martes, 30 de julio de 2013

Gaiteiros das comarcas leonesas



Baixo o título "Farrapos, furacos y foles" vén de editarse un traballo que procura recoller a diversidade actual do mundo da gaita nas comarcas da provincia de León. Trátase dun traballo que reúne unha ampla representación de temas e de gaiteiros do Bierzo, a Cabreira, Llaciana pero tamén unha máis tímida presenza de temas e gaiteiros doutras comarcas centrais e orientais da provincia como Babia ou da chamada Montaña leonesa. Faremos logo unha breve reseña crítica deste CD.

En primeiro lugar, temos que valorar como moi positiva a iniciativa que, coordinada polos gaiteiros Rodrigo Martínez e Victor Astorgano, reúne a 18 intérpretes de distintos puntos tentando dar idea do conxunto de agrupaciois e avances que se veñen realizando sobre a gaita de fol desde hai uns 25 anos e que supuxeron un incremento considerable de novos gaiteiros/as na provincia.

O CD, seguramente sen querelo, reflicte a evidencia ao reafirmar algo que xa temos constatado á hora de falar da extensión da gaita, de fol e/ou tradicional no que é hoxe o territorio leonés: a maior presenza do instrumento nas comarcas occidentais, menor a medida que avanzamos cara oriente (dos temas tradicionais que se gravaron, a maioría, 18 pezas, pertencen ao Bierzo e 9 á Cabreira, sumando unhas 27, que supoñen algo máis do 50 por cento do CD). 

Un dos logros deste traballo, para quen non coñeza as vicisitudes do mundo da gaita na provincia, é que reproduce, en gran medida, a variedade do fenómeno musical asociado a este instrumento, aínda que se cadra o desequilibrio entre a parte oriental e occidental é, na realidade, aínda máis pronunciado.  Amósase, iso si, o esforzo por recuperar e ampliar o repertorio da gaita nos lugares e comarcas onde habitualmente se silenciaba a súa presenza.

Con moi bo criterio, segundo a nosa opinión, esta iniciativa musical respecta a formación máis tradicional dos gaiteiros solistas, ese bon facer dos gaiteiros populares, desterrando acertadamente a distorsión que supón o fenómeno recente das bandas de gaitas que loxicamente son obviadas. Se temos en conta que a maior parte dos temas gravados son catalogados como tradicionais (aínda que poderiamos falar dunha certa incoherencia ao introducir 7 temas de autor nun total de 52) normalmente aparecen amalgamados, pois o conxunto de 18 intérpretes tocan dúas ou tres pezas (hai quen seleccionou ata cinco) o que produce unha sensación auditiva máis variada e rica, difundindo temas descoñecidos ou redescubrindo outros que permanecían un tanto ocultos ou dispersos en gravaciois dos anos 90, ás veces difíciles de conseguir.

Sobre a filosofía do traballo tamén quixeramos anotar certas eivas que presentan o conxunto de pezas do CD, como é o “totum revolutum” pouco didáctico de pezas colocadas aparentemente sen criterio, o que pode levar á confusión dos neófitos e a pensar que un territorio administrativo con 150 anos de vida (como a división provincial actual)  é igual ao das distintas culturas tradicionais que nel conviven. Alberto Jambrina na reseña que se inclúe na carátula de Farrapos, furacos  y foles  dalgún xeito cremos que “desculpa” que se reúnan “gaitas gallegas y asturianas en do y en si b”  a carón de “gaitas que podemos fijar dentro de un contexto pastoril de afinaciones neutras”. Estamos a reproducir certos prexuízos na análise da situación da gaita nos últimos cen anos, evitando catalogar as cousas polo seu nome. De aí que o mesmo Jambrina fale de “varias prácticas gaiteras” sen rachar de cheo coas vellas teimas das influencias e “vinculaciones con las zonas limítrofes” á hora de abordar a existencia de distintas gaitas nas que se deu simplemente unha evolución digamos "natural" como a que temos que admitir para a gaita no Bierzo ao longo do século XX, sendo tan propias as denominadas gaitas de fol, como as galegas.   Ollo!,  a evolución da gaita no Bierzo foi en paralelo á de gran parte de Galicia, logo, é tan propia como a denominada “gaita de fole” que en realidade se corresponde a un estadio anterior. Isto si que o recoñece abertamente Jambrina “afinaciones naturales de muchos instrumentos populares de viento de todo el mundo incluidas numerosas gaitas antiguas de Galicia, Asturias y Portugal”. A saber, nuns lugares deuse esa evolución (insistimos desde comezos do XX) do modelo tradicional de gaitas que se preparan para os dúos, como é o caso do Bierzo, noutros estase a dar un proceso de transición, posiblemente na Cabreira, e noutros unha situación de “recesión/estancamento” do uso do instrumento de características normalmente máis primitivas. Evidentemente non podemos considerar tradicional o que fan os gaiteiros desde hai tan só 20 anos.


Botamos de menos, nun traballo de difusión coma este, un complemento (mesmo en formato PDF, como o que se facilita aos interesados reproducindo as partituras das pezas do CD e é un material de agradecer) un pequeno estudo que faga algún tipo de comentario e análise sobre o repertorio gravado.  O comentario de Jambrina na reseña resulta escaso e insuficiente, volvendo a usar circunloquios como "la moliñeira de Sésamo hemos de contextualizarla en el Bierzo y en la ligazón de esta zona con Galicia", en lugar de falar claramente de repertorio de corte galego,  pensando na aprendizaxe e fixación de criterios claros para os gaiteiros actuais e futuros. O estudoso da Escuela de Folklore de Zamora naturalmente faise eco de semellanzas que se dan especialmente entre o repertorio cabreirés e o de Zamora, ou os obvios entre a tonada asturiana e a montañesa, mesmo se preocupa pola relación da chifra e da súa influencia no repertorio da gaita.  Gustaríanos que houbese algún comentario máis profundo partindo da particulariedade que se dá neste territorio da confluencia do mundo da gaita co da chifla, semellante aos certeiros que fai o galego Pablo Carpintero no seu libro Instrumentos musicais na tradición galega(2009) ou  na dirección que apuntan outros traballos citados no noso libro  Palillos de Madeira (2010) sobre os xigantes e cabezudos de Vilafranca, no capítulo referido á danza e aos gaiteiros.



Para coñecer outras referencias sobre este traballo na prensa: no Diario de León 2012  e no 2013. O traballo está editado polo selo Música Contsume

domingo, 24 de febrero de 2013

No día 24 desde o Bierzo alborada para Rosalía

Hoxe día 24 de febreiro de 2013 a Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo interpretou unha alborada para Rosalía de Castro á par que outros moitos gaiteiros/as de Galicia e para celebrar o 176 aniversario do seu nacemento en Compostela, na honra da autora do libro dos Cantares gallegos que se publicou hai 150 anos. A niciativa parte da Asociación de Gaiteiros Galegos, da Fundación Rosalía de Castro , da Real Academia Galega e da Universidade de Vigo.




Este día ás 12 h. soaron á par desde o Bierzo ata o mar en máis de 50 lugares unha alborada. Podedes comprobar como soaron no enlace da Fundación Rosalía de Castro entre as que figura a nosa.


sábado, 16 de febrero de 2013

UNHA ALBORADA PARA ROSALÍA


A Asociación de Gaiteiros Galegos vén de anunciar unha iniciativa que parte da Fundación Rosalía de Castro e que soliciata dos gaiteiros e gaiteiras facer unha honra na mañá do próximo día 24 de febreiro, día en que naceu a poetisa en Compostela.  Faise este chamamento ao coincidir este ano co 150 aniversario da publicación do seu libro "Cantares Gallegos" que precisamente remata cunha Alborada na que a propia autora (en nota aclaratoria indica que foi de grande dificultade escribila por desexar que a composición poética seguise á musica dunha alborada que ela escoitara).

Como aclaran os organizadores da proposta,  os coñecidos estudosos Perfecto Feijoo e Castro Sampedro fixeron daquela as indagacións pertinentes para localizar dita alborada no repertorio dos gaiteiros que puído escoitar Rosalía. A pesar que non hai unanimidade, como consecuencia deste estudo, circula desde entón unha Alborada co nome de Rosalía que tocaron entre outros os gaiteiros de Soutelo de Montes ou Ricardo Portela.

Existe unha versión recente na que se intenta fundir música e texto recitado e cantado que merece a pena escoitar. Trátase do cuarteto de Jazz de Abe Rábade e Guadi  Galego, ademais do magnífico recitador Anxo Angueira, presidente actual da Fundación Rosalía de Castro e un dos promotores da alborada para Rosalía:



No Bierzo temos a sorte de contar cun cantautor, Amancio Prada, que tamén lle puxo música e voz ás composicións de Rosalía, entre elas este poema  titulado "Un repoludo gaiteiro"do libro antes citado:




Non estaría mal que os gaiteiros do Bierzo interpretasen o próximo día 24 unha Alborada na honra de Rosalía... como o vai facer a Escola de Gaitas de Vilafranca, a vila natal de Sarmiento, un precedente da recuperación do galego na escrita. Tamén o Bierzo, mesmo antes que Rosalía, adiantouse en dous anos cunha obra de máis de 9000 versos no galego da zona. O seu autor Antonio Fernández Morales e o libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano" coinciden en estilo, intención e temáticas cos Cantares Gallegos de Rosalía,  polo que podemos dicir que ambos son dous libros fundamentais do movemento literario denominado Rexurdimento.



lunes, 14 de enero de 2013

A morte leva consigo a outro gran gaiteiro

Morreu hai xa uns días Xosé Marentes, un dos gaiteiros da zona de Fonsagrada. Por ser unha das zonas que percorrimos e da que gardamos gratas lembranzas, resúltanos próxima e queremos dende o Bierzo enviarlle unha aperta aos amigos da gaita desas terras.
Vendo un vídeo que colgou en youtube, xunto outras entradas pertencentes a outros gaiteiros desta comarca tan gaiteira, entendemos axiña o importante que é a recolleita destas testemuñas da gaita e dos gaiteiros do século XX, un século como xa temos dito, transcendental para poder documentar a historia do instrumento  e o patrimonio cultural que xira ao redor do mesmo. En youtube hai varios vídeos dos gaiteiros desta comarca colgados por Edelmiro, un entusiasta gaiteiro, imaxes que segundo comenta Luis Prego, outro namorado do folclore galego, é posible que foran gravadas nos anos 90 no Museo Comarcal da Fonsagrada  por un colectivo que tamén estivo gravando nas terras do Bierzo, o colectivo Berce, ligado ao traballo da Asociación de Gaiteiros Galegos.
Vaia pois como recordo do bon facer de Xosé Marentes e na súa memoria este vídeo:


sábado, 5 de enero de 2013

Encontro de Gaiteiros Tradicionais (II)


  Estas son a portada e contraportada da carátula editada por Tecnosaga no vrao de 1992 da gravación que se realizou o 28 de decembro do 1991 no Teatro de Vilafranca do Bierzo para celebrar o X aniversario da Escola de Gaitas desta vila. A continuación seguimos reproducindo os textos do interior da mesma.


AS PEZAS E  OS  SEUS INTÉRPRETES (podes ir escuitando as pezas nos respectivos enlaces)


CARA A:  OS GAITEIROS DO PAÍS

Jota de Farelo:  José Farelo, natural de Hornixa (Corullón) acompañado ó tamboril por Ángel Barba Quiroga e ó bombo por Lisardo Bóveda, rememora unha vella jota que de mozo escoitou no seu pobo de fonda afición á gaita.

Moliñeira de Vilar: Tócaa Emilio Díaz Gutiérrez pertencente a unha saga de gaiteiros: "Os Gutiérrez" de Vilar de Aceiro (Vilafranca). Do seu tío, gaiteiro do cuarteto, aprendeu un repertorio que hoxe conserva coma un legado familiar. Acompañan a Emilio, Nemesio García á caixa e o bombo José A. Viejo González.

Rumba: Emilio coa mesma formación interpretou tamén unha rumba, ritmo fruito da moda á que os gaiteiros víanse obrigados a adaptarse pola esixencia e para agrado do público.

Muliñeira do Pombo: Francisco Terrado Farelo (Oencia) recolleu dos cuartetos que tocaban sendo el mozo, entre eles o de Pedro "o Pombo", pezas propias coma a presente muliñeira que soou nunha gaita que tein de máis de 70 anos, tocando á ciaxa Mauel Rodríguez Oulego e ó bombo Francisco Rodríguez fernández, vecíns do gaiteiro.

Jota cantada: Os gaiteiros ao ter que facer a festa enteira tiñan no repertorio pezas cantadas para darlle máis variedade. esta jota cantada foi seleccionada do repertorio do gaiteiro Leonardo Gallego e de Agustín García, que puxo a voz, ambos os dous sendo naturais do concello de Trabadelo, residen en Vilafranca. Pepo Nieto, percusionista da Escola tocou o tamboril.

Montañesa/ A Carolina: Os mesmo inteépretes engarzan dúas pezas moi do gusto dos gaiteiros tradicionais cousa que no transcurso da festa facían de seguido. A montañesa é representativa das pezas cantadas en pequenos corros cun sabor autóctono que os informantes chaman "do pueblo"ou "propias". outramente " as asturianadas" parecen responder a unha influencia recente no Bierzo espalladas desde zonas mineiras. A Carolina, pola contra, é moi popular, trátase dunha canción ampliamente estendida non só nesta zona.

Furiqueille a muller a Bartolo: Clemente de Ferreira (Ibias) gaiteiro que dixita pechado e digno representante do xeito de todar, do repertorio e da afinación da gaita de concellos como o seu, Navia de Suarna e a a parte máis occidental do val ancarés que manteñen peculiaridades especificas moi chamativas, tanto como o mesmo nome da muiñeira que interpreta acompañado de Cándido Meixide.

Jota dos 28 puntos: Clemente interpretounos tamén unha jota moi estendida e coñecida, incluso por gaiteiros asturianos. Agradecémoslle moi de veras a súa participación no Encontro, así como aos seus amigos de Ibias que a fixeron posible.*

Pasodobre Arxentino: Lisardo Bóveda é un gaiteiro nada na provincia de Ourense, pero de tempo atrás reside no Bierzo. A súa colaboración desinteresada contribuíu grandemente á realización do Encontro. Lisardo e Gonzalo, o seu fillo, ás gaitas, Ángel Barba Quiroga ó tamboril e José Farelo ó bombo interpretan un pasodobre, ritmo recente coma a formoación utilizada, o dúo de gaitas, que chega a estas terras pola influencia que tiveron dúos de gaitas como os de Soutelo de Montes (Pontevedra).


CARA B: ESCOLA DE GAITAS E INVITADOS

Volteo de campanas (13 setembo 1981):  Unha das derradeiras ocasiois nas que as campás de San Nicolás o Real voltearon no día da festa patronal ten cabida eiquí pois forma un todo coa danza dos Xigantes. Sirva esta gravación de reivindicación do patrimonio folclórico reclamando de quen dependa a recuperación deste volteo.

Danza de Xigantes e cabezudos: Esta peza tocouna José Fernández, gaiteiro de Vilafranca, quen co seu pai, autor deste pasodobre posiblemente, formaba parte dun dos tres cuartetos que a principios de século había na vila. Introducimos unha segunda parte con outras versiois entre elas a do gaiteiro que saía cos xigantes ultimamente, Isidro Álvarez.

Procesiois:Dáus pezas procesionais recollidas do gaiteiro de Soutelo (Trabadelo), Isidro Álvarez. A primeira de carácter máis tradicional era interpretada na procesión de Corpus de Soutelo. A segunda parte do repertorio da banda de Vilafranca para as procesiois de Semana Santa, que Isidro tocou no ano 80 na procesión de Venres Santo.

Pasodobre de Pepe: Recollido do repertorio de José Fernández trátase dunha peza de principios de século, ritmo que causou furor daquela, sendo incorporado e adaptado polos músico locais. Nós tocámolo coa formación de quinteto (moi frecuente destas datas na zona) que contaba con dúa sgaitas, clerinete requinto, tambor e bombo.

Muliñeiras de Isidro: A muiñeira, muliñeira ou moliñeira (das tres formas é chamada) é o con muito o ritmo máis representativos presentes na zona. Estas dúas xuntas recollímolas do repertorio de Isidro Álvarez.

Jota de Lugo: No apartado de invitados contamos coa presenza duns amigos que son da casa.  Con eles convivimos muitas veces na Romaría de Fombasallá, lugar deencontro dos gaiteiros do páis. Eles son "Os Tafaredas" gaiteiros de Pedrafita do Cebreiro.

Jota de Melide: Esta peza recollida dos Garceiras de melide, interpretouna Cándido Meixide, qu etocou a gaita de barquín (copia dunha curiosa rareza do sul de pontevedra) e Loli Bravo á pandeireta. Os dous son membros de Pallamallada (Vilagarcía de Arousa) un dos grupos tradicionais de maior prestixio no folclore galego.

Abrente en Cordobelas: Alborada composta por Roxelio de Leonardo Bouza que foi interpretada por Xaquín Xesteira, nado en Cambados (Pontevedra) que con vinte anos de idade ten unha longa traxectoria no mundo da gaita. Pertence aos Gaiteiros Treixadura, sendo anteriormente alumno de nando casal na Banda de Gaitas de Vilanova de Arousa. El puxo unha rúbrica do bon facer dun gaiteiro neste Encontro de gaiteiros Tradicionais. O tamboril tocouno Pepo Nieto da  Escola de Gaitas.

Vilafranca, xullo de 1992

* Esta peza que Clemente tocou non foi incluída finalmente na gravación debido a un erro da casa discográfica, aínda que si aparece nos textos. No seu lugar no cassette pódese escoitar a Moiñeira de Batribán.

viernes, 4 de enero de 2013

Encontro de gaiteiros tradicionais (I)



Reproducimos a seguir o texto impreso na carátula da gravación deste Encontro de Gaiteiros Tradicionais (editada no vrao do 1992 por TecnoSaga) baixo dous epígrafes: o primeiro centrado na organizadora do evento, e o segundo na filosofía e estrutura do Encontro. 

ESCOLA DE GAITAS DE VILLAFRANCA
A Escola de Gaitas naceu no inverno do 1981 como aula de música do Instituto de Cultura Popular “Gilberto Núñez Ursinos”. Desde o seu nacemento tein participado en numerosas festas e romarías como grupo de gaitas. Mais a Escola tamén desde os seus comezos levou a cabo un activo labor cultural chegando a legalizarse como asociación no ano 1986. No noso traballo de recuperación de costumes temos que salientar distintas manifestaciois do ciclo tradicional (fogueiras, magostos, xogos...), pero especialmente destacable é a organización da Festa do Maio, unha reliquia do folclore de campo cultural galego da nosa vila natal, unha tradición moi peculiar e chamativa que estando a piques de desaparecer e, tras un estudo rigoroso, voltou a enraizar de novo.
Outramente a Homenaxe ós Gaiteiros de Villafranca (4-xaneiro do 1988) principiou un traballo consciente de recolleita dos gaiteiros da zona que fixo posible o Encontro de Gaiteiros Tradicionais. A Escola de Gaitas abordamos este Encontro asumindo o papel de esclarecedores do panorama do folclore na nosa terra e saldar unha débeda máis co noso legado cultural coa edición deste documento sonoro que hoxe teis nas túas maos, un documento testemuña da realidade dos denominados tradicionalmente gaiteiros do país.

ENCONTRO DE GAITEIROS TRADICIONAIS (28-XII-1991)
No décimo aniversario do nacemento en Vilafranca da primeira Escola de Gaitas para a historia da gaita no Bierzo, abrindo unha etapa nova de melloras instrumentais e interpretativas abordamos este Encontro na procura dun repertorio da gaita do país que garanta a súa pervivencia e que remate co descoñecemento que por varias razois veu tendo esta importante e significativa faceta do noso folclore.
Se de cultura tradicional falamos, a pouco que nos movamos polos vales montañosos do occidente berciano, onde tein maior presenza a gaita de fol, comprenderemos que, lonxe de separar, as montañas unen. Caeremos na conta de que as manifestaciois culturais, en xeral, e mais a da gaita, en particular, dos Ancares, Cebreiro, Courel, tamén en Valdeorras e outros concellos vecíns coma o de Ibias en Asturies e as do Bierzo, en especial o galego-falante, deben ser asumidas como propias, deslindándose deste xeito a nosa identidade cultural da división administrativa recente que distorsiona tal harmonía tradicional.

Nestes lugares realizan un traballo de recollida e inventario de gaiteiros dun século a esta parte Héctor M. Silveiro e Gonzalo Bóveda coa axuda complementaria para o material gráfico e transcrición musical de Maite García e Marisa Cela, respectivamente, todos eles membros da Escola de Gaitas. Este labor serviunos de base para a realización do Encontro no que tamén foi de agradecer a atenta disposición da unidade móbil de Tecnosaga e a calor do público presente no Teatro Vilafranquino que caldeu un día tan frío, o do 28 de decembro do 1991, día no que se efectuou esta gravación.

A estrutura do encontro, que mantemos na gravación, tivo dúas partes. Unha primeira dedicada aos gaiteiros tradicionais representativos de distintos concellos que, como xa dixemos, quere ser un DOCUMENTO SONORO que, sen pretender ser completo ou exhaustivo, permita a quen o escoite achegarse ao presente e representarse o pasado da gaita destes lugares. A todos estes gaiteiros ( José Farelo de Hornixa, Emilio Díaz de Vilar de Aceiro, Francisco Terrado de Oencia, a Leonardo Gallego de Vilafranca e ao seu acompañante Agustín García, a Clemente de Ferreiras en Ibias e a Lisardo Bóveda ) xunto aos seus acompañantes vaian estas palabras de agradecemento sincero pola súa valiosa colaboración.
A segunda parte seguindo a concepción do Encontro contén unha serie de pezas interpretadas pola Escola de Gaitas de dous gaiteiros estreitamente vencellados a nosoutros: Pepe Fernández, que finara pouco tempo antes, e Isidro Álvarez, que daquela non se atopaba ben de saúde e non puido estar con nós. Ademais incluímos unha mostra da participación de amigos ligados dalgún xeito a propia existencia e traxectoria da Escola de Gaitas (Os Tarafedas gaiteiros de Pedrafita, Cándido Meixide e Loli Bravo de Pallamallada e Xaquín Xesteira de gaiteiros Treixadura). Tamén a eles lles agradecemos a súa importante colaboración.

domingo, 30 de diciembre de 2012

A lingua da gaita e dos gaiteiros do Bierzo (e II)


Rematabamos a entrada anterior facendo referencia  ao evidente encontro de culturas que se dá no Bierzo, pero non para negar a realidade, é dicir, a diversidade existente que se concreta nunha cultura tradicional galega e outra astur-leonesa que se atopan na comarca. Ollo, pero esta relación vai máis alá da “influencia dunha cultura veciña no territorio propio da outra ” como se ten dito intentando minimizar os trazos inequívocos que definen a galeguidade cultural dunha parte do Bierzo.  Tampouco responde á realidade afirmar que o Bierzo goza dunha cultura propia e diferenciada por riba das influencias das culturas veciñas. Son a diversidade e a convivencia de ambas culturas na comarca as que, sen lugar a dúbidas, nos dan carácter e forxaron desde tempos remotos a nosa forma de ser;  diversidade que debemos poñer en valor e manter na mesma medida que queremos preservar a nosa identidade nun mundo cada vez máis globalizado e desarraigado.  
Non fomos nós os primeiros que á hora de falar da gaita usamos a lingua para defender a nosa visión sobre os pormenores da extensión da gaita na comarca no pasado.  Se utilizamos ese argumento foi na procura dunha resposta ante unha análise imprecisa e interesada que deformaba a realidade do noso folclore para negar o seu galeguismo ou se se quere demostrar o seu leonesismo.  Abordamos a cuestión con criterios de “ecoloxía cultural” emulando un concepto frecuentemente utilizado para referirse á lingua por varios escritores.  Un destes autores, o polifacético berciano Valentín Carrera, falando da lingua galega no Bierzo defende que esa fala actúa como o óso ou o lobo, cando atravesan os Ancares lugueses en dirección a Somiedo pasando polo territorio pertencente administrativamente a León sen percatarse das fronteiras dos homes, xa que o hábitat do parque natural dos Ancares é idéntico e está compartido por ambos lados das montañas (esteas nunha comunidade autónoma ou noutra).  Nós tamén cremos que a cultura galega, de Valdeorras e o Cebreiro, ou dos Ancares e o Caurel,  presenta idénticas manifestaciois que as que se dan no Bierzo galego falante e, do mesmo xeito, que pasa coa lingua no ámbito filolóxico, a gaita é un dos síntomas da música tradicional máis evidentes e notables dese patrimonio cultural galego propio da nosa comarca.



Vexamos o mapa do territorio galego falante do Bierzo e observemos que se superpoñemos os datos sobre os gaiteiros que temos da comarca,  podemos deducir que nos municipios de fala galega hai maior presenza