Baixo o título "Farrapos, furacos y foles" vén de editarse un traballo que procura recoller a diversidade actual do mundo da gaita nas comarcas da provincia de León. Trátase dun traballo que reúne unha ampla representación de temas e de gaiteiros do Bierzo, a Cabreira, Llaciana pero tamén unha máis tímida presenza de temas e gaiteiros doutras comarcas centrais e orientais da provincia como Babia ou da chamada Montaña leonesa. Faremos logo unha breve reseña crítica deste CD.
En primeiro lugar,
temos que valorar como moi positiva a iniciativa que, coordinada polos
gaiteiros Rodrigo Martínez e Victor
Astorgano, reúne a 18 intérpretes de distintos puntos tentando dar idea do
conxunto de agrupaciois e avances que se veñen realizando sobre a gaita de fol
desde hai uns 25 anos e que supuxeron un incremento considerable de novos
gaiteiros/as na provincia.
O CD, seguramente sen querelo, reflicte
a evidencia ao reafirmar algo que xa temos constatado á hora de falar da
extensión da gaita, de fol e/ou tradicional no que é hoxe o territorio leonés: a
maior presenza do instrumento nas comarcas occidentais, menor a medida que
avanzamos cara oriente (dos temas tradicionais que se gravaron, a maioría, 18 pezas, pertencen ao Bierzo e 9 á Cabreira,
sumando unhas 27, que supoñen algo máis do 50 por cento do CD).
Un dos logros deste traballo, para
quen non coñeza as vicisitudes do mundo da gaita na provincia, é que reproduce,
en gran medida, a variedade do fenómeno musical asociado a este instrumento, aínda
que se cadra o desequilibrio entre a parte oriental e occidental é, na
realidade, aínda máis pronunciado. Amósase, iso si, o esforzo por recuperar e
ampliar o repertorio da gaita nos lugares e comarcas onde habitualmente se silenciaba a
súa presenza.
Con moi bo criterio, segundo a nosa
opinión, esta iniciativa musical respecta a formación máis tradicional dos
gaiteiros solistas, ese bon facer dos gaiteiros populares, desterrando
acertadamente a distorsión que supón o fenómeno recente das bandas de gaitas
que loxicamente son obviadas. Se temos en conta que a maior parte dos temas gravados son
catalogados como tradicionais (aínda que poderiamos falar dunha certa
incoherencia ao introducir 7 temas de autor nun total de 52) normalmente aparecen
amalgamados, pois o conxunto de 18 intérpretes tocan dúas ou tres pezas (hai
quen seleccionou ata cinco) o que produce unha sensación auditiva máis variada
e rica, difundindo temas descoñecidos ou redescubrindo outros que permanecían un tanto ocultos
ou dispersos en gravaciois dos anos 90, ás veces difíciles de conseguir.
Sobre a filosofía do traballo tamén
quixeramos anotar certas eivas que presentan o conxunto de pezas do CD, como é
o “totum revolutum” pouco didáctico de
pezas colocadas aparentemente sen criterio, o que pode levar á confusión dos
neófitos e a pensar que un territorio administrativo con 150 anos de vida (como a división provincial actual) é igual ao das distintas culturas tradicionais
que nel conviven. Alberto Jambrina na reseña que se inclúe na carátula de Farrapos,
furacos y foles dalgún xeito cremos que “desculpa” que se
reúnan “gaitas gallegas y asturianas en do y en si b” a carón de “gaitas que podemos fijar dentro
de un contexto pastoril de afinaciones neutras”. Estamos a reproducir certos
prexuízos na análise da situación da gaita nos últimos cen anos, evitando catalogar as cousas polo seu nome. De aí que o mesmo
Jambrina fale de “varias prácticas gaiteras” sen rachar de cheo coas vellas teimas
das influencias e “vinculaciones con las zonas limítrofes” á hora de abordar a existencia de distintas gaitas nas que se deu
simplemente unha evolución digamos "natural" como a que temos que admitir para a gaita no Bierzo
ao longo do século XX, sendo tan propias as denominadas gaitas de fol, como as galegas. Ollo!, a evolución da gaita no Bierzo foi en paralelo
á de gran parte de Galicia, logo, é tan propia como a denominada “gaita de fole”
que en realidade se corresponde a un estadio anterior. Isto si que o recoñece abertamente
Jambrina “afinaciones naturales de muchos instrumentos populares de viento de
todo el mundo incluidas numerosas gaitas antiguas de Galicia, Asturias y
Portugal”. A saber, nuns lugares deuse esa evolución (insistimos desde comezos
do XX) do modelo tradicional de gaitas que se preparan para os dúos, como é o
caso do Bierzo, noutros estase a dar un proceso de transición, posiblemente na Cabreira, e noutros unha situación de “recesión/estancamento” do uso do instrumento de
características normalmente máis primitivas. Evidentemente non podemos considerar tradicional o que fan os gaiteiros desde hai tan só 20 anos.
Botamos de menos, nun traballo de difusión coma
este, un complemento (mesmo en formato PDF, como o que se facilita aos interesados reproducindo as partituras das pezas do CD e é un material de agradecer) un pequeno estudo que faga algún tipo
de comentario e análise sobre o repertorio gravado. O comentario de
Jambrina na reseña resulta escaso e insuficiente, volvendo a usar circunloquios como "la moliñeira de Sésamo hemos de contextualizarla en el Bierzo y en la ligazón de esta zona con Galicia", en lugar de falar claramente de repertorio de corte galego, pensando na aprendizaxe e fixación de criterios claros para os gaiteiros actuais e futuros. O estudoso da Escuela de Folklore de
Zamora naturalmente faise eco de semellanzas que se dan especialmente entre o
repertorio cabreirés e o de Zamora, ou os obvios entre a tonada asturiana e a montañesa, mesmo se preocupa pola relación da chifra e
da súa influencia no repertorio da gaita. Gustaríanos que houbese algún
comentario máis profundo partindo da particulariedade que se dá neste territorio da confluencia do mundo da gaita co da chifla,
semellante aos certeiros que fai o galego Pablo Carpintero no seu libro Instrumentos
musicais na tradición galega(2009) ou na dirección que apuntan outros traballos citados no noso libro
Palillos de Madeira (2010) sobre os
xigantes e cabezudos de Vilafranca, no capítulo referido á danza e aos
gaiteiros.
Para coñecer outras referencias sobre este traballo na prensa: no Diario de León 2012 e no 2013. O traballo está editado polo selo Música Contsume
No hay comentarios:
Publicar un comentario