Os séculos pasan
pola ermida de Fombasallá e a romaría que reúne eilí a centos e centos de
persoas muitas devotas da Virxen e algúas outras non tanto, asentaron neste lugar e neste día, unha data referencial no calendario da música tradicional no Bierzo Oeste, singular para o mundo da gaita no Bierzo.
Arredor da ermida que se atopa a 1200 metros de altitude acampaban na véspera alguis mozos e mozas ou vellos e vellas que armaban a troula ata que xa polo día, andando a maioría ou ben en cabaleirías (había tamén os ofrecidos ou ofrecidas que facían o camín de xeonllos) se achegaban ben cedo, o día
propio, o 15 de agosto. Viñan de romaría
de Pumarín e Canteixeira, de Balboa e da Veiga ou de Trabadelo e Soutelo, de Cela e Paradaseca, de Paradiña, Aira da Pedra, Teixeira e Porcarizas, de Vilar de Aceiro, Ribón e Veigueliña, de Vilafranca, Vilela ou de Horta e tamén algún de
Corullón e dos Valtuilles. De máis lonxe viñan tamén, pero estes eran e son os que seguen achegándose nesta data ata a pequena capela e a súa campa que se asenta baixo centenarios pradairos e ao pé dunha fonte de auga mui apreciada (como non).
Entre todas as xentes de fala galega (na maior parte) que eilí se xuntaban e se xuntan hoxe, non podían faltar os gaiteiros. Os gaiteiros do país, aqueles que eran coñecidos músicos aos que
habitualmente, en todos aqueles lugares da contorna antes citados, eran contratados para cadansúa festa patronal ou ben aqueles outros afeccionados que algo tocaban e que nalquel día de romaría, tras da procesión, animados polo viño e a alegría do momento, entre amigos e achegados, atrevíanse a tocar unhas pezas. As pandeiras algunha que outra vez
soaban tamén, como nos fixeron saber Estrela de Pobladura ou Socorro de Vilar de Aceiro, ademais de tocarense outros instrumentos como acordeón, guitarras e bandurrias.
Fombasallá era un
lugar de fervor relixioso, pero á vez e ante todo (poucas veces se di) de encontro e de fervor musical, ese que acompaña a toda festa popular e onde a música
tradicional faise notar. E cuando hai música de gaita,
hai baile de muliñeiras e jotas, ademais doutros ritmos antigos, como o Bien parao ou pezas de moda, as xentes bailan…Os bailadores de Cela destacaban, pero habíaos bos e boas en todos os pobos, porque en Fombasallá aprendimos que o baile tradicional daquela aínda estaba vivo, perdera forza e vigor, pero se soaban as gaitas volvía a bailarse solto e a xente maior sabíao facer e gostaba de facelo.
Durante todo o
século XX Fombasallá foi un lugar onde soou a gaita e os gaiteiros tocaron, as xentes bailaron. Fermosas
instantáneas consérvanse e dan unha idea certeira de todo o que estamos dicindo.
Procesión de Fombasallá nos anos 20 |
Unha curiosa foto dos anos 20 (1920) reproduce o momento da procesión arredor da ermida. Non
sabemos quen pode ser o gaiteiro, posiblemente o grupo de músicos con clarinete podería ser o dos Gutiérrez de Vilar de Aceiro, aínda que
non o podemos asegurar porque ben puideran ser tamén os gaiteiros de Paradaseca, os mestres de Virxilio, o gaiteiro que nos anos 60-70 non se perdía por nada do mundo a romaría de Fombasallá.
Noutra foto dos anos 70 vemos a Emilio de Vilar de Aceiro tocando na Campa.
Nos anos 80 eran asiduos Domiciano e Isidro, había anos nos que tamén estaba Emilio e logo chegamos nosoutros. A Escola de gaitas de Vilafranca estivo e segue estando, dun xeito ou doutro, desde que se creou, presente cada ano na romaría. Unha das primeiras actuaciois que fixemos aló polo ano 82 foi nesta romaría. Acababamos de nacer como grupo de gaitas e fomos contratados durante máis dunha década de xeito continuado pola confraría. Agradecémoslles muito aquela aposta polos novos gaiteiros, unha ousadía que para nosoutros foi coma un bautismo, é dicir, unha oportunidade para coñecermos a nosa música tradicional do Bierzo Oeste de primeira mao. Con nós tocaron
no palco que se instala debaixo dos pradairos entre outros Isidro, Domiciano, Emilio,
Lisardo, os Gaiteiros de Pedrafita... Unha fermosa e festiva data para facer memoria, para gardar na memoria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario