Faro de Vigo 22-4-2005 |
No mes de abril de 2006, xa choveu, a Escola de Gaitas de Vilafranca facía público un comunicado con motivo da celebración en Ponferrada por vez primeira da Liga de gaitas organizada pola Real Banda da Deputación de Ourense. Trece anos despois recuperamos este documento para que cada quen pense se, despois de pasado algún tempo daquel evento, as cousas seguen igual, melloraron ou empeoraron para a música tradicional da gaita na nosa comarca.
Un xornal de Vigo por aquelas datas propoñía aos seus lectores o seguinte exercicio de reflexión: Atopar as oito diferenzas entre o gaiteiro tradicional galego e o da Real Banda. Lamentablemente a día de hoxe podemos invitar a realizar esta experiencia comparativa no mundo da gaita no Bierzo para comprobar como se instalou na nosa comarca esa visión pouco respectuosa coa música tradicional.
Comunicado da Escola de Gaitas de 7 de abril do 2006
AS FALSAS APARIENCIAS
CONTRA O LEGADO TRADICIONAL
Parece ser que uns 3000 “vistosos”
gaiteiros desfilarán polas rúas de Ponferrada. E por aquilo do que
din da gaita, alguén pensará que isto é unha manifestación poderosa de música
tradicional. Preguntámonos dende cando foi tradicional no Bierzo, en Galicia
ou Asturias unha gaita de tres roncos sobre o ombro, un tambor premier metálico
de parches de plástico, un bombo tocado con dúas mazas ou un traxe de home con
faldas ao máis puro estilo escocés. Así é como se presentará con ese aire militar que a caracteriza a
Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense organizadora da Liga galega de
Bandas de Gaitas que se vai realizar na cidade do Bierzo antes citada o próximo día 9.
Os vellos
gaiteiros, os nosos, os do país non se sentirán identificados con eses
aparentes gaiteiros, nunca verán ese desfile como algo representativo da
tradición. Pero aínda hai algo máis grave e oculto que é que este espectáculo
está costeado por cartos públicos que en teoría deberían ir destinados á
recuperación e difusión da música tradicional. Por todo iso, a Escola de Gaitas
de Vilafranca vese obrigada a declarar non grata no Bierzo esta invasión de
gaiteiros tipo escocés. Temos, pois, o
deber moral de denunciar publicamente este engano como portador dunha
deformación, consciente e consentida, da tradición e da nosa identidade, e manifestar o noso desagrado ante esta
moda que dende hai uns anos supón un
intento de aculturización e homoxenización da nosa cultura musical.
Observamos con
tristeza como este modelo está sendo exportado desde Ourense a territorios
cunha longa tradición gaiteiril como son Asturias e o Bierzo, marxinando a
figura tradicional do gaiteiro solista e da súa gaita, esa que non ten tres
roncos sobre o ombro. Muitos dos ninos e
nenas que aprenden a tocar nas bandas recentemente creadas no Bierzo a
imitación da de Ourense, coñecen á perfección e por imposición das regras desa
Liga de Bandas de Gaitas a dixitación da gaita escocesa ou a forma de tocar o
tambor premier e o bombo con dúas mazas. Tamén repiten unha e outra vez os
modos de desfilar con disciplina muito
antes de identificar o que é unha
muliñeira de Ancares ou saber
interpretar coa dixitación, cadencias autóctonas e co sabor propio unha peza
calquera do repertorio dos abundantes gaiteiros do país (referímonos a
Domiciano de Balboa, a Isidro de Soutelo, a Emilio de Vilar de Aceiro, a Pepe
Pincha de Vilafranca ou a Amadeo dos
Albaredos e tantos e tantos outros).
Banda de gaitas con instrumentación allea á nosa tradición |
É unha mágoa que chegase ata nós no século XXI un legado tradicional, noutros tempos marxinado por ser popular e anónimo, e que agora, cuando é posible dignificalo, volvamos a marxinalo para introducir no seu lugar algo alleo e aculturizador, algo espectacular e grandioso, como por autoodio e vergonza do noso, do que nos identifica, como se non fose grandiosa a nosa riqueza folclórica da que nosoutros si nos sentimos orgullosos.
Unha tocata da Escola de gaitas en Teixedo de Ancares e no seguinte vídeo unha alborada en Teixeira. |
No contexto de abandono do rural, ese espazo que conservou ata hoxe outras dinámicas, menos numerosas seguramente, pero máis sensibles coa variedade e a diversidade propia do folclore popular, esta moda exportada e interesada contribúe claramente á dexeneración e o desarraigo importando modelos foráneos, alonxando ás novas xeraciois de gaiteiros non só da instrumentación tradicional, senón das formas de tocar, sons e técnicas propias que son sustituidas ou alteradas por outras nunca usadas. Créanse así asociaciois masificadas onde non se cultiva o gaiteiro solista, e se valoran resultados aparentes tan distantes do festivo gaiteiro do país como a seriedade e rixidez do corpo á hora de interpretar un tipo de pezas alegres que, como as muiñeiras ou as xotas, naceron, como todo o mundo sabe, para ser bailadas.
Nós como
asociación cultural que somos non estamos en contra do movemento asociativo, ese
que pode que exista tras estas bandas de gaitas, nin tampouco estamos pechados
á diversidade cultural, artística e musical, pero si estamos rotudamente en
contra de que se nos queira dar “gato por lebre”, é dicir, facer crer que este
tipo de formaciois defenden a música tradicional e o que máis nos ofende é que
a Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense estea recibindo
cartos públicos que en teoría deberían ser destinados para o apoio da música da
gaita galega e se nos venda, nunca mellor dito, un produto alleo como propio.
Dende o seu nacemento, hai xa case 25 anos, como é ben sabido por todos os
bercianos, a Escola de Gaitas de
Vilafranca, a primeira formación deste tipo nacida no Bierzo, buscou a súa liña de traballo sen ningún tipo
de imposición e fixo acopio dos repertorios dos gaiteiros tradicionais do
Bierzo, marcou así a súa filosofía de compromiso de recuperación da música
tradicional como ten amosado en diferentes actuaciois e eventos como o Congreso
de Folclore Berciano (convocado nos anos 90 polo Instituto Estudios Bercianos) ou
o Encontro de Gaiteiros tradicionais e a da gravación do mesmo no seu X
aniversario, xusto cuando nacía a Real Banda. A Asociación de Gaiteiros Galegos,
asociación á que pertencemos, a máis
representativa do mundo da gaita galega, vén tamén facendo esta mesma denuncia.
Preguntámonos se detrás desta espectacular parafernalia de centos de
gaiteiros non haberá unha rede clientelar que é a que potencia este tipo de
eventos que lonxe de ser un concurso musical, fixa a súa atención nas formas de
desfilar dos grupos e cousas polo estilo. Por todo iso reclamamos ás
instituciois que acollen este evento que poñan máis atención e máis cuidado nos
nosos valores culturais e non se deixen embaucar polas falsas apariencias que lonxe de ser símbolo de vigor cultural son
evidencia do contrario, do confusionismo e da involución da cultura, por non
dicir da falta de cultura.
Real Banda da Deputación de Ourense |
Unha actuación recente da Escola de gaitas nas festas patronais de Vilafranca |
O Bierzo non debe dobregarse a este atropelo identitario ao que nos queren
sumar con este desembarco de centos de gaiteiros tipo escocés. Os bercianos
somos amigos das tradiciois, estamos orgullosos da nosa identidade e deses
símbolos que nos confiren personalidade propia, como son a gaita de sempre é a
música tradicional. A Real Banda nunca
fixo nada serio porque con eses cartos públicos que lle outorga a Deputación de Ourense se coñezan aos nosos vellos
gaiteiros e se estuden con rigor os seus repertorios, pero si parece estar
interesado na distribución en grandes cantidades de gaitas, percusión e vestiario todos
regrados polo mesmo patrón que non son tradicionais. O Bierzo
precisaría un Conservatorio de Música Tradicional, non dunha grande Liga de
Bandas de Gaitas. O Bierzo precisa unha posta en valor do seu patrimonio
musical e dos seus instrumentos tradicionais, pero non así. A Escola de Gaitas
como colectivo comprometido coa tradición e conscientes do legado dos gaiteiros
maiores, consecuentes coa nosa humilde experiencia transmisora do patrimonio
musical tradicional, fai pois un
chamamento aos bercianos para que se deixen aconsellar por aquel refrán popular
que di que “as apariencias enganan”.
Héctor M.
Silveiro Fernández, como presidente da ESCOLA DE GAITAS de VILAFRANCA DO
BIERZO
Este comunicado aínda se pode consultar na rede en miradas3, na páxina da Asociación de Gaiteiros Galegos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario