domingo, 17 de noviembre de 2013

A GAITA E A CHIFRA NA PROVINCIA DE LEÓN NAS II XORNADAS ARREDOR DA MÚSICA TRADICIONAL

Nas II Xornadas arredor da Música Tradicional que organizaron en Santiago de Compostela a Asociación de Gaiteiros Galegos  cuxo programa podemos consultar na páxina web, a gaita no Bierzo estivo presente desta vez a través dentro do relatorio: “A gaita e a chifra e o tambor na provincia de León” que ofreceron, mao a mao, Rafael Busto e Luis Mondelo, e aínda que o tempo foi algo xusto puideron debuxar unha aproximación  a estes dous instrumentos na provincia de León e ilustrar tocando algunhas pezas tanto á gaita como a chifra e o tambor.
O traballo destes dous entusiastas do folclore berciano está en pleno desenvolvemento e coloca enriba da mesa hipóteses de traballo interesantes como é  a da certificación de contextos e momentos nos que estes dous instrumentos, a chifra e a gaita tocasen xuntos. Desta curiosa asociación de instrumentos parece que Luis Mondelo ten escoitado da súa existencia, por exemplo, a gaiteiros da Cabreira como Moisés Liébana, e coinciden con outras testemuñas iconográficas como a que aparece nun retablo polícromo do XVII de San Bartolo de Valdefrancos de Valdueza.  Precisamente un dos aspectos destacables do relatorio foi a colección de imaxes dos instrumentos tradicionais obxecto da disertación,  tanto da catedral de León, como doutros retablos bercianos moi chamativos.
 No tocante a gaita, en gran medida, e como el mesmo recoñece, o traballo de Rafa Busto Ferrero é debedor do que realizamos na Escola de Gaitas de Vilafranca anos atrás, incorporando a súa propia experiencia no mundo da gaita a través fundamentalmente do seu labor en Alegría Berciana.
 Luis A. Mondelo  desenvolve o seu traballo fundamentalmente ao redor da chifra e o tamboril centrado nas comarcas que tein maior presenza, é dicir,  o Bierzo e Maragatería, pois parece ser que a medida que avanzamos cara a León dende Maragatería esta chifra segundo asegurou vai perdendo vigor polo que o núcleo de instrumentistas no século XX estaba na Maragatería e no Bierzo Este, na montaña occidental do Bierzo tampouco tivo instrumentistas.
 Falaron destes dous instrumentos que teñen unha forte presenza na música tradicional do Bierzo, pero que noutras comarcas leonesas como se viña deducindo non o son tanto. Temos iso si que establecer claras excepciois. A da Cabreira e Valdería onde a gaita e a chifra tiveron grandes cultivadores e outras zonas como Babia nas que a gaita son do ámbito asturiano.

Sobre as hipóteses ou preocupaciois que manteñen Rafa e Luis, como son a da procura dunha gaita “tipo” leonesa ou a xa mencionada antes, que gaita e chifra tocasen xuntos, cremos que aínda hai bastante que falar e bastante máis que investigar. Só dous apuntamentos para contribuír ao debate. A gaita de León non cremos que exista como tal. No Bierzo, a comarca máis rica en gaitas da actual provincia de León, non atopamos gaitas vellas que sexan distintas das do Caurel ou Pedrafita, logo non poderíamos chamalas nunca leonesas, seguramente deberíamos denominalas con maior rigor galegas.  O corte asturiano da gaita de Babia é evidente, e podemos facelo extensible a gaitas da Montaña Occidental de León.  Restaría o caso da gaita da Cabreira ou de Maragatería, (mesmo a de Cepeda, aínda que non o podemos asegurar, si aventurar pola súa proximidade coa Maragatería), que poderían ser galegas se lle facemos caso ás referencias bibliográficas existentes e recorrentes, pois, como di o Padre Isla no Fray Gerundio de Campazas (1768):
“No había órgano, pero éste lo suplían con muchas ventajas dos gaitas gallegas, que de propósito había hecho venir de la Maragatería el mayordomo, y las tocaban dos maragatos rollizos, tan diestros en el arte, que los llamaban para todas las fiestas recias de San Román, Foncebadón y el Rabanal, de donde se extendió la fama hasta el mismo Páramo, con ser así que hay mas de ocho leguas de camino. Y Antón Zotes, a quien llegaron estas noticias por haberlas oído casualmente en el puente Vizana a un criado del maragato Andrés Crespo, al tiempo que cargaba la recua, al instante envió a llamar a los dos famosos gaiteros, ofreciéndoles veinte reales a cada uno, traídos y llevados, comidos y bebidos; y como esta era la primera vez que se había oído semejante invención en las misas de aquella tierra...” Ou como tamén certifica anos despois o vilafranquino Enrique Gil y Carrasco nunha descrición costumista  dunha voda maragata en el Semanario Pintoresco Español (1836): “Al otro día, no bien despuntaba el alba, ya la gaita discurre por el lugar tocando la alborada y reuniendo a almorzar a los convidados de la boda. Acabado el almuerzo tocan a misa, y entonces el padrino, el padre dela novia y demás convidados varones se dirigen a la casa del novio, precedidos de la gaita y de los amigos solteros del novio llamados a tal ocasión mozos del caldo, que van haciendo salvas con sus carabina”.



Logo, a gaita en Maragatería podería ser  tan galega como a do Bierzo. Precisamente Luis Mondelo trouxo a estas II Xornadas, ademais dunha fermosísima e rica colección de chifras leonesas, unha magnífica gaita vella que mercou en Lucillo (Maragatería) sobre a que, a primeira vista o construtor de gaitas e requitas Olimpio Xiráldez  estableceu un paralelo con outra gaita vella de Estás (Tomiño) Galicia, cousa que confirmou tamén Pablo Carpintero.  Queda aberta a posibilidade dunha gaita máis arcaica, non menos que as que habería antigamente en Galicia, que se mantivo na Cabreira? É desde logo unha hipótese a estudar.

No referente a que tocasen xuntos unha gaita e unha chifra, seguramente déronse casos como se certificou por activa e pasiva e como se tein tamén constatado en zonas de Portugal. Por certo, podemos ver no programa da TVG Luar do 15 de novembro do 2013 no minuto 16 en diante a explicación que dá Pablo Carpintero e unha hipótese sonora en re que realizan Rafa Busto e Luis Mondelo. (Como curiosidade na segunda hora do programa da TVG citado un grupo do Cebreiro acompañado por gaiteiros bercianos bailou ao ritmo das muliñeiras de Isidro do Soutelo de Trabadelo).

De todos os xeitos hai varias dúbidas que se nos abren despois deste relatorio sabendo que está documentado de vello (como se certifica no traballo recente de Concha Casado Las danzas de paloteo y las representaciones teatrales en los pueblos de La Cabrera (2009)) que as Danzas da Cabreira están acompañadas da gaita. Cal é logo a presenza da chifra na Cabreira? Cal era o acompañamento das danzas no Bierzo, era só a chifra e o tamboril, seguindo o modelo dos danzantes da Fornela?
Deixaremos eiquí, polo de hoxe, o asunto e volveremos noutra ocasión á análise máis pormenorizada dos aportes deste dous amigos, estudosos e investigadores meritorios da nosa música tradicional no Bierzo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario