Os xigantes de Vilafranca do Bierzo ca. 1900 |
Lembraremos logo dun xeito sintético os grupos de gaitas locais que acompañaron algunha vez aos nosos xigantes, non sen antes facer unha pequena presentación destas figuras ás que dedicamos un traballo monográfico en forma de libro baixo o título de Palillos de Madeira para poder transmitir así mellor a riqueza que reúne e, que conserva en esencia esta manifestación tradicional, que se reproduce anualmente no mes de setembro nas Festas do Cristo, as festas patronais de Vilafranca.
O Cid e Ximena ou Doña Inés mediados do século XIX / Don Quijote, Doña Dulcinea e o Mouro principios ca. 1910 Sancho Panza ca. 1920 |
En esencia a cuestión está en saber se a gaita acompañaba exclusivamente aos xigantes de Vilafranca nun principio ou se tamén eran acompañados para bailar pola chifra e o tambor. Nós pensamos que a gaita era o instrumento dos xigantes por excelencia e a propia evolución así o confirma. Se aparecen outros instrumentistas tocando cos xigantes como a chifra e o tamboril nesa foto antiga, responde a que eran contratados para a procesión do Cristo nalgunhas ocasiois coas danzas do país, como conta no seu libro Flores del Bierzo lozanas y mustias Francisco del Llano (1896) que describe deste xeito dita procesión:
"Compónenla dos larguísimas filas, bien ordenadas de señores y hombres de pueblo de todas clases, con hachas algunos y con belas los más, rompiendo la marcha entre filas, los gigantes y enanos, algunos años las danzas del país, acompañados unos y otras por un buen número de gaitas y tamboriles; tras ellos, magníficos pendones y estandartes y más atrás la veneranda imagen del Crucificado, objeto de tan entrañable cariño como profundo culto para estos habitantes, yendo ante ella y a los lados muchos ofrecidos de ambos sexos."
Cremos que inicialmente un músico de chifra e tamboril era contratado de xeito habitual como acompañante da cada unha das danzas do país (puideron coincidir varias no mesmo ano) que asistían á procesión. Vai haber ocasiois nas que a danza falte, pero a parola, é dicir, un tocador da chifra e tamboril, será contratado igual como parte da comitiva de músicos para tocar, alternativamente cos gaiteiros, na procesión do Cristo. Os gaiteiros sempre aparecen, un ou varios gaiteiros, que tocaban a gaita co seu tambor e, por veces, co seu bombo, pero a frauta e o tamboril van desaparecendo, pouco a pouco, a comezos do século XX.
Nas primeiras décadas do século XX, polo que puidemos averiguar e deducir polos contratos da Confraría para as festas, a gaita pasa a ser xa o instrumento popular exclusivo nesa cabeceira da procesión e como habitual música para o baile dos xigantes. Ese é o momento no que con toda probabilidade se asenta tamén unha única melodía para que os xigantes bailen. A danza na que Os Pincha, (os seus posibles creadores) sen lugar a dúbidas son os gaiteiros que a popularizaron antes do 36 e, de xeito fundamental, despois do golpe militar e da guerra provocada por Franco.
Antes da guerra conviven cos Pincha varios grupos da vila: "Os Finos", "Os Tanarros" e "Os Molanes" que puideron acompañar aos xigantes coas súas melodías. Varias testemuñas, de todos os xeitos, sinalan ao gaiteiro Antonio Fernández González e ao seu irmao Manuel no tambor, como os verdadeiros responsables da melodía que finalmente se identifica como a Danza dos xigantes e cabezudos de Vilafranca.
Despois do 36, ademais de Pepe Fernández, fillo de Antonio "Pincha" a melodía da danza, xa como tema específico asociado ao baile dos nosos xigantes, foi interpretada tamén por outros gaiteiros. É o caso dos Manueles de Dragonte, pero sobre todo, do gaiteiro de Soutelo, Isidro Álvarez. Estes fóronlle engadindo certas adiciois á melodía ao interpretala ao seu estilo. Á altura dos anos 70 incluso houbo varios anos nos que un grupo de gaiteiros, chamado Brisas do Sil, que non eran da vila nin dos pobos da contorna, aprenderon a peza ao ser contratados pola comisión de festas para acompañar aos xigantes. Retomaría logo Isidro, xa maior, a función de gaiteiro nas festas patronais ata que nos anos 80, creada a Escola de Gaitas de Vilafranca e, fusionando as melodías de Pepe Fernández e de Isidro Álvarez, comeza a nosa andaina como gaiteiros das ananas que chega aos nosos días.
No hay comentarios:
Publicar un comentario