sábado, 25 de mayo de 2024

SARMIENTO Á CABEZA DOCUMENTANDO A MUIÑEIRA

 



O padre  Martín Sarmiento é un personaxe realmente curioso e sorprendente. Que Sarmiento era un adiantado a súa época, un sabio e un erudito non nos cabe a menor dúbida. Para o mundo da gaita e a música galega é ademais unha fonte riquísima de documentación. Un recente estudo pon en valor o papel de precursor do frade bieito que tamén ten para a etnografía e o folclore ao estudar a muiñeira e caer na conta que o ilustrado nacido en Vilafranca foi o primeiro en documentar a palabra muiñeira.  
El realmente usa ao escribir estes versos do seu Coloquio das mil duascentas coplas ou Coloquio dos 24 galegos rústicos, escrito en 1746, a denominación de moiñeiras como se observa claramente na foto da edición facsimilar.

Podes saber máis sobre o asunto no blog amigo OMEGODAESCOLA  

miércoles, 4 de enero de 2023

A AGG, unha asociación da tradición viva


 Unha reportaxe da RTVG sobre a Asocación de Gaiteiros Galegos. Algo mái sque unha asociación de gaiteiros e gaiteiras, de bailadores e de interpretes e artesáns de instrumentos tradicionais galegos.


lunes, 11 de julio de 2022

Pablo Carpintero na procura da gaita galega máis antiga

A gaita de Xan de Campañó (século XV)

 Pablo Carpintero volve a sorprendernos coa datación da gaita galega máis antiga que se conserva.unha das gaitas que pertenceu ao gaiteiro Xan Tilve de Campañó que segundo puido investigar e acaba de difundir o propio artesán pódese saber se unha gaita como esta ten unha antigüidade determinada.  Escuitemos no seguinte vídeo a explicación de como se logrou constatar cienificamente  que era tan antiga esta gaita e tamén como soa:

Deixamos un par de enlaces a páxina web de Pablo Carpintero con máis información sobre o tema: 

A gaita de ronquillo de Xan de Campañó

Sobre a gaita de Xan de Campañó do século XV

-


viernes, 7 de enero de 2022

Petitorios e ciclos festivos

Imos realizar  un breve apuntamento, unha pequena viaxe, e á vez unha interesante reflexión sobre os petitorios que se presentan de xeito continuado en distintos momentos no calendario de tradiciois anuais. Realmente é unha fórmula de socialización activa que solicita a cambio do canto un donativo, está intimamente asociado ao carácter participativo e activo da festa  polo que o vemos nos aguinaldos, nas comparsas de entroido, nos maios... Logo se produce a reiteración das fórmulas seguindo un esquema básico acorde coas regras esenciais da oralidade que fai que, a pesar dos centos de variantes existentes, vexamos notables coincidencias sobre todo se nos fixamos  na estrutura  e,  como non, as semellanzas parciais ou totais derivadas da proximidade dos territorios.  Fixémonos nun caso que xa hai tempo nos chamou á atención os petitorios de tradición oral do Cebreiro e do Bierzo.    

Foto do xornal O Progreso de Lugo

Falemos en primeiro lugar dos petitorios do aguinaldo que atopamos no Canto de Reis/Reises  do Cebreiro. Na fermosa e colorista versión que colgamos máis arriba do magnífico músico e instrumentista Pancho Álvarez podemos escuitar e distinguir perfectamente os dous propios dun petitorio: As peticiois iniciais e os agradecementos, cuando se daba algo ou mesmo insultos, vituperios  posteriores, se non se daba nada:

PETICIOIS:

Día de Reis, Día de Reis

primeira festa do ano

entre damas e doncelas,

vimos pedi-lo aguinaldo


Se queren da-lo aguinaldo

non nos fagan agardare

somos de lonxanas terras

temos muito que andare.


Ese señor, Don Luis,

muito lle pinta a chaqueta

meta a mao no seu bolsillo

e tíreme unha peseta.


 COPLA  DE AGRADECEMENTO: 

Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.


COPLA DE AGRAVIO

Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas

Estas coplas que escolleu Pancho Álvarez foron recollidas xunto coa melodía tradicional por Mini e Mero segundo se cita no  CD titulado Cantigas de Nadal que se editou por Do FoL EdiCións no ano 1998.

Na rede podemos documentar algo máis a partir do recollido polo equipo de investigación do Apalpador da Genthalha do Pichel gravado no lugar de Cileir, O Cebreiro (2011). Atopamos a Amadora, unha veciña dunha aldea do Ceberiro falando dos Reis e da Carantoña, o cal nos fai pensar que o Ciclo de Nadal realmente agocha unha forte corrente de tradiciois que no inverno tentan preparar unha boa entrada da primavera, algo que logo no calendario foi denominado Entroido, que normalmente se asocia ás máscaras e a este tipo de encontros con petitorios polas aldeas adiante. O antropólogo Lisón Tolosana documenta xa muito antes esta práctica no seu libro Antropoloxía Cultural de Galicia. 


Pois ben, pasemos finalmente ao Bierzo e ao mes de maio. Na Festa do Maio que se conserva en Vilafranca volvemos atopar petitorios onde se piden castañas e vemos como se reiteran entre outras coplas unhas idénticas ás de agradecemento e agravio que reproducimos máis arriba.  A funcionalidade é a mesma, pero o ciclo é distinto xa que neste caso se celebra a entrada da primavera.

Este maio, señora é,

este maio andaba de pé.


Tire castañas, Señora Manuela, 

Tire castañas cas tein na mantela.


Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.


Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas.

 Rematamos por hoxe, non sen dicir que puideramos seguir atopando en lugares máis distantes neste tipo de manifestaciois do nosos patrimonio unha morea de coplas mui semellantes a estas como temos comentado xa nalgún outro texto. Máis adiante prometemos seguir tirando deste fío.  


lunes, 19 de julio de 2021

Concerto didáctico sobre: Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega

 Colgamos a seguir VOLVER Á TERRA un concerto didáctico do 2013 para o Proxecto Ronsel que deron Pablo Carpintero, Rosa Sánchez e Gustavo Couto. Un interesante documento que podemos ver grazas ao propio Pablo Carpintero ao que lle agradecemos que permita gozar de eventos verdadeiramente interesantes aínda que sexa en diferido.


OS GAITEIROS DO PAÍS, na revista LA COMARCA 13/XI/ 1992

 Na desaparecida revista  LA COMARCA del BIERZO no seu número 13 do mes de novembro de 1992 saíu esta reseña sobre o traballo de recolleita da Escola de Gaitas que reproducimos a continuación: 



  

viernes, 16 de julio de 2021

GAITEIROS DUNHA PROVINCIA DO INTERIOR (1ª parte)

 

Cuarteto de Sésamo ( A Veiga de Espiñareda) na década dos 40

Imos realizar unha entrada produto dun soño máis que dunha realidade asentada pero que nos permita observar sen cancelas as comunicaciois gaiteiras entre comarcas próximas. Debemos lembrar que os soños forman parte ineludible e inseparable do ser. A sociedade berciana soñou sempre cunha provincia que en realidade ten dalgún xeito existencia histórica anterior, xa non digamos a antiga provincia romana Gallaecia que era outra cousa, pero si a unha realidade territorial algo menor ca romana de evidencias intermitentes  ao longo da historia máis recente ao pertencer por momentos, muitos destes territorios e lugares que imos nomear, ao Condado de Lemos medieval. Existe, como non, unha base real se temos en conta o contacto e a relación fluída que de vello houbo entre comarcas montañosas como Caldelas, Trives, Valdeorras, Merindade de Aguiar, Courel, O Cebreiro, Cervantes, Valcarce, A Somoza, Ancares e mesmo a Cabreira ... que conforman en gran medida un mesmo mundo cultural ao compartir a diario as súas xentes unha paisaxe e unha fala común, entre outras tantas cousas. 

Vaiamos logo trazando un mapa de pequenas comarcas que se vencellan, algunhas mesmo sendo parte daquela Provincia de Villafranca do 1821 que tras da crise do Antigo Réxime estivo a punto de asentar administrativamente unha complicidade xeográfica e cultural que vertebra O Sil arredor de todos os ríos que del son afluentes.

 Comezamos a enumerar logo gaiteiros do país que se sitúan nas zonas máis periféricas deste centro do Noroeste da montaña que poñemos situar no Bierzo na procura dun equilibrio soñado entre os dous mundos que conflúen nesta comarca. Son gaiteiros que viven sobre todo da primeira metade do século XX, aínda que beben da tradición de finais do XIX protagonizan páxinas brillantes para a gaita antes de que declinase a súa poderosa presenza nos programas das festas patronais e noutros eventos relevantes tamén do Bierzo.    

 OS TRABAZOS  DE CASTRO CALDELAS 

Para falar destes bos gaiteiros de aló as Terras de Caldelas acudimos ás fontes máis fidedignas e máis axeitadas para divulgar datos con axilidade a través da rede. 


OS TRINTAS DE TRIVES


Na comarca veciña de Trives atopámonos cuns gaiteiros de longa e exitosa traxectoria que visitaron no seu tempo o Bierzo dando conta do seu paso pola historia da gaita no século XX. Estas relaciois musicias seguramente estimularon a creación de cuartetos semellantes entre os músicos locais e a incorporación de sons e instrumentos. Constatamos así unha evolución en paralelo entre a gaita no Bierzo e as súas comarcas galegas veciñas.  Pero o máis interesante resulta establecer, sen dúbida, as semellanzas e diferenzas nos repertorios duns e doutros.    

Volvemos a tomar prestado un vídeo divulgativo de Diego Prieto para saber algo máis dos gaiteiros Os Trintas de Trives. Agradecemos e aplaudimos dende eiquí o seu traballo.


CONTINUARÁ