Traemos eiquí a nova da publicación dun traballo musical
editado hai un mes polo grupo de gaiteiros “ Os Terribles de Arousa” que lidera
Carlos Rey, non porque no CD apareza algo directamente relacionado co Bierzo,
senón por un apuntamento introdutorio moi interesante que redactou Carlos, un dos
gaiteiros amigos que nos merece maior credibilidade e respecto pola coherencia
no seu labor de folclorista. Coa
humildade que o caracteriza, logra sorprendernos agradablemente a cada certo
tempo. Dende que o coñecemos, nos anos 80, etapa na que estaba desenvolvendo
aquel proxecto denominado “Pallamallada”, os seus aportes resultaron sempre tan
frescos e innovadores, como galardoados (o grupo Pallamallada foi 1º premio outorgado polo Ministerio de Cultura ao mellor grupo folk no ano 1987).
Daquela
tamén percorreu toda a xeografía de Galicia procurando unha recolleita de folclore
das máis destacadas e que saíu editada co nome “Derradeira polavila”(editada por Tecnosaga), incluíndo, como non podía ser menos, os propios Ancares. Máis
recentemente colaboramos con el para realizar un traballo específico sobre o
famoso grupo de gaiteiros do Sixto, os Campaneiros de Vilagarcía (2005) e que
resultou ser outro fito no mundo da gaita e do folclore de Galicia. Estes
últimos anos, co grupo dos Terribles de Arousa xa leva editado tres CD co
repertorio da Arousa e Salnés entre outros traballos e publicaciois
destacables, todas elas moi aconsellables.
Este pequeno texto que transcribimos íntegro a
continuación, pareceunos moi apropiado, válido para o debate a realizar ao redor do folclore na nosa comarca e, á vez, claramente revelador das
deficiencias e carencias coas que a día de hoxe se vén traballando no mundo da
gaita tradicional. Temos que procurar tomar boa nota á hora de garantir que as gaitas folclóricas no Bierzo sigan soando
como soaban nas maos dos nosos vellos gaiteiros.
A GAITA FOLCLÓRICA NA ACTUALIDADE: EVOLUCIÓN
NATURAL OU FORZADA
por Carlos Rey
Cebral (texto introdutorio do CD “O camiño do carro”2013)
"Comentábame unha
vez o gaiteiro santiagués Juan Bello Mallou ao voltar dunha actuación: “ Antes,
se escoitabamos a uns gaiteiros de lonxe, sen velos xa sabíamos quen eran, polo
son das gaitas. Agora todos soan o mesmo.” A reflexión de Juan era ben certa.
Estamos a vivir a evolución silenciosa do instrumento.
Se a unificación
de medidas das distintas pezas da gaita (especialmente punteiros) que fixeron
os principais artesáns de Galicia, empobreceu a riqueza e a variedade tímbrica
do instrumento, esta evolución forzada non remata aí. Comezouse por case
abandonar as gaitas tumbais e as grileiras, pois a mayoría das agrupacións
tocan con punteiros afinados en DO. Logo veu a unificación das medidas das
pallaetas. Despois empezaron a vir os palláns de bolígrafo. Hai uns anos
chegaron os foles de gore-tex. Hai pouco saíron uns novos pallóns de plástico e
metal moi elaborados. A busca da afinación perfecta dos punteiros segue sen
descanso. E coido que non tardará moito en saír unha palleta de plástico ou
pasta, senón, ao tempo.
Son detalles
pequenos, si, pero se os xuntamos todos, dentro de poucos anos o son desa nova
gaita, case rozando a perfección, pouco terá que ver co son da gaita
folclórica.
E iso é o que
parece que non teñen claro nin os artesáns nin os novos gaiteiros.
Está moi ben que
haxa unha gaita perfeccionada para tocar con calquera outro instrumento, ou
cunha banda de música: unha gaita de concerto. Pero non por iso podemos matar a
gaita enxebre, a gaita do país. Aínda que ese parece que é o camiño que leva."
No hay comentarios:
Publicar un comentario