Acabámonos de enterar que Emilio Díaz Gutiérrez, o gaiteiro de Vilar de Aceiro vén de morrer onte. Nacera en 1929 un 29 de novembro, logo acababa de cumprir 84 anos de idade. Tan só hai uns días editabamos un vídeo con motivo do día de Sta Cecilia, que quería lembrar a todos os gaiteiros bercianos e incluíamos a Emilio entre a nómina de músicos tradicionais vivos. Formaba parte dunha saga de gaiteiros dun pobo que deu numerosos músicos e un val, o val do Burbia, que é referente para a gaita no Bierzo ao longo do século XX.
Con el compartimos en varias ocasiois tocatas na romaría de Fombasallá, lugar de encontro dos gaiteiros vellos do Bierzo Oeste ata hai ben pouco. Con Emilio compartimos magostos na cantina do pueblo e del recollemos temas como o Pasodobre que nós bautizamos de Emilio na súa honra e que popularizou Treixadura por toda Galicia entre as pezas do seu CD de presentación (peza nº 7), cuxa partitura podémola consultar tanto na súa páxina como noutras como a de folkotecagalega.
Un momento para nós moi especial foi o Festival no Teatro de Vilafranca no mes de decembro do ano 1991, cuando ao cumprir os dez anos de existencia a Escola de Gaitas da vila, tivemos a sorte de contar con el para celebrar esa data cunha gravación de gaiteiros vellos. Participou así na primeira gravación específica que sobre a gaita no Bierzo se levaba a cabo, unha cassette editada por TECNOSAGA. Daquela interpretara tres temas Muliñeira, Rumba e Pasodobre, aínda que só dous apareceron logo na cinta. Sabemos que aquel día tamén foi para el moi grato porque era unha das primeiras nas que se lle homenaxeaba, nas que se dignificaba o seu bon facer como músico tradicional fóra do ámbito máis local e que el mesmo agradeceu aquel día e tempo despois. Nós tampouco perdemos esa especial querencia por el. Hai pouco tempo incluímos a Moliñeira ou muliñeira de Emilio (que interpretou Marisa Cela á gaita), ademais do seu Pasodobre no CD dos gaiteiros de León: Farrapos, furacos e foles.
Xa levaba muitos anos vivindo en Toral dos Vados, onde non pasou desapercibida a súa dedicación musical, motivo polo que os seus novos vecíños recoñecéronno como gaiteiro de Toral. Foi este o lugar onde morreu, onde o entrevistamos xa hai bastantes anos, por última vez, porque a quen se achegaba a el non tardaba en ensinarlle o que máis lle gustaba, a música popular. Colaborou coa posta en marcha dun grupo de gaiteiros de Toral, os preliminares do que hoxe é a Banda de Gaitas Mencía . Tampouco era nada difícil escoitalo tocar a gaita, ou cantar, só había que llo pedir. Como testemuña do que dicimos, circula algunha gravación por youtube de non hai tanto tempo e onde se perciben xa os problemas físicos que lle viñan afectando seriamente a súa saúde e que lle impedían tocar máis a miúdo.
Deixounos un dos "jilgueros" do Vilar de Aceiro ao que non esqueceremos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario