domingo, 12 de agosto de 2018

CHIFRA E TAMBORIL NO BIERZO


Luis Mondelo leva anos traballando sobre este instrumento especialmente no Bierzo (sabemos que ten unha presenza singular na nosa comarca e na Maragatería, ademais doutras zonas de León, Zamora, Salamanca e Cáceres, mesmo ata Huelva) e reúne nun CD ese interesante e riguroso traballo. Podemos ver unha charla que deu hai dous anos na Casa da Gaita organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos:


 Trátase dun gran traballo que animamos a coñecer e difundir. Para quen non teña tempo de velo por completo e/ou non teña o CD diremos que  ademais de explicar a estrutura do traballo ( o CD consta duns 50 audios tocados por arredor de 15 instrumentistas  maiores do Bierzo.
Sinalados con distaintas cores os tamboriteiros documentados no Bierzo por Luis Mondelo. En branco os que aparecen no CD, en lila referencias da súa existencia ou presenza sen gravación de audio. En amarelo, a chifra na Fornela e en azul, en Asturias.

Na charla dise que se excluíu A Cabreira e A Fornela por consideralas comarcas específicas e dignas dun traballo particular á hora explicar a extensión territorial da chifra e de como esa extensión seguramente era distinta no pasado (as testemuñas e investigaciois de Pablo Carpintero, entre outras, certifican a existencia da chifra en Galicia, por exemplo). O autor fala do repertorio deste instrumento, dos seus informantes e da muiñeira tocada coa frauta ou a chifra (tamén comenta o uso destes dous termos para denominar o instrumento).

Precisamente establece unha diferenciación entre os instrumentistas bercianos e doutras zonas de León ou Zamora, pola inclusión daqueles da muiñeira no seu repertorio. Despois de escuitar algún audio, Luis Mondelo interpreta varias muñeiras coa frauta e o tamboril e outras pezas. luis Mondelo tamén tivo algo que ver coa Exposición monográfica que se realizou en Ponferrada no 2016 sobre a Chifra e o tamboril.

Finalmente xorde a pregunta de se tocaban xuntos a chifra e a gaita de fole, ao que asegura que está claro e constatado que así era en diversas fotografías, a pesar de que hai certa polémica ao respecto relativa á afinación dos dous instrumentos. Luis asegura que hai testemuñas gráficas e orais que así o certifican. No libro de Pablo  Carpintero e Ramón Marín sobre os instrumentos musicais en Galicia aparece a fotografía que reproducimos máis abaixo onde pousan xuntos un tamboriteiro coa súa chifra e un gaiteiro na comarca veciña da Maragatería. No ano 2013, como xa comentamos Pablo Carpintero atrevíase a deseñar o proceso de evolución desta curiosa parella de músicos (ver a partir do minuto 16 do programa da TVG Luar nº 921 15 de novembro 2013) seguindo a documentación gráfica que se conserva dende o Medioevo. Se durante a Idade Media o gaiteiro é un instrumentista solista, el só. Disque no Renacemento ao gaiteiro xuntóuselle un frautista co tamboril que tocaba cunha soa mao (no coro de San Martín Pinario do XVII están tallados dous anxos tocando xuntos ou os famosos instrumentistas que aparecen nun retablo de Meiraos do Courel datados en 1614). Despois o tamboriteiro deixou de tocar a frauta (na sancristía da catedral de Tui un gaiteiro acompañado cun tambor tocado cun só palillo) para logo ir incorporando unha segunda baqueta cara ao século XVIII. mais no Bierzo e na Maragatería esa evolución sería máis lenta pois se constata a presenza desta formación ata o século XX.



No hay comentarios:

Publicar un comentario