jueves, 24 de octubre de 2013

Deixounos a entusiata gaiteira Cristina Fdez. Álvarez

Cristina, non podemos deixar de falar contigo, porque estar sen ti non é nada doado de sobrelevar. Hai só unhas poucas horas que nos deixaches, aínda que ben sabes que é imposible que nos deixes por completo. Volver a tocar sen a túa presencia vai ser difícil, pero tamén sabías que a música que compartimos tantas veces era o medio para facer case eternos os nosos sentires, o noso compromiso coa memoria e agora reclamas para a túa despedida só un simple son dun tambor coa gaita e o seu bombo, que será,creme,
como un latexo profundo e vivo de vida, son quen de calar, se cadra por un momento,
a cruel tallada de silencios e carencias na que nos deixas.

Hai dúas palabras que te acompañaron de cote e que te identifican. Unha era "primavera", aínda que nacisches, eu ben o sei un 30 de outubro de hai 47 anos. A outra é un verbo co que na miña cabeza sempre quixen resumir a túa forma de ser: o verbo galego devecer, que é algo así como desexar con afán, vivamente. Así viviche e así te gardamos na memoria. Somos o que recordamos, verdade! Eras,Cristina, unha primavera alegre e permanente, tanto polo teu carácter amable e festeiro, como polo cordialidade dunha leal e comprometida compañeira. De pequena eras a "primaverita" e había poucas persoas que deveceran tanto a Festa do Maio coma ti. Imaxes imborrables deixas na retina de todos, non só tocando a gaita, o bombo ou a pandeireta, tamén dos teus carteis, os primeiros que imprimíamos para a Festa, e das innumerables troulas que vivimos, non hai quen nos roube o bailao!     Bailamos tanto cos Paseniño, cos Treixadura nos magostos e nas romarías baixo os pradairos ou ultimamente mesmo, de xeito virtual no facebook (no que fixeches para a Escola máis de mil amigos)
que así é como queremos lembrarte, como a ti che gustaría que fagamos, cun sorriso. Tivemos tanta sorte ao atoparmos contigo nesta vida ...  

Estes días namentres a tremenda morte axexábate no hospital, de novo escoitei o último tema que tocamos xuntos e ao escoitar o latexo fondo do teu bombo que resoa de seu nos meus adentros, como o son dun corazón que ama a vida, como o son dunha muiñeira cargada de morriña, esperaba fuxir desa funesta sombra que entolda hoxe a luz do día. Non puido ser.



Agora desexar, desexamos que todo se deteña para despedirte cun adeus sinxelo e sentido, sabendo que seguirás con nosoutros moi adentro, xa non terás que subir máis a un escenario, agochada nos nosos corazois tocarás e tocarás, tocaremos contigo tantas e tantas veces, porque a vida é teimuda e insiste en continuar.

Un biquiño.






No hay comentarios:

Publicar un comentario