Etiquetas
- A GAITA (7)
- GAITEIROS BERCIANOS (13)
- NOVAS (18)
- OPINIÓN (6)
- PUBLICACIOIS (5)
- SONS E GRAVACIOIS (13)
jueves, 13 de noviembre de 2025
UNHA TARDE DE BUREO
domingo, 18 de mayo de 2025
LETRAS GALEGAS PARA AS NOSAS CANTAREIRAS
O grupo de Pandeireta da Escola de Música de Vilafranca homenaxeou ás pandeireteiras do Bierzo con motivo do Día das Letras Galegas, ao igual que fixeron muitos agrupaciois e entes culturais en Galicia, xuntándose para cantar e bailar na súa honra.
Centos
ou miles de anónimas cantadeiras homenaxeadas no Día das Letras 2025
O territorio galegofalante
do noroeste peninsular foi quen de gardar un tesouro patrimonial monumental que
permanecía á vista de todos a súa sorte,
á intemperie dos tempos, e que,
por non ser valorado convenientemente (cuantas veces actuamos como cegos por, como á espera da morte, de oculto e
marxinado que estaba. Falamos da tradición oral. A non querer ver o que temos
mesmo diante dos ollos), semellaba estar, sen enterrar, soterrado Real Academia
Galega acertadamente rescata este tesouro que chegou vivo ata o século XX para
promover a súa redescuberta ben entrado xa o século XXI e darlle oportunidade
de seguir vivo e con futuro nas maos da mocidade toda.
Se queres que te queira
quéntame o mirar,
encende a pel da noite,
térmame, puñal.
Á miña porta levas
maos pra me abrir,
no centro do teu nome
dígoche que si.
Nos labios unha rosa
pro meu caravel,
que se revolve en febre
cuando te vou ver.
Se queres que te queira
dáme de beber,
regueiro de auga doce,
morte do porqué.
A poucos quilómetros de Vilafranca cantábase este
cantar, en Chan de Vilar foi recollido por Dorothé Schubarth nos anos 80... hai
algo menos de 50 anos a tradición oral seguía viva, pero aparentaba estar
ferida de morte pola falta de poboación, pola emigración, outro efecto dese
capitalismo depredador no que habitamos. Este patrimonio da oralidade que
representan as vellas pandeireteiras, sorprendía
no ano 1978 a unha musicóloga especialista
suíza ata o punto de que decidiu pasar eiquí, entre nosoutros, 20 anos da súa
vida realizando un complexo e duro traballo de campo polas aldeas de noso e,
sen reparar en fronteiras (quero dicir que tanto recolleu coplas no concello de
Candín, Balboa ou no de Corullón, como no de Cervantes, As Nogais e Pedrafita).
O resultado espectacular que nos deixou a cambio é unha das máis importantes colecciois
rexistradas da música popular de Europa, un verdadeiro Pórtico da Gloria, en
forma de Cancioneiro Galego de Tradición Oral. Certamente ese tesouro que
permaneceu por séculos vivo en cada casa do rural de Galicia, do Eo Navia, das
Portelas e do Bierzo, como constatou aquela especialista marabillada, era
singularmente arcaico e rico. Outra cousa marabillosa é o vigor que este
traballo documental inmenso está a experimentar 30 anos despois da súa
publicación, algo que lamentablemente non puido disfrutar de vagar a súa autora
a musicóloga suíza falecida no 2023, pero si o seu colaborador e coautor da
obra, ademais de eminente filólogo, Antón Santamarina. Este patrimonio
inmaterial da tradición oral está sendo actualmente un referente obrigado para
muitos mozos e mozas de hoxe sensibles ante a natureza tan atractiva desta riqueza
que, tras pasar centos de anos anónima de boca en boca, centos e centos de
melodías e versos en lingua de labregos e pastoras, fruito da creatividade dunha
sociedade rural poderosamente harmónica e tremendamente humilde, emerxe con
forza agora nas gorxas novas e agradecidas.
Non obstante, a Academia Galega con esta
celebración quixo honrar no Día das Letras a 7 cantadeiras (Rosa e Adolfina
Casás, Eva Castiñeira e Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela
Lema) rachando por fin co tradicional anonimato desta expresión popular
espontánea e espléndida. Homenaxea a 7
mulleres con nomes e apelidos que representan a eses milleiros de
pandeireteiras que, xeración a xeración, chegaron ata os nosos días cantando,
ben para reproducir e transmitir con cariño este legado de centos de anos atrás,
ben para recrear e compoñer novas coplas con naturalidade, porque tamén elas foron
autoras, mais autoras sempre anónimas.
A primeira vez que eu escuitei falar dun grupo de cantadeiras do Bierzo e na nosa vila foi igualmente unha breve referencia directa dunhas mulleres anómimas que cantaban ao pé de San Nicolás muitos domingos coas súas pandeiras aló nas primeiras décadas do século XX. Efectivamente o fenómeno do seráns, das ruadas, foliadas, fiandois, polavilas...( ten unha chea de denominaciois), respondía ás peculiaridades de cada aldea ou vila e podían relacionarse con diversos labores propios do calendario tradicional, pero, en todas estas xuntanzas soaban as voces sabias e femininas acompañadas das pandeiras. Un home case octoxenario, Don Alejo Sandes, recordoume deste xeito o baile popular liderado por mulleres na nosa vila. Non tardamos en atoparnos logo, nos anos 80 na romaría de Fombasalá a Estrela de Pobladura de Somoza coa que tantas veces pasados os anos compartimos cantos de pandeireta, festas locais e bailes. Lembramos agora tamén a Remedios de Prado de Paradiña e, nos magostos, a Socorro González de Vilar de Aceiro, Arxentina Frey cantadeiras da Somoza que seguiron e seguen a outras muitas que fomos descubrindo algo máis tarde Aurora e Severina Abella de Pereda, Herminia Brañas de Vilariños, Amparo Voces de Borrés, ...
Despois de que unhas
pandeireteiras como as Tanxugeiras estivesen a punto de representar a España no
Festival de Eurovisión de hai dous anos,
cunha proposta tan radical,(é dicir, propia da raíz, da tradición oral
na que se criaron) e provocasen unha especie de alegre revolución cantada ao
son das ferreñas das pandeiretas, a
presente celebración do Día das Letras é logo unha oportunidade ideal para
asentar este rexurdir da tradición oral entre as xeraciois máis novas. Ofrece, ademais, unha revisión profundamente
didáctica do proceso previo, do labor de recompilación de centos de agrupaciois
folclóricas, de colectivos e persoas interesadas neste fértil terreo da
oralidade á que se deben logo formaciois musicais de distinta índole que foron
recollendo, estudando, difundindo, recreando e revitalizando o panorama da nosa
cultura, da cultura que compartimos O Bierzo e Galicia e que se manifesta,
claro está, en galego, esa da que Amancio Prada, Aínda, Rapa das Bestas, as
Cantareiras de Arnado ou a Escola de Gaitas de Vilafranca son só alguis nomes
que testemuñan como se vai concretando na historia da nosa comarca esta
magnífica herdanza patrimonial, marca indiscutible da identidade berciana.
Héctor M. Silveiro Fernández
sábado, 25 de mayo de 2024
SARMIENTO Á CABEZA DOCUMENTANDO A MUIÑEIRA
Podes saber máis sobre o asunto no blog amigo OMEGODAESCOLA
miércoles, 4 de enero de 2023
A AGG, unha asociación da tradición viva
Unha reportaxe da RTVG sobre a Asocación de Gaiteiros Galegos. Algo mái sque unha asociación de gaiteiros e gaiteiras, de bailadores e de interpretes e artesáns de instrumentos tradicionais galegos.
miércoles, 23 de diciembre de 2020
PRIMEIRA LECTURA: APROXIMACIÓN A LA GAITA Y SU USO EN EL BIERZO Y CABRERA
Parabéns Diego e graciñas
Ao rematar unha primeira lectura da Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera de Diego Bello Fernández, quixeramos facer unha primeira valoración dun xeito áxil, quizais algo precipitado, pero tendo pendente outras máis detalladas e sosegadas relecturas. Debemos felicitar sinceramente por este traballo ao seu autor porque realmente supón un decidido paso adiante no coñecemento dos gaiteiros do país, á vez manifestar publicamente un duplo agradecemento, por unha banda pola relevancia que isto ten para nós como bercianos e amantes da cultura e pola outra por consideralo dalgún xeito continuador do camín emprendido pola Escola de Gaitas no ano 1981. Confirmamos as nosas expectativas ao ter nas maos un verdadeiro ensaio que usa dunha óptica ben distante da que, por exemplo, se desprende daquel Cancioneiro Oencia e contorna de X.L. Foxo e que, habendo aínda camiño por andar, significa un punto e aparte sobre o que ata o de agora se viña publicando no mundo da gaita no Bierzo. Quixeramos dun xeito inxel e sinxelo, sen excesiva argumentación pois, poñer branco sobre negro algúas das nosas análises iniciais, primeiras sensaciois sobre esta investigación e a súa transcendencia aplaudindo a filosofía e, claro está, o rigor que, en xeral, se aplica ao conxunto da xenerosa serie de datos que se manexan.
O maior
catálogo de gaiteiros tradicionais do Bierzo e da Cabreira
Destaquemos como
máis significativos, dous dos grandes acertos e aportaciois que Diego Bello
realiza: O extenso inventario de gaiteiros da comarca do Bierzo e da Cabreira,
así como a análise do repertorio destes gaiteiros. En ambos casos cuida o
detalle e procura afondar ata onde puido iluminado por un coñecemento o máis
directo posible da información que reúne. Esta singularidaridade, por forza e
lamentablemente, estando como estamos á altura do século XXI, realza o esforzo extraordinario realizado,
dada a case total desaparición das últimas xeraciois de gaiteiros tradicionais,
esas que non viviron o que podemos denominar o boom da gaita dos anos 80 que
medrou en parello á difusión de festivais do mundo Celta, as bandas de gaitas e
demais produtos de recente creación. Fronte
a esta fortaleza o traballo resíntese
desa falta de efervescencia e frescura sendo testemuña do declive destas
últimas décadas do mundo da música popular de raíz. As limitaciois que implican
abordar este tema pasado o ano 2000, son resoltas con destreza indagando en
fontes documentais e outros traballos para ofrecer unha idea de conxunto
notable e publicar o maior catálogo de
gaiteiros tradicionais para estas dúas comarcas, un obxectivo envexable que nos marcaramos
Gonzalo Bóveda e mais eu nos anos 90 na propia Escola de Gaitas e que, dalgún
xeito, vemos culminado na autoría de Diego Bello. O autor, intelixentemente,
foxe da exhaustividade á que outros renunciamos hai tempo, pero á vez, fruito
dun bon traballo consegue un excelente resultado. Subliñamos como excelente o
que se coloca como modelo, os gaiteiros do Concello de Trabadelo, aínda que
tampouco se quede atrás a cata realizada para o conxunto de concellos da
Cabreira.
No tocante ao repertorio creo que foi pouco ambicioso e é menos brillante do que nos esperabamos. Trátase dun tema arduo que con criterio óptimo incorpora os sons dos informantes. Os audios verdadeiro cabalo de batalla ao que se enfronta á hora de asentar como é debido unha empresa destas características do que temos que dicir sae ben parado e cremos que con certa cautela evita ser xeneroso en exceso, reservando (permítasenos a metáfora) parte do material pirotécnico para a seguinte festa, á que parece evocar sen citar mesmo se se observa o título da obra.
Algo
que podería mellorarse
Reparemos agora nalgunha cousa que non nos gustou, Insistimos, nesta primeira e impetuosa lectura, e que, en gran medida, cremos que non depende do propio Diego. Este libro ve a luz grazas a ter acadado un premio (o Premio de investigación Antonio Estévez na súa segunda edición ano 2016). Cremos que este publicación precisaba outro trato, con maior personalidade que non soubo ver a institución que o edita, o Instituto de Estudos Bercianos que prefire abaratar custes xuntando varios textos nun só exemplar, os premios de varias ediciois, en lugar de darlle a dimensión que corresponde e o percorrido que precisa seguramente tanto este, como os outros textos premiados. Unha evidencia do que estamos a dicir é que se presenten en formato dixital capítulos enteiros non pouco esenciais ( como o mesmo inventario de gaiteiros entre eles). O disco cos anexos debería ser o espazo exclusivo para audios e vídeos. O anómalo resulta a publicación dixital dunha gran parte de textos e fotografías que enriquecerían a todas luces unha edición en exclusiva deste ensaio.
A modo
de conclusión: Saber beber das fontes
Diego coñece a
diferenza de beber, sen máis, e de saber
beber das fontes e isto constitúe outro dos valores desta Aproximación.... Enfatízase, cousa que é de agradecer, o noso
papel de vangarda no estudo do mundo da gaita no Bierzo, algo que outros
esquecen, pero do que Diego non renega. Gustounos comprobar que o noso labor, o
da Escola de Gaitas de Vilafranca se recoñece directa e indirectamente en
cantidade de aspectos, matizando, complementando ou establecendo criterios
diferentes. Pensamos por iso que Diego desaproveitou a nosa proximidade para
contrastar abertamente con nós cuestiois que deberiamos abordar. Entendemos que o fai consciente da certa carga
de prexuízos que suporía ter que reconsiderar e a necesidade da procura dunha independencia no discurso, que, de
todos os xeitos, non hai quen poida cuestionala. O certo é que estamos
traballando no mesmo campo e ao igual que Luis Mondelo ou Pablo Carpintero e
tantos outros, procurar a conversa fluída no mundo da gaita no Bierzo
resultaría realmente gratificante e feraz para seguir dando pasos.
Rematamos, polo de
agora, este noso primeiro achegamento, volvendo a incidir no transcendente e
imprescindible valor desta Aproximación.... para poder coñecer mellor aos
gaiteiros do país e co contento de poder contar con este bon traballo para
poder seguir avanzando con pé firme na posta en valor da nosa cultura
tradicional.
CONTINUARÁ
miércoles, 10 de junio de 2020
UN LIBRO SOBRE O ARTESÁN DA GAITA XOSÉ M. SEIVANE
Xosé Seivane soubo, como dicimos máis arriba, manter transitable esa ponte entre o tempo previo ao Franquismo (comezou a traballar no ano 1939) co que isto supuxo para o feito cultural para calquera das súas facetas, en especial, para as manifestaciois de corte popular e a de raigame galega. Soubo manter despexado e aberto ese camín para atravesalo e saír á outra beira, a que se inauguraba tras da morte do Ditador, cara a un mundo novo con afán por mellorar, pero sen sucumbir á desvirtuación da tradición que outros emprenderon. Mantivo o apego ao propio contribuíndo con rigor a situar a gaita galega ao nivel que se precisaba e dende a reafirmación do local facer do seu traballo un valor internacional.
É certo que foi un traballo colectivo, pero persoas e personalidades como a de Xosé Seivane fixeron que esa ponte fose transitable e referencial á hora de falar hoxe, no século XXI, da nosa gaita. Dotou aos mellores interpretes da gaita de Galicia de instrumentos de calidade nun labor sabio que ademais tivo a pericia de saber transmitir e comunicar ao dar paso para este século XXI ao Obradoiro de gaitas Seivane onde os seus fillos proseguen fieis ao legado do seu pai, facendo medrar o prestixio e a importancia do traballo que humildemente comezou nun curruncho en Ribeira de Piquín na Galicia Oriental.
![]() |
| A Escola de Gaitas de Vilafranca con Xosé Seivane e con Xanciño, Tono e Xocas entre outros en Ribeira de Piquín ano 1990 |
Eilí fomos nosoutros, a Escola de Gaitas de Vilafranca guiados polos amigos e bos gaiteiros Xanciño, Toniño e Xocas a mercar as nosas segundas gaitas, a coñecer a este magnífico artesán e a esta magnífica persoa. Non esqueceremos nunca aquel día cuando fomos a recoller as gaitas acompañados duns padriños de honra para tal ocasión (estábase xestando Treixadura). Tampouco esqueceremos outros momentos nos que coincidimos con Seivane, como o pregón no Festival de Pardiñas no ano 1994, outro deses fitos nos que se escribe a Historia do mundo da gaita galega do século XX. Unha relación que segue viva e que agora se mantén cos seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel en Cambre.
Recomendamos pois, transitar esta ponte unha vez máis a través deste libro sobre Xosé M. Seivane Rivas e aproveitamos para dar os parabéns á Asociación de Gaiteiros Galegos pola súa nova imaxe.
viernes, 19 de agosto de 2016
Un merecido premio a unha nova aproximación ao mundo da gaita no Bierzo
![]() |
| Entrega do II Premio Antonio Estévez ao gaiteiro berciano Diego Bello. |
martes, 18 de agosto de 2015
“TOCAR BAJO TEITO”, UN BLOG IRMAO.
viernes, 13 de febrero de 2015
CLEMENTE, GAITEIRO DE FERREIRA (Ibias)
Onte día 12 de febreiro morreu Clemente Díaz López aos 94 anos de idade, un gaiteiro que coñecimos hai xa unha chea de anos cando realizamos unha visita a Ibias para coñecer a música dos gaiteiros da zona no noso interese por contrastar o que se facía nesa zona sabendo que había algúa relación con certas zonas do Bierzo, como non podía ser doutra forma. Daquela e daquelas charlas e tocatas, quedamos en realizar un encontro en Vilafranca con gaiteiros do Bierzo que logo foi adiante e ao que acudiu Clemente.
O Encontro de Gaiteiros tradicionais que se realizou un 28 de decembro de 1991 coincidindo co X aniversario da Escola de Gaitas que organizaba o asunto tivo a sorte de contar coas magníficas interpretacios de Clemente que encandilaron ao público e que dalgún xeito quedou constancia na gravación do evento que TECNOSAGA tivo a ben editar pouco despois.Máis recentemente a colección Os nosos gaiteiros de Cumio editou un cd ( que inclúe varios vídeos) que dá unha idea fiel
do valor do seu repertorio. Un traballo que merece a pena coñecer e que recomendamos vivamente
Fixemos esta pequena reseña, porque era debida, pero quedamos comprometidos a redactar unha entrada máis estensa e menos urxente. A emoción, alegría e claridade coa que este gaiteiro nos transmitía os seus saberes nunca a esqueceremos. Adeus, Clemente.
Un documental sobre Clemente na TVG: Alalá.
domingo, 26 de enero de 2014
A GAITA FOLCLORICA A DEBATE
sábado, 28 de diciembre de 2013
SOBRE O LIBRO: CANCIONEIRO OENCIA E CONTORNA de X.L. Foxo
Só un 28 de decembro poderíamos abordar esta nova que non o é, ou, dito doutro xeito, unha novidade que é vella, xa que se produciu o pasado mes de agosto. Non se trata dunha inocentada, Foxo non é un inocente aínda que o pareza. O creador e director da Real Banda da Deputación de Ourense, un ambicioso e interesado instrumento do poder político, dinamizador dun xeito de deformar a cultura tradicional, vén de publicar un primeiro volume baixo o título: Cancioneiro Oencia e contorna. Cremos que só neste día, dende unha óptica situada nas antípodas deste personaxe, a nosa humilde Escola de Gaitas, que tamén hoxe está de aniversario (o trixésimo segundo), somos quen de iniciar este comentario crítico porque ben sabemos que as aparencias enganan. O
despropósito de Foxo, neste libro e noutros, vai máis aló da confesión ególatra dun home sen luces. Os
seus traballos que deambulan entre a falta de criterio e a aparente inxenuidade
dun principiante, contrastan co voluminoso e pomposo acabado dos libros que
publica. É obxecto de polémica dende a súa irrupción no mundo da gaita, entrando coma un elefante
nunha cacharreiría, provocando a denominada guerra das gaitas co seu invento
da gaita marcial e os réditos que lle supuxeron, sendo o seu apego e dependencia dos poderosos, diríamos enfermizo (sen o seu apoio non sería nada), unha máis que significativa forma de implantar a súa visión interesadamente deformada do folclore.A APARENCIA MOTOR DESTA OBRA "MONUMENTAL", O NÚMERO IMPORTA MÁIS QUE O CONTIDO
Lamentamos de veras recibir cun comentario máis
negativo que positivo unha nova publicación, tan voluminosa como aparente, tan
confusa como falta de rigor. Lamentamos tamén que Xosé L. Foxo que leva dando
guerra no mundo da gaita dende hai ben de anos, non teña tampouco evolucionado,
e, tan amigo como di ser da evolución, acometa esta nova empresa de asalto ao
Bierzo con tan controvertidos ataques á tradición, reiterando os mesmos erros
que apreciabamos xa na publicación do seu primeiro traballo sobre a gaita e que,
xa daquela, non puidemos deixar de, á vez de os criticar, desenmascaralos.
Nesta ocasión, tratándose dun traballo sobre o folclore do Bierzo, non podemos tampouco
pasalos por alto cun simple “máis do mesmo” ou categórico “un chove
sobre mollado”.Algo que era esperable, pero que non nos deixou de sorprender foi a grande dose de egolatría e narcisismo esgotador dos que, pensándoo ben, Foxo sempre foi vítima (a modo de exemplo, ademais do xa comentado acerca da súa omnispresencia no DVD, outro detalle é que nas múltiples fotografías, case tantas como páxinas, volve a haber un bo número nas que el aparece, iso si, a maioría en cor sepia para facelas pasar por algo antigo). Un Foxo ancorado naquela vella teima de postular como propio o que non o é, partidario do todo vale con tal de encher o saco con músicas de diversas procedencias, para vendelas como tradicionais. Digámolo de xeito breve e botando mao dun dito popular adaptado ao berciano: “daqueles pos, veñen estes trollos”.
Antes de entrar en materia diremos que sobre o folclore no Bierzo hai ben
poucas publicaciois realmente rigorosas, e abundan, iso si, aqueloutras que cargadas
de prexuízos ou ben interpretan mal a súa riqueza e complexidade, ou ben
simplemente a ignoran estendendo xeneralidades sobre o mesmo, seguramente por
non entrar en polémicas ou evitar un terreo complexo como o territorio do
tradicional nesta comarca. Sen afán de
caer, tamén nós, en apriorismos, pero co compromiso de clarificar no posible,
para os que gustan do folclore, que é o que se debe ou pode considerar
tradicional na nosa comarca, tentaremos fuxir das análises da música popular propia do Bierzo que botando
mao dos prexuízos enchen a boca con palabras como “influencias”, relaciois ou
concomitancias culturais (lease por exemplo a introdución do libro titulado El Bierzo, etnografía y folklore de las
comarcas leonesas de J.l. Ponga e
Amador Diéguez Ayerbe) para logo pasar á simplificación ou á xeneralización ás
que faciamos referencia. Destas abondan tamén exemplos máis recentes que o
antes citado de Ponga e Ayerbe. Son moi comúns sobre todo nos estudos que dende
León ou Valladolid se realizan sobre a etnografía berciana (atopámolos por exemplo nun audiovisual recente sobre a pandeira e o pandeiro de Concha Casado e Joaquín Díaz), procurando “lo
propiamente berciano” observamos un claro síntoma dos apriorismos anteditos e
da conseguinte falta de rigor, a pesar de que fagan, unha e outra vez, fincapé
no xa retórico “máximo rigor etnográfico” do seu labor de campo sistemático.
Namentres tanto os bercianos e amigos do folclore, en xeral, seguimos contando
cos dedos das maos traballos que evidencien a complexidade do Bierzo e non
entren en contradiciois á hora de falar de folclore e de cultura galega no
Bierzo, que é quen de convivir con manifestaciois claramente leonesas, sabendo
que son as primeiras as que dan peculiaridade e singularidade á comarca (e que,
de non existir, o Bierzo sería ben semellante a calquera das outras comarcas
leonesas). Saibamos distinguir entre a pertenza administrativa e a identidade
cultural para evitar confusiois.Das 350 pezas non todas teñen ese alto valor etnográfico que se lle atribúen gratuitamente os medios de comunicación e os presidentes das Deputaciois de León ou Ourense. Os contidos do volume, ademais das fotos, sobre todo son letras e partituras das pezas recollidas (da páxina 51 á 431) que aparecen malamente agrupadas tras unha breve e protocolaria presentación asinada polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación universitaria da Xunta de Galicia, e unha mínima introdución desarbolada e caprichosa tamén, a medio camiño entre a confesión emotiva de intenciois e a análise da selección de temas que se inclúen no traballo. É dicir, faltan un estudo rigoroso dos contidos do cancioneiro e a meirande parte son letras e partituras sen máis, que se presentan clasificadas con criterios moi discutibles e cuestionables non tanto nos encabezados (coplas de cego, rondas, romances, arrolos, loias, etc...) como si por aparecer algunhas pezas nunha categoría que non corresponde ou por incluír pezas que poden ser populares, pero para nada tradicionais e, menos aínda, propias dos lugares nos que se di que están recollidas. Un indignado leonés facía o seguinte comentario, tras unha das presentaciois mediáticas, que tanto gustan a Foxo, do libro en León capital, nas que estiveron arroupando ao autor deste traballo de "alto valor etnográfico"( dío a nota de prensa) o Presidente da Deputación de Ourense e a Presidenta da Diputación de León: “Una pena que la Diputación de León invierta dinero en un proyecto que deja bastante que desear, en el que se incluye mucho repertorio que no es tradiiconal, como canciones de Manolo Escobar o Concha Piquer. Además el señor Foxo demuestra su total desconocimiento de la música tradicinal de León, resultando el libro una pieza más del movimiento aculturador que Galicia lleva a cabo sobre el Bierzo. Por desgracia, otros proyectos hechos desde León, con fines similares y más conocimiento, son despreciados por las instituciones de nuestra provincia y comunidad."
