintas de Trives. Agradecemos e aplaudimos dende eiquí o seu traballo.


CONTINUARÁ
 

miércoles, 23 de diciembre de 2020

PRIMEIRA LECTURA: APROXIMACIÓN A LA GAITA Y SU USO EN EL BIERZO Y CABRERA


Parabéns Diego e graciñas

Ao rematar unha primeira lectura da Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera de Diego Bello Fernández, quixeramos facer unha primeira valoración dun xeito áxil, quizais algo precipitado, pero tendo pendente outras máis detalladas e sosegadas relecturas. Debemos felicitar sinceramente por este traballo ao seu autor porque realmente supón un decidido paso adiante no coñecemento dos gaiteiros do país,  á vez manifestar publicamente un duplo agradecemento, por unha banda pola relevancia que isto ten para nós como bercianos e amantes da cultura e pola outra por consideralo dalgún xeito continuador do camín emprendido pola Escola de Gaitas no ano 1981. Confirmamos as nosas expectativas ao ter nas maos un verdadeiro ensaio que usa dunha óptica ben distante da que, por exemplo, se desprende daquel Cancioneiro Oencia e contorna  de X.L. Foxo  e que, habendo aínda camiño por andar, significa un punto e aparte sobre o que ata o de agora se viña publicando no mundo da gaita no Bierzo. Quixeramos dun xeito inxel e sinxelo, sen excesiva argumentación pois, poñer branco sobre negro algúas das nosas análises iniciais, primeiras sensaciois sobre esta investigación e a súa transcendencia aplaudindo a filosofía  e,  claro está, o rigor que, en xeral, se aplica ao conxunto da xenerosa serie de datos que se manexan.

 


O maior catálogo de gaiteiros tradicionais do Bierzo e da Cabreira

Destaquemos como máis significativos, dous dos grandes acertos e aportaciois que Diego Bello realiza: O extenso inventario de gaiteiros da comarca do Bierzo e da Cabreira, así como a análise do repertorio destes gaiteiros. En ambos casos cuida o detalle e procura afondar ata onde puido iluminado por un coñecemento o máis directo posible da información que reúne. Esta singularidaridade, por forza e lamentablemente, estando como estamos á altura do século XXI,  realza o esforzo extraordinario realizado, dada a case total desaparición das últimas xeraciois de gaiteiros tradicionais, esas que non viviron o que podemos denominar o boom da gaita dos anos 80 que medrou en parello á difusión de festivais do mundo Celta, as bandas de gaitas e demais produtos de recente creación.   Fronte a esta fortaleza o traballo resíntese  desa falta de efervescencia e frescura sendo testemuña do declive destas últimas décadas do mundo da música popular de raíz. As limitaciois que implican abordar este tema pasado o ano 2000, son resoltas con destreza indagando en fontes documentais e outros traballos para ofrecer unha idea de conxunto notable e  publicar o maior catálogo de gaiteiros tradicionais para estas dúas comarcas,  un obxectivo envexable que nos marcaramos Gonzalo Bóveda e mais eu nos anos 90 na propia Escola de Gaitas e que, dalgún xeito, vemos culminado na autoría de Diego Bello. O autor, intelixentemente, foxe da exhaustividade á que outros renunciamos hai tempo, pero á vez, fruito dun bon traballo consegue un excelente resultado. Subliñamos como excelente o que se coloca como modelo, os gaiteiros do Concello de Trabadelo, aínda que tampouco se quede atrás a cata realizada para o conxunto de concellos da Cabreira.

No tocante ao repertorio creo que foi pouco ambicioso e é menos brillante do que nos esperabamos. Trátase dun tema arduo que con criterio óptimo incorpora os sons dos informantes. Os audios verdadeiro cabalo de batalla ao que  se enfronta á hora de asentar como é debido unha empresa destas características do que temos que dicir sae ben parado e cremos que con certa cautela evita ser xeneroso en exceso, reservando (permítasenos a metáfora) parte do material pirotécnico para a seguinte festa, á que parece evocar sen citar mesmo se se observa o título da obra.



Algo que podería mellorarse

Reparemos agora nalgunha cousa que non nos gustou, Insistimos, nesta primeira e impetuosa lectura, e que, en gran medida, cremos que non depende do propio Diego.  Este libro ve a luz grazas a ter acadado un premio (o Premio de investigación Antonio Estévez na súa segunda edición ano 2016). Cremos que este publicación precisaba outro trato, con maior personalidade que non soubo ver a institución que o edita, o Instituto de Estudos Bercianos que prefire abaratar custes xuntando varios textos nun só exemplar, os premios de varias ediciois, en lugar de darlle a dimensión que corresponde e o percorrido que precisa seguramente tanto este, como os outros textos premiados.  Unha evidencia do que estamos a dicir é que se presenten en formato dixital capítulos enteiros non pouco esenciais ( como o mesmo inventario de gaiteiros entre eles). O disco cos anexos debería ser o espazo exclusivo para audios e vídeos. O anómalo resulta a publicación dixital dunha gran parte de textos e fotografías que enriquecerían a todas luces unha edición en exclusiva deste ensaio.


A modo de conclusión: Saber beber das fontes

Diego coñece a diferenza de beber, sen máis,  e de saber beber das fontes e isto constitúe outro dos valores desta Aproximación....  Enfatízase, cousa que é de agradecer, o noso papel de vangarda no estudo do mundo da gaita no Bierzo, algo que outros esquecen, pero do que Diego non renega. Gustounos comprobar que o noso labor, o da Escola de Gaitas de Vilafranca se recoñece directa e indirectamente en cantidade de aspectos, matizando, complementando ou establecendo criterios diferentes. Pensamos por iso que Diego desaproveitou a nosa proximidade para contrastar abertamente con nós cuestiois que deberiamos abordar.  Entendemos que o fai consciente da certa carga de prexuízos que suporía ter que reconsiderar e a necesidade da procura dunha independencia no discurso, que, de todos os xeitos, non hai quen poida cuestionala. O certo é que estamos traballando no mesmo campo e ao igual que Luis Mondelo ou Pablo Carpintero e tantos outros, procurar a conversa fluída no mundo da gaita no Bierzo resultaría realmente gratificante e feraz para seguir dando pasos.

Rematamos, polo de agora, este noso primeiro achegamento, volvendo a incidir no transcendente e imprescindible valor desta Aproximación.... para poder coñecer mellor aos gaiteiros do país e co contento de poder contar con este bon traballo para poder seguir avanzando con pé firme na posta en valor da nosa cultura tradicional.

                                                                                                                         CONTINUARÁ

sábado, 5 de diciembre de 2020

Outra versión da Jota Cantada

 No ano 1991 ENCONTRO DE GAITEIROS TRADICIONAIS co que celebramos o X Aniversario da Escola de Gaitas gravabamos no Teatro de Vilafranca unha peza titulada Jota Cantada interpretada por Leonardo Gallego (gaita) e Agustín García, que puxo a voz, ambos os dous sendo naturais do concello de Trabadelo, residían en Vilafranca. Pepo Nieto, percusionista da Escola tocou naquela ocasión  o tamboril.

Agora Diego Bello e os seus compañeiros "Pamplinas" realizan unha versión nunha recente iniciativa da Deputación de León denominada Son de León: 



miércoles, 10 de junio de 2020

UN LIBRO SOBRE O ARTESÁN DA GAITA XOSÉ M. SEIVANE



Un novo libro chega ás librarías sobre un dos artesáns da gaita do século XX en Galicia que serviu de ponte co século XXI. Repasamos brevemente á calor da nova desta publicacion sobre Xosé Seivane os fitos que para nosoutros supuxo, como tamén o que significou para o mundo da gaita galega, ademais de agradecer e celebrar con alegría este traballo necesario. Xosé M. Sánchez Rei é o autor do texto subtitulouno A Gaita con maiuscula e inclúe unha recompilación con partituras de pezas do repretorio de Seivane transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas. 

Xosé Seivane soubo, como dicimos máis arriba, manter transitable esa ponte entre o tempo previo ao Franquismo (comezou a traballar no ano 1939) co que isto supuxo para o feito cultural para calquera das súas facetas, en especial,  para as manifestaciois de corte popular e a de raigame galega. Soubo manter despexado e aberto ese camín  para atravesalo e saír á outra beira, a que se inauguraba tras da morte do Ditador, cara a un mundo novo con afán por mellorar, pero sen sucumbir á desvirtuación da tradición que outros emprenderon. Mantivo o apego ao propio contribuíndo con rigor a situar a gaita galega ao nivel que se precisaba e dende a reafirmación do local facer do seu traballo un valor internacional.

É certo que foi un traballo colectivo, pero persoas e personalidades como a de Xosé Seivane fixeron que esa ponte fose transitable e referencial á hora de falar hoxe, no século XXI, da nosa gaita. Dotou aos mellores interpretes da gaita de Galicia de instrumentos de calidade nun labor sabio que ademais tivo a pericia de saber transmitir e comunicar ao dar paso para este século XXI ao Obradoiro de gaitas Seivane onde os seus fillos proseguen fieis ao legado do seu pai, facendo medrar o prestixio e a importancia do traballo que humildemente comezou nun curruncho en Ribeira de Piquín na Galicia Oriental.

A Escola de Gaita de Vilafranca con Xosé M. Seivane en Ribeira de Piquín no ano 90
A Escola de Gaitas de Vilafranca con Xosé Seivane e con Xanciño, Tono e Xocas entre outros en Ribeira de Piquín ano 1990


Eilí fomos nosoutros, a Escola de Gaitas de Vilafranca guiados polos amigos e bos gaiteiros Xanciño, Toniño e Xocas a mercar as nosas segundas gaitas, a coñecer a este magnífico artesán e a esta magnífica persoa.  Non esqueceremos nunca aquel día cuando fomos a recoller as gaitas acompañados duns padriños de honra para tal ocasión (estábase xestando Treixadura). Tampouco esqueceremos outros momentos nos que coincidimos con Seivane, como o pregón no Festival de Pardiñas no ano 1994,  outro deses fitos nos que se escribe a Historia do mundo da gaita galega do século XX. Unha relación  que segue viva e que agora se mantén cos seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel en Cambre.


Recomendamos pois, transitar esta ponte unha vez máis a través deste libro sobre Xosé M. Seivane Rivas e aproveitamos para dar os parabéns á Asociación de Gaiteiros Galegos pola súa nova imaxe.
     

miércoles, 25 de marzo de 2020

A ESCOLA DE GAITAS NO BOLETÍN Nª 0 DA ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS (1990)

A Asociación de Gaiteiros Galegos acaba de colgar na rede distintas publicaciois realizadas pola mesma entre as que quixemos destacar aquel número 0 do boletín editado no ano 1990 que incluía un traballo noso.

Pódese consultar neste enlace da AGG

Trátase dun artigo que tenta recoller unha panorámica da gaita no Bierzo Occidental, nos denominados lindeiros da galeguidade como reza no título.

Este texto tiña a intención de manifestar a nosa relación dende o comezo da súa existencia coa Asociación de Gaiteiros Galegos,  relación que nace da natural pertenza ao campo cultural de Galicia a pesar de estar fóra da Comunidade administrativa, unha reivindicación que foi ben asimilada e aplaudida pola Asociación como proba evidentemente a inclusión do noso traballiño neste  Boletín número 0 co que se poñía a andar a entidade na que vimos participando na medida das nosas posibilidades dende aquela data.





martes, 24 de marzo de 2020

28 ANOS SEN RICARDO PORTELA: FALANDO DO SEU LEGADO

Para quen coñeceu a Ricardo Portela en persoa entenderá perfectamente o título co que honramos hoxe a súa memoria. Era un home entusiasta, alegre e rigoroso, desprendía simpatía polo seu carácter afable e falangueiro, moi efusivo coas maos e acenos para subliñar cada cousa que dícia. Sempre falaba en público con fondo sentimento e claridade, ao pan, pan e ao viño, viño. En privado gustaba das bromas e das anécdotas. Pero o máis importante que nos legou foron dúas cousas: un estilo e unha forma de interpretar a gaita singular e un tremendo esforzo por dignificar a música tradicional que o levou á presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos. Ambos son o seu legado do que en boa medida todos nós, os gaiteiros de hoxe, somos herdeiros. Herdanza sobre a que en último termo quixeramos hoxe reflexionar.

O estilo, o xeito de tocar pechado (clave da súa actual recuperación)  e ata o repertorio de Ricardo Portela son claramente identificables e, en gran medida, referenciais, aínda que, temos que puntualizar tamén,  non de todo irrepetibles. Os Irmáns Portela foi unha formación que viviu e tocou nos anos 60 ata os 90, pero Ricardo xa tocara de novo, seu pai tamén era gaiteiro e acordeonista. Ricardo naceu no ano 1920 en Viascón, Cotobade (Pontevedra).  Formaría o seu primeiro grupo nos anos 30 en Vigo a onde se trasladara e residía a súa familia daquela, chegando a coincidir tocando cos famosos Gaiteiros de Soutelo. A guerra do 36 truncou o porvir daquel grupo e provocou un longo silencio de máis dunha década  na vida musical de Ricardo. Tras facerse cunha nova gaita, volvería a  tocar, pero como moita xente tipo que emigrar a Venezuela onde soaría a gaita con frecuencia. Mais  nos anos 60, de volta en Galicia veremos emerxer e asentar un gaiteiro perfeccionista. É o rexurdir con forza dos Irmáns Portela que gravaron varios discos e cuxas cassettes fixéronos moi populares. O toque pechado, un repertorio da zona de Visacón recuperado son marcas que fan del unha referencia coa volta á Democracia e o agromar do asociacionismo cultural que o vai levar a participar decididamente  na creación  da Asociación de Gaiteiros Galegos da que vai ser elixido seu primeiro Presidente.


O orgullo que transfería ao feito de tocar a gaita en público é outra das súas facetas máis destacables. Viñamos dunha marxinación secular da figura do gaiteiro que esixía un cambio radical que el protagonizou ata o punto de non tocar nunha festa se non aparecían na publicidade da mesma o nome do gaiteiro en pé de igualdade co de calquera outro grupo ou orquestra. Un proceso de dignificación que atopou tamén na Asociación de Gaiteiros Galegos a súa defensa máis xenuína e eficaz.

O legado de Portela ten logo un valor substancial e indiscutible para o lugar que ocupa a día de hoxe, pero debemos tamén  analizar varias consecuencias do pulo que a súa presenza e herdanza trouxeron para a música tradicional galega.  Portela foi un referente a imitar nun momento en que a enorme riqueza e variedade do noso folclore aínda estaba para a meirande parte da sociedade por descubrir, ademais de vivir unha circunstancia na que os medios de reprodución e gravación produciron un cambio revulsivo para unha grande parte de mozos e mozas interesados pola súa cultura, que coñeceron a través das gravaciois de grupos como or Irmáns Portela.  Cuando naceu a Escola de gaitas esta era unha das fontes das que bebían o Colectivo Paseniño, un dos xermolos do que é hoxe Treixadura.

Aquela precariedade da que se partía levou a un gran número de grupos novos a copiar e repetir de xeito máis ou menos afortunado aquilo ao que tiñan acceso,  aquel xeito de tocar, aquel repertorio que os Irmáns Portela significaban con todo o que isto ten de bo e con todo o que ten de malo.  Por unha banda, foi moi positivo, deu paso a grandes gaiteiros cunha formación rigorosa e unha filosofía do mundo da gaita capaz e poderosa, pero pola outra afondou, polo menos durante unha longa década, a enorme distancia que xa habia daquela coa variedade e riqueza que caracteriza a música popular galega e que vivía soterrada pola decadencia inexorable do mundo rural tradicional, esa que o mesmo Franquismo cultural incenciaba, a pesar da volta da democracia. Perpetuándose así a fórmula de marxinalidade e ignorancia meirande desta parte do folclore  para as novas xeraciois de gaiteiros/as.

Hoxe con perspectiva temos logo que poñer en valor todo o transcendental legado de Ricardo Portela, sen deixar de evidenciar que, sen lugar a dúbidas el mesmo relegaría dunha uniformidade e falta de diversidade que aínda están por chegar e encher con plenitude o panorama actual do mundo da gaita e da música tradicional galega. Lembremos que esa tendencia á uniformidade, o bo facer de Ricardo Portela non foi quen de detela. Esa visión do mundo da gaita á que non lle custou nada reproducir en certo modo unha visión propia do Franquismo, prosperou e maniféstase como un insulto á intelixencia hoxe en fenómenos como as Bandas de Gaitas que camiñan a anos luz da propia tradición.


domingo, 15 de marzo de 2020

Os gaiteiros en Antonio Fernández Morales: Xan, o gaiteiro de Sorribas (I)


O gaiteiro de Sorribas de seren un personaxe real, que non temos por que pensar que non o fose, chegou a nós grazas a un longo poema que como todo texto literario pode ser fruito da invención do seu autor. Mais Antonio Fernández Morales nos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861) quixo facer un retrato fiel da lingua e costumes da nosa comarca. Os filólogos así o constatan e son numerosos os estudosos de etnografía que botan mao dos datos que nos ofrecen os versos do poeta como fidedignos. Logo, por que imos dubidar de que en verdade existise Xan, o gaiteiro de Sorribas? Vexamos como nolo presenta o autor:

NA VOLTA DA SEGA
O gaiteiro de Sorribas
i o capador de Magaz,
se atoparon no camiño;
¡primo aiquí! ¡primo aculá!

O primeiro con seu fillo
i o segundo con dous máis,
viñan de aló das Castillas
onde foran a segar;
pois non solo son galegos
os cuarenta mil e máis,
que todos, todos os anos
a facer a sega van,
sinón que tamén do Bierzo
tein estilo de viaxar
co mesmo fin, dez ou doce,
máis que agudos folgazais,
entre os que facer debemos
aiquí mención especial
do gaiteiro de Sorribas
i o capador de Magaz.
………………………
CAPADOR:¿ E como che vay, parente?
GAITEIRO: Parente, ¿como che vay?
CAPADOR: A min ben, ¿ y a ti, meu primo?
GAITEIRO: Ay, meu primo, a min ben mal.
CAPADOR: ¿ E logo?
GAITEIRO: –  Logo roubáronme.
CAPADOR:-¿ Os ladrois?
GAITEIRO: - Claro está.
CAPADOR: -¿A ti solo?
GAITEIRO: – Y a cuadrilla
 q´ayer deixamos atrás
eu y o fillo.
CAPADOR:– ¿Y eran muitos?
GAITEIRO: Eran polo corto un par.
CAPADOR: - Entonces ya non me pasma
que vos puderan roubar,
 viaxando a cuadrilla sola
 y eles sendo dous ou máis.
Pero ¿ onde tiñas os cuartos?
GAITEIRO:-No farraco.  
CAPADOR: - ¡Borrican!
sete veces os garduños
me saliron e jamás
puderon a min roubarme.
GAITEIRO: ¿ e logo tu, como fais?
CAPADOR: Logo as engulo.
GAITEIRO: – Fais mal;
¿e si para botalas fora
un entripado che dá?
CAPADOR: Sufro e calo; peor fora
 que, como a ti, un garduñán
m´as ripase.
GAITEIRO: – ¿ Y en seguida?
CAPADOR: En seguida q´o que pan
foy boto fóra, c´os dedos
me poño listo a escarbar…
GAITEIRO: ¿ E che fará bon estómago
as coronillas cabais
       atopar.
CAPADOR: - Claro
GAITEIRO:– ¿ E despois?
     CAPADOR : Despois as volvo a tragar.
GAITEIRO: Bon proveito; non da o demo
n´artimaña que tu dás;
nin Merlín sabe máis cencia
q´a que deprendiche.
CAPADOR: – Ay  Xan?;
Fala quedo.
GAITEIRO: – Pois?.
CAPADOR: – Recordo
q´os ladrois vecindá
en Madri tein, onde as cordas
 d´ese tilégrafo van,
 e todo o q´aiquí parlamos
                e poden aílí escuitar.
------------------------------------------
Chegaron presto a unha ponte
i o capador de Magaz
parouse e dixo: “Sentémonos,
pois é hora, aiquí a xantar.”
Entonces gaiteiro e fillo,
o capador e os dous máis,
quitando os fatos das costas,
sentáronse a comer pan
cunhas boas rebanadas
de toucín crudo, que traen
inda do que das súas casas
sacaron pra ir a segar.
Despois da andorga ben chea,
ca cabeza cada cual
no seu fato, tripa arriba
tendéronse a descansar,
quedando a pouco dormidos
en gracia de Dios e en paz.
Unha hora larga estuveron
na ponte roncando ben,
Cadro de Primitivo Armesto
hasta que ia despertando
o gaiteiro, berrou: “Ei;
levantaivos que inda hoi temos
que andar dúas leguas ou tres.”

………………………………

Despois de muitos discursos
sobre a mellor moda de ir
a catar o fato ó río,
conviñéronse por fin
en que o gaiteiro colgao
se puxese do pretil
da ponte, e logo baixando
por seu carreñouzo Luís,
das dedas se lle colgase:
que outro logo, de cuadril
en cuadril baixando ós peis
de Luís, quedase ailí
colgao deles; que dos deste
se colgase outro, e por fin
que o colgallo arrematase
o capador, que a cerviz
logo debía no río
amergullando fundir,
pra sacar preso nos dentes
o fato do seu sobrín.
Ia colgaos unhos de outros
cuatro estaban, e de Luís
polo carrelo baixando
o capador, cuando oír
deixouse a voz do gaiteiro
que agarrao do pretil,
lles berraba: —Ia non podo
tanto peso resistir...
Os brazos ia se me esgazan;
me troncho polos cuadrís,
i as maos vánseme esvarando
polas pedras do pretil
—Descansa un pouco. (Berroulle
o capador) ¿Tu ois? —Sín.
—Pra non esvarar, nas maos
podes en tanto cuspir
i arrestregalas. —Razón
teis que che sobra; inda a min
o demo non me soplara
unha idea tan feliz.
Ó punto, pra descansar
un pouco, e logo cuspir
nas maos e arrestregalas,
apartouas do pretil,
e pegando unha zoupada
todos fóronse a sumir
aló no fondo do río
cos paos e o fato de Luís.
……………………………..
Contan que daquel naufragio
libráronse solo dous,
anque cos coiros maceaos
o mesmo ou máis que un zurrón,
Luís foi un, que clavar pudo
as uñas nunhos lastrois,
i o gaiteiro navegando
na inflada gaita de fol.
Contan tamén que ós tres días
do río o recio cachón,
cual botos inchaos, na arena
outro par deles botou.
E contan, por fin, que un ano
correu, porque quixo Dios,
sin que soupese ningún
qué fora do capador.

 A incrible peripecia  do noso gaiteiro é ficción claro está, pero iso non imposibilita a existencia destes personaxes, sen dúbida, humildes e inocentes, obxecto desta cruel sátira social que retrata tres realidades evidentes para Antonio Fernández Morales:

1ª- Como  muitos galegos e bercianos facían uso dun traballo temporal como era o da sega en Castela.
.
2ª Como unha chea de homes contemporizaban este labor da sega en Castela con outro oficio (o de gaiteiro ou capador) noutros momentos do calendario anual que desenvolvían na súa aldea e contorna.

  Como estas xentes renegan do Progreso que descoñecen e mesmo na súa ignorancia o critican.  Lembremos a este respecto o que di o capador:

—Dende que a clas liberal
quitou os frades, o mundo
cheo de bruxas está.
Cuando eu era realista
tiña a bruxería máis
vergoña; de noite andaba,
pero de día jamás.


Logo o oficio de gaiteiro no XIX, tamén en boa parte do XX, non era un oficio que dera muito carto, era unha ocupación complementaria na aldea, aínda que iso si, suficientemente diferenciada e claramente identificable como tal, pois o noso personaxe case sempre é denominado gaiteiro e só unha vez se usa o seu nome propio, Xan.

En canto ao instrumento denomínase gaita de fol por diferenciar con claridade o tipo de gaita ao que facemos referencia. Cítase unha soa vez con carácter metonímico, para destacar ademais o valor do fol inchado (a parte polo todo) que impide,  a modo de salvavidas, o afogamento do noso gaiteiro no mar.  O ton humorístico parateatral semellante á comedia,  cobra logo un carácter simbólico á hora de describir a este antiheroe popular como representante daquela masa de labregos de clase baixa.