Traballouse arreo en Galicia para poder lograr o recoñecemento para o baile galego como Patrimonio Inmaterial da Humanidade. A iniciativa partiu de unha serie de grupos de baile tradicional. E aínda que non se acadou, o labor abriu unha nova etapa na propia sociedade galega que vai incrementando ano a ano a popularización do baile tradicional entre as novas xeraciois.
Reivindicamos dende o Bierzo a nosa incorporación a esta iniciativa posto que entendemos que a nosa música tradicional forma parte da área de cultura e lingua galegas a pesar de pertencer a outra comunidade autónoma. Os bailes populares por excelencia no Bierzo teñen muito de galegos: Muliñeiras ou Jotas que mesmo son interpretadas con variantes mui semellantes tanto nunha das vertentes da Serra como da outra.
Existen poucos vídeos na rede que conteñan baile tradcional.Imos ver un pequeno exemplo do que baila un grupo berciano como é a Agrupación Alegría berciana:
Reparamos como os ecos dun traballo inxente e singular segue dando fruitos hoxe e vai converténdose en referente para as novas xeraciois de músicos amigos da tradición no Bierzo. Foi premiado durante o 2017 un recoñecemento tardío, pero necesario. Falamos e iremos dando a nosa opinión nesta crónica deses ecos recentes que o labor dunha musicóloga que percorreu Galicia e o Bierzo están producindo.
Quen é Dorothé Schubarth? Naceu en Basilea, Suiza, é unha musicóloga e compositora de renome que decide vir a Galicia en 1978 para coñecer a música popular galega. Atrapada pola riqueza e antigüidade da nosa música tradicional decide iniciar un traballo monumental que titula Cancioneiro Popular de Galicia polo que logo dun arduo labor rematará sendo recoñocida como a autora dunha obra considerada a biblia da música tradicional galega. Podes consultar os seus audios no Arquivo sonoro de Galicia, unha listaxe aparece na páxina do Consello da Cultura Galega.
- Premio honorífico da Música Galega Martín Códax 2017
Por que visitou o Bierzo se estaba realizando un traballo sobre o Cancioneiro popular de Galicia? Non creo que sexa necesario dicir que Dorothé decide entrevistar no Bierzo a máis de 30 homes e mulleres dos concellos onde se fala galego, porque doutro xeito o seu traballo que pretendía abarcar a música tradicional galega quedaría incompleto. Logo é obvio que para esta eminente musicóloga O Bierzo, polo menos unha parte, debe formar parte ineludiblemente da Gallaecia cultural, Dorothé tivo esa sensibilidade.
Recentemente puidemos escuitar na radio un par de intervemciois de Diego Bello facendo eco do seu traballo polo Bierzo. A primeira baixo o título La mujer en la música tradicionalno 2017 e unha segunda centrada nos Ancares xa no 2018.
Acaban de publicarse un gran traballo sobre este gaiteiro único da terra de Cervantes e Navia de Suarna que como ben se di, foi, é e seguirá sendo referente para a historia da gaita pola súa capacidade creativa e de improvisación, ademais de bon coñecedor e transmisor do folclore da gaita na zona fronteiriza onde dous estilos un máis galego, outro máis requintado ou se se quere máis asturiano convivían como o mesmo Poso demostrou, gardando as súas peculiaridades e sendo capaz á vez de crear un estilo propio íntimamente asociado ao baile tradicional.
Serxio Cobos, Carlos Rey e Iván Costa abordaron este libro que foi en gran medida produto dun traballo de recolleita de finais dos 80 e dos 90, que tivo que esperar muito tempo para verse editado. Unha débeda con Manuel que eles recoñecen con esta publicación en gran parte saldada. Foi tam´ne polos anos 90, en concreto no mes de maio do 1991 cando tiven o pracer de coñecelo de sentilo tocar e de parolar un treito con el na súa casa de Navia por saber da súa relación coa música da gaita do Bierzo ao que se tiña desprazado a tocar en máis dunha ocasión. Dicía que en Candín, Balouta e Suárbol especialmente: "son coma nós, pero xa máis alá tocan co tambor e a frauta..." Pero onde máis sona tiña ademais de na propia Navia, era en Ibias.
Serxio e Carlos na presentación en Navia de Suarna.
A iniciativa de publicar partiu de Serxio, que entrevistara en diversas ocasiois ao Poso, mais procurou un apoio en Carlos Rey para realizar unha biografía e unha contextualización sabendo que o gaiteiro e etnógrafo arousán tamén tiña realizado diversas visitas á zona. Ambos acordaron contar para a transcrición das partituras con Iván Costa que tamén tivera contacto con Manuel e conformaron un estudo en formato de libro-cd moi completo sobre o noso gaiteiro que ademais das partituras inclúe 29 cortes ou gravaciois, unha selección de pezas dun amplo grupo de cintas que conservan os autores deste gaiteiro maxistral. Serxio, un dos máis prestixiosos bailaríns de Galicia, introduce tamén toda unha novidade neste libro que lle dá un carácter singular á edición, pois reproduce cos bailegramas da súa autoría un par de bailes da zona (un adianto do que esperemos sexa un estudo da escrita da estrutura para o baile tradicional galego cuxa publicación prepara nestes momentos).
Presentación en Vilagarcía.
O libro que está editado pola Central folque é tremendamente interesante para coñecer o mundo da gaita nas fronteiras. A presentación do traballo en Navia de Suarna e logo en Vilagarcía de Arousa no mes de novembro do 2017 foron todo un éxito. Non estaría mal ir pensando nunha presentación da mesma na nosa comarca, tan próxima ao mundo da gaita que o Poso representa.
Deixamos eiquí alguis vídeos de Manuel tocando, o primeiro do ano 1991 debémosllos a Luis Prego O Poso toca unha muliñeira e logo un valse en Vilaquinte:
O Poso tocando no San Froilán en Lugo unha muiñeira, e logo jota e rumba:
Podemos coñecer grazas ao programa Alalá da TVG algo máis sobre varios gaiteiros das "fronteiras" como Pumarín de Cervantes, Clemente de Murias de Rao, tamén coñecido como o Ferreira ou Eduardo González de Castelo de Frades, aínda que residente en Camponaraia ou José de Gregorio da Lagúa. Logo nun segundo paso sosegado poderemos reflexionar sobre os seus puntos en común e as súas diferenzas.
A naturalidade coa que conviven neles trazos e peculiaridades que se poderían situar en distintos campos culturais é algo que os une.
Debemos a seguir aplicarnos no estudo das distintas perspectivas que con carácter xenérico en traballos sobre a gaita se veñen realizando acerca dos gaiteiros destas zonas. Un moi destacado será, sen dúbida, o de Pablo Carpintero, un traballo rigoroso capaz de entrar ao detalle e responder á realidade do que son as singularidades da gaita nas zonas máis orientais de Galicia, no Bierzo e no Eo-Navia, nas Portelas, etc...
Que redonda e contundente é a expresión popular “os gaiteiros do país” á hora de darlle nome a algo tan simple e tan complexo á vez como a contorna cultural. Sempre me chamou a atención esta fórmula tradicional de entender a gaita e os gaiteiros como algo propio. Se o Bierzo ademais pasa por ser unha entidade difícil de definir, a comarca, que na frase sabia e popular convértese en "pais", non deixa de manter a ambigüidade fronteiriza necesaria porque son considerados do país, por veces, gaiteiros do Cebreiro ou do Courel, de Valdeorras ou da Cabreira, posto que conviven e conforman ese mundo cultural que rodea a gaita e falan no mesmo idioma musical co que nos identificamos e como tal son tan do país como os que máis.
Sentimos a gaita
desde moi pequenos como parte dese
descubrimento lento, profundo e
insustituible que nos leva a coñecer o
noso primeiro mundo, ese paraíso da infancia, hoxe perdido. A gaita, como sen querelo, emerxe naquel proceso de formación, de interiorización da nosa cultura, dándolle sentido a ese “país” . Se os
sons da gaita, o agudo do punteiro e o grave do seu roncón sorprendéronnos á forza sendo ninos, o contexto no que aparecía en días sinalados nese discorrer
pausado dos tempos da infancia, foi, sen dúbida, tan impactante e transcendente
que aínda agora, transcorridos máis de 50 anos, son quen de facer percorrer por
todo o noso corpo un conxunto de reacciois físicas e mentais difíciles de
referir. Un arrepío intenso, pelos en punta e un reclamo das bágoas nos ollos
que flúen sen querer e de alegría, son habituais nun xogo de emociois colectivas
vividas en familia, cos amigos e cos veciños, acompañadas de foguetes, campás e,
no noso caso, facendo bailar aos xigantes e cabezudos, que de terlles verdadeiro terror infantil ,
hoxe pasaron a ser identificados como a alma da festa, parte indisoluble da
nosa personalidade e esa música da gaita que os acompaña nada máis, nin nada
menos, que o seu himno.
Reparando nese
proceso de asimilación da cultura propia e partindo da experiencia persoal e
local, entendemos primeiramente que, en esencia, é ese proceso igual ao que
puideron sentir hai cen, douscentos ou trescentos anos calquera berciano ou
berciana; aínda máis, que debe ser moi semellante ao progreso que desde a máis remota antigüidade cada
membro dunha comunidade tribal experimentaba á hora de ir conformando a súa personalidade ou identidade patrimonial.
Está claro que un instrumento só non exerce sobre as
persoas tanto poder, pero se ao conxunto das reacciois físicas, aos sons de instrumentos
determinados en momentos precisos engadímoslles, xunto a eles, emotivas manifestaciois colectivas de unidade dunha pequena sociedade
de homes e mulleres, ninos e vellos, nais e avoas, e se, sobre todo, estes rituais son reiterados no tempo ao ritmo do calendario
das estaciois, veremos que, de vello, estes
actos tan sinxelos conforman paseniño as
poderosas tramas da singularidade dun pobo ou dunha comunidade.
Estamos convencidos de que a gaita é un deses elementos esenciais que conforman a cultura tradicional do Bierzo.Obvio é que o Bierzo é singular, existe unha certa e prolongada controversia
sobre a súa identidade, pero se as tradiciois consolidan a personalidade dos
pobos, a presenza e pervivencia ao longo dos tempos da música da gaita no país
é un dos seus trazos definitorios indiscutible, na mesma esencia dese
patrimonio cultural que pretendemos abordar.
Se cadra hai outros máis contundentes, como é o caso
da lingua. Xa temos dito algo sobre a lingua dunha gran parte destes gaiteiros, lingua coa que chamaban aos bailes que interpretaban,
coa que poñían letra ás súas melodías. A lingua fala do pensamento, expresión interior do saber debe ser tamén
considerada por ser unha das tradiciois máis antigas desta terra. Por iso usamos o idioma no que nos falaron tantos e tantos gaiteiros do país e será compañeiro nesta andanza, tamén
por ser esoutro trazo esencial da nosa identidade cultural. Á lingua debemos, en definitiva, a maxistral expresión "gaiteiros do país".
Acabamos
de saber do premio a un traballo de investigación titulado “Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera “ de Diego Bello, e quixeramos darlle unha
benvida (antes incluso de ter ocasión de ler o texto, cousa que estamos desexando facer), alegría e parabéns acompañados dunha reflexión inmediata. O título "aproximación" fíxonos pensar na idea coa que tamén iniciabamos o noso xa vello traballo sobre o Achegamento a un século de gaiteiros nos
lindes culturais galegos e que,
xunto a algunha publicación relevante
máis, invita a culminar estes apuntamentos de breves aportes cunha obra máis
completa que reúna este conxunto de pezas entroutros.
Entrega do II Premio Antonio Estévez ao gaiteiro berciano Diego Bello.
Aquela gaita que desde que eramos ninos nos levou á cultura ancestral do pobo, foi logo bandeira na adolescencia da nosa luita pola
recuperación e o respecto pola tradición nos anos 80, puxemos así en marcha en
Vilafranca a primeira Escola de Gaitas
do Bierzo, sempre da mao dos gaiteiros tradicionais, maiores xa, Isidro,
Pepe, Leo, Lisardo, Emilio, Domiciano... A idea de situar no seu lugar á gaita, un
lugar determinante na cultura tradicional no Bierzo.
Outramente cos
gaiteiros vellos, ademais de tocar, tamén falamos para facer memoria e afondar
nas raíces da tradición. Xurdiu así un pequeno traballo sobre un século de
gaiteiros no Bierzo nos anos 90 que servía de asentamento teórico da nosa
convicción sobre a transcendencia da gaita para a definición do Bierzo
tradicional. Este traballo, á forza, incompleto, non podía ser máis que un
achegamento á espera dun labor de campo, dunha experiencia maior, dunha
ampliación de coñecementos musicais...
Pasou o tempo e
morreron muitos deses vellos gaiteiros, apareceu algunha publicación máis xa no
século XXI que foi aportando máis datos e información (por exemplo, Rafael Busto La Gaita en el Oeste de la Provincia de León(2008).)
Hoxe cremos que foron superados aqueles condicionantes que nos impedían
avanzar á hora de darlle corpo ao traballo, e aínda que outros novos nos asaltan, pensamos que é momento de abordar un
traballo teórico consistente co conxunto de elementos que fomos reunindo aos
que temos que sumar recentes aportaciois de novos investigadores, como é o caso
de Diego Bello, que tamén son un aliciente grande para dar este paso e superar
na medida do posible para o mundo da
gaita no Bierzo aquel nivel de aproximación no que aínda estamos.
Estaban en primeiro lugar as pandeiras e se cadra antes os pandeiros. Imos na procura do mundo musical tradicional que rodea e complementa ineludiblemente ao da gaita e gaiteiros.