Todas as persoas que contribuíron a facer posible esta recollida (os seus informantes) merecen todo o noso respecto, mesmo sentiranse orgullosas inconscientemente de formar parte deste libro, pero non son responsables da terxiversación que cos seus cantos levou a cabo X. L. Foxo. Sen lugar a dúbidas, Foxo intenta xustificar e asentar o seu proxecto, digámolo como o indignado leonés, "aculturador" (queremos entender de Bandas de Gaitas ao xeito marcial ou escocés) que con traballos coma este e aproveitando o baleiro existente, como xa dixemos, crea maior confusión. Neste traballo non é ouro todo o que reloce, no cancioneiro hai pezas tradicionais e outras, unha parte significativa, que non o son, pezas que pertencen a distintas culturas (galegas, castelás), fórmulas antigas e outras moi modernas, todas amalgamadas sen comentarios ao respecto como se formaran un corpo único e tradicional de Oencia e a súa contorna. Quen se achegue a el, que saiba que debe realizar unha análise a conciencia das pezas e seria desexable que se peneirara ese ampuloso número de 350, cousa que Foxo non fixo; se cadra non quere, se cadra, non pode ou non sabe.
E das gaitas e gaiteiros en tan monumental traballo, ben pouco aporta que xa non se saiba, poucas testemuñas e malas gravaciois. Menos aínda son os comentarios e datos sobre eles que estaban en gran parte xa publicados noutros estudos, entre outros os realizados pola propia Escola de gaitas de Vilafranca. Realmente neste apartado esperabamos algo máis. As gravaciois limítanse a Francisco Terrado Farelo, gaiteiro de Oencia (1918-2009) e algúa de Joaquín Bao Prieto de Arnado.
Os realmente amigos do folclore no Bierzo (asociaciois, agrupaciois músicais, estudosos...) debemos logo evitar caer na confusión e saber que este volume non é un traballo moi interesante, como xa temos visto que aseguran equivocadamente alguis é un traballo interesado. Tamén debemos responder, na medida das nosas posibilidades e posibles (que non son os de Foxo) con estudos máis serios, se cadra máis sinxelos e humildes, pero tamén máis acabados e sobre todo, máis respectuosos coa nosa cultura tradicional.
Nós temos feito algunhas recolleitas en Oencia, Castropetre, Visuña, Romeor,...esperamos podelas sacar á luz proximamente e contribuír así a evitar simplismos e despropósitos que no mundo do folclore empobrecen e sobran.
viernes, 6 de diciembre de 2013
Morreu Emilio Díaz Gutiérrez Gaiteiro de Vilar de Aceiro
Acabámonos de enterar que Emilio Díaz Gutiérrez, o gaiteiro de Vilar de Aceiro vén de morrer onte. Nacera en 1929 un 29 de novembro, logo acababa de cumprir 84 anos de idade. Tan só hai uns días editabamos un vídeo con motivo do día de Sta Cecilia, que quería lembrar a todos os gaiteiros bercianos e incluíamos a Emilio entre a nómina de músicos tradicionais vivos. Formaba parte dunha saga de gaiteiros dun pobo que deu numerosos músicos e un val, o val do Burbia, que é referente para a gaita no Bierzo ao longo do século XX.Con el compartimos en varias ocasiois tocatas na romaría de Fombasallá, lugar de encontro dos gaiteiros vellos do Bierzo Oeste ata hai ben pouco. Con Emilio compartimos magostos na cantina do pueblo e del recollemos temas como o Pasodobre que nós bautizamos de Emilio na súa honra e que popularizou Treixadura por toda Galicia entre as pezas do seu CD de presentación (peza nº 7), cuxa partitura podémola consultar tanto na súa páxina como noutras como a de folkotecagalega.
Un momento para nós moi especial foi o Festival no Teatro de Vilafranca no mes de decembro do ano 1991, cuando ao cumprir os dez anos de existencia a Escola de Gaitas da vila, tivemos a sorte de contar con el para celebrar esa data cunha gravación de gaiteiros vellos. Participou así na primeira gravación específica que sobre a gaita no Bierzo se levaba a cabo, unha cassette editada por TECNOSAGA. Daquela interpretara tres temas Muliñeira, Rumba e Pasodobre, aínda que só dous apareceron logo na cinta. Sabemos que aquel día tamén foi para el moi grato porque era unha das primeiras nas que se lle homenaxeaba, nas que se dignificaba o seu bon facer como músico tradicional fóra do ámbito máis local e que el mesmo agradeceu aquel día e tempo despois. Nós tampouco perdemos esa especial querencia por el. Hai pouco tempo incluímos a Moliñeira ou muliñeira de Emilio (que interpretou Marisa Cela á gaita), ademais do seu Pasodobre no CD dos gaiteiros de León: Farrapos, furacos e foles.
Xa levaba muitos anos vivindo en Toral dos Vados, onde non pasou desapercibida a súa dedicación musical, motivo polo que os seus novos vecíños recoñecéronno como gaiteiro de Toral. Foi este o lugar onde morreu, onde o entrevistamos xa hai bastantes anos, por última vez, porque a quen se achegaba a el non tardaba en ensinarlle o que máis lle gustaba, a música popular. Colaborou coa posta en marcha dun grupo de gaiteiros de Toral, os preliminares do que hoxe é a Banda de Gaitas Mencía . Tampouco era nada difícil escoitalo tocar a gaita, ou cantar, só había que llo pedir. Como testemuña do que dicimos, circula algunha gravación por youtube de non hai tanto tempo e onde se perciben xa os problemas físicos que lle viñan afectando seriamente a súa saúde e que lle impedían tocar máis a miúdo.
Deixounos un dos "jilgueros" do Vilar de Aceiro ao que non esqueceremos.
domingo, 17 de noviembre de 2013
A GAITA E A CHIFRA NA PROVINCIA DE LEÓN NAS II XORNADAS ARREDOR DA MÚSICA TRADICIONAL
De todos os xeitos hai varias dúbidas que se nos abren despois deste relatorio sabendo que está documentado de vello (como se certifica no traballo recente de Concha Casado Las danzas de paloteo y las representaciones teatrales en los pueblos de La Cabrera (2009)) que as Danzas da Cabreira están acompañadas da gaita. Cal é logo a presenza da chifra na Cabreira? Cal era o acompañamento das danzas no Bierzo, era só a chifra e o tamboril, seguindo o modelo dos danzantes da Fornela?
jueves, 24 de octubre de 2013
Deixounos a entusiata gaiteira Cristina Fdez. Álvarez
Hai dúas palabras que te acompañaron de cote e que te identifican. Unha era "primavera", aínda que nacisches, eu ben o sei un 30 de outubro de hai 47 anos. A outra é un verbo co que na miña cabeza sempre quixen resumir a túa forma de ser: o verbo galego devecer, que é algo así como desexar con afán, vivamente. Así viviche e así te gardamos na memoria. Somos o que recordamos, verdade! Eras,Cristina, unha primavera alegre e permanente, tanto polo teu carácter amable e festeiro, como polo cordialidade dunha leal e comprometida compañeira. De pequena eras a "primaverita" e había poucas persoas que deveceran tanto a Festa do Maio coma ti. Imaxes imborrables deixas na retina de todos, non só tocando a gaita, o bombo ou a pandeireta, tamén dos teus carteis, os primeiros que imprimíamos para a Festa, e das innumerables troulas que vivimos, non hai quen nos roube o bailao! Bailamos tanto cos Paseniño, cos Treixadura nos magostos e nas romarías baixo os pradairos ou ultimamente mesmo, de xeito virtual no facebook (no que fixeches para a Escola máis de mil amigos)
que así é como queremos lembrarte, como a ti che gustaría que fagamos, cun sorriso. Tivemos tanta sorte ao atoparmos contigo nesta vida ... Estes días namentres a tremenda morte axexábate no hospital, de novo escoitei o último tema que tocamos xuntos e ao escoitar o latexo fondo do teu bombo que resoa de seu nos meus adentros, como o son dun corazón que ama a vida, como o son dunha muiñeira cargada de morriña, esperaba fuxir desa funesta sombra que entolda hoxe a luz do día. Non puido ser.
Agora desexar, desexamos que todo se deteña para despedirte cun adeus sinxelo e sentido, sabendo que seguirás con nosoutros moi adentro, xa non terás que subir máis a un escenario, agochada nos nosos corazois tocarás e tocarás, tocaremos contigo tantas e tantas veces, porque a vida é teimuda e insiste en continuar.
Un biquiño.

.jpg)













.jpeg)
