Cando naceu
GAITEIROS DO BIERZO (aló no mes de decembro do 2012) había un certo oco por
cubrir no panorama da música tradicional e no mundo da gaita no Bierzo na rede, nese universo multicultural da aldea global. Ese oco que esperabamos humildemente ir enchéndoo en solitario con aportes documentais e de
opinión desde a Escola de Gaitas de Villafranca, conscientes de que algo podemos
dicir partindo da primeira experiencia e ferramenta para reformular o folclore
no Bierzo da que nos dotamos no ano 1981 Iso é o que vimos facendo mellor ou peor estas décadas que temos de vida. Pero dende aquela xa
choveu e son sempre benvidas outras iniciativas, máis recentes e enriquecedoras
que contribúen poderosamente a esta nova visión da nosa cultura. “Tocar bajo teito” xa no mesmo nome deixa entrever ese espírito aberto do que se nutre e que
logo nas súas diversas entradas se constata e confirma. O valor do traballo de
Diego e Denise axiña aflora ao observar
a importancia que se lle dá á musica de raíz e o trato que se lle outorga aos gaiteiros ou
pandereteiras. Incorporan ademais un rigor técnico encomiable ao ser músicos que non só utilizan o
oído, e, como precisan os tempos que corren, usan pentagramas e notaciois musicais
hoxe imprescindibles. Sentimos logo moi
próximo o seu traballo. Seguen os mesmos pasos, mesmo falan das pezas e
gaiteiros cos que hai anos comezamos nosoutros a crear un repertorio propio para a nosa Escola
e o mundo da gaita do Bierzo, con pezas da comarca, do que tradicionalmente os
vellos dirían que son pezas "do país”.
Que no ámbito da música tradicional na nosa comarca e no medio da
confusión e deformación existentes se estean a dar pasos serios e rigorosos como este, realmente nos alegra. Alégranos igualmente
que aborden con afouteza e decisión o
tema da gaita na Cabreira que sen dúbida tein unha entidade peculiar e merece
afondarse nela, se ben como Diego e Denise recoñecen, a imposibilidade dun acceso directo aos
vellos gaiteiros constitúe un terrible atranco para a investigación presente.
Consideramos de
vital importancia non perder o camín, e observando os contidos e traxectoria do
blog Diego Bello e Denise Silva ao longo
deste ano de vida (naceu no mes de setembro de 2014) gustaríanos
facerlles chegar a nosa máis sincera felicitación e o noso ánimo tras comprobar o seu bon facer. Outramente desde
a nosa non profesional, pero si apaixonada dedicación ao mundo da gaita botámoslle
unha ollada ao panorama da gaita do Bierzo, tirando da perspectiva da que gozamos, quixeramos dar
a coñecer, a modo de caderno de notas, algunha reflexión máis sobre o que aconteceu
desde o momento en que uns cantos mozos decidimos fundar a denominada Escola de gaitas
de Vilafranca ata hoxe, coa intención de valorar con xustiza o traballo destes dous mozos.
Desde 1981, desde a volta á democracia, o movemento asociativo e cultural, seguindo as dinámicas da
superación do Franquismo e fronte as súas rémoras, comezamos unha “batalla” incruenta,
pero dura, en defensa da cultura tradicional oprimida durante esa longa noite baixo
o imperio dunha España gris que era incapaz de respectar a diversidade e que todo
o quería uniformar. Esa España triste e ruín non desapareceu inmediatamente á morte de Franco. Como en todo
proceso de transformación, a volta á democracia, a unha verdadeira democracia,
foi tan, tan lenta que aínda hoxe estamos a sufrir e a loitar para recuperar
plenamente a dignidade perdida e abafada tanto tempo polo caciquismo, a marxinación e o desleixo. É certo
que as tradiciois, por outra banda, se resisten a desaparecer, e aquelas que
estaban ben arraigadas e levaban séculos en vigor, tiveron por veces fortuna e souberon manterse e chegar a tempos
nos que os avances e dinamismo cultural propios dos nosos días lles deron pulo,
aínda que, como comprobamos, non sempre se produciron con resultados satisfactorios e o
mundo da gaita é un bo exemplo para observar esta evolución/ involución dun tempo acó.
É certo que naceron
con afán de recuperar un patrimonio a piques de desaparecer humildes iniciativas como a nosa, pero tamén é certo
que por intereses de diversa índole se crearon “novas” prácticas fillas de
vellos usos da cultura do poder. Para que se nos entenda: Os gaiteiros tradicionais non desfilaban
militarmente uniformados. Estas iniciativas lonxe de axudar a unha recuperación
digamos sostible da gaita no Bierzo, produciron e producen aínda confusión. Esa
distorsión do que é a musica tradicional está remitindo día a día e precisa de
iniciativas como a que se desprende de “Tocar bajo teito” para albiscar un futuro mellor.
Nunha próxima
entrada prometemos algúns comentarios máis substanciosos e en detalle sobre algunhas das
interesantísimas páxinas que o blog Tocar bajo teito nos ofrece. Alegrámonos
sinceramente de que aparezan novos compromisos estimulantes co mundo da gaita e a música
tradicional no Bierzo. Un saúdo meus.
Acabo por casualidade de ver a vosa entrada sobre nos no voso blog. Realmente síntome emocionado, e agradecido de que apreciedes o noso proxecto. Son cumpridos que nos dan impulso para seguir traballando e porque non xuntos. De verdade que moitas grazas e contade con nos para o que precisedes. Nos tamén coñeciamos o voso blog e entrabamos a bucear nel de cando en vez. Un abrazo moi forte e a ver se coincidimos. Grazas
ResponderEliminarOs vosos proxectos son moi interesantes e quen debemos estar agradecidos somos nosoutros por ver como o que hai xa unha chea de anos comezamos agora tein máis forza porque conta con máis persoas con xeito que tocan e entenden o que tocan,sexa ou non baixo teito. Un saúdo e dispostos a poñer en marcha algo en común.
Eliminar