Sentimos a gaita
desde moi pequenos como parte dese
descubrimento lento, profundo e
insustituible que nos leva a coñecer o
noso primeiro mundo, ese paraíso da infancia, hoxe perdido. A gaita, como sen querelo, emerxe naquel proceso de formación, de interiorización da nosa cultura, dándolle sentido a ese “país” . Se os
sons da gaita, o agudo do punteiro e o grave do seu roncón sorprendéronnos á forza sendo ninos, o contexto no que aparecía en días sinalados nese discorrer
pausado dos tempos da infancia, foi, sen dúbida, tan impactante e transcendente
que aínda agora, transcorridos máis de 50 anos, son quen de facer percorrer por
todo o noso corpo un conxunto de reacciois físicas e mentais difíciles de
referir. Un arrepío intenso, pelos en punta e un reclamo das bágoas nos ollos
que flúen sen querer e de alegría, son habituais nun xogo de emociois colectivas
vividas en familia, cos amigos e cos veciños, acompañadas de foguetes, campás e,
no noso caso, facendo bailar aos xigantes e cabezudos, que de terlles verdadeiro terror infantil ,
hoxe pasaron a ser identificados como a alma da festa, parte indisoluble da
nosa personalidade e esa música da gaita que os acompaña nada máis, nin nada
menos, que o seu himno.
Reparando nese
proceso de asimilación da cultura propia e partindo da experiencia persoal e
local, entendemos primeiramente que, en esencia, é ese proceso igual ao que
puideron sentir hai cen, douscentos ou trescentos anos calquera berciano ou
berciana; aínda máis, que debe ser moi semellante ao progreso que desde a máis remota antigüidade cada
membro dunha comunidade tribal experimentaba á hora de ir conformando a súa personalidade ou identidade patrimonial.
Está claro que un instrumento só non exerce sobre as
persoas tanto poder, pero se ao conxunto das reacciois físicas, aos sons de instrumentos
determinados en momentos precisos engadímoslles, xunto a eles, emotivas manifestaciois colectivas de unidade dunha pequena sociedade
de homes e mulleres, ninos e vellos, nais e avoas, e se, sobre todo, estes rituais son reiterados no tempo ao ritmo do calendario
das estaciois, veremos que, de vello, estes
actos tan sinxelos conforman paseniño as
poderosas tramas da singularidade dun pobo ou dunha comunidade.
A nosa vivencia entendémola logo coma un mecanismo de socialización elemental que pretendemos investigar desde a raíz e cun dobre obxectivo: o de contribuír a esa memoria cultural do noso patrimonio inmaterial e fortalecer así a nosa identidade, pois non cabe dúbida,
de que nos tempos de uniformizaciois e globalización que corren este tipo de
traballos sonvos moi necesarios para non perder a nosa singularidade, a nosa
identidade, esa que fai máis rico e diverso o noso planeta. Unha luita lexítima
e xusta pola diversidade cultural da humanidade.
Estamos convencidos de que a gaita é un deses elementos esenciais que conforman a cultura tradicional do Bierzo. Obvio é que o Bierzo é singular, existe unha certa e prolongada controversia
sobre a súa identidade, pero se as tradiciois consolidan a personalidade dos
pobos, a presenza e pervivencia ao longo dos tempos da música da gaita no país
é un dos seus trazos definitorios indiscutible, na mesma esencia dese
patrimonio cultural que pretendemos abordar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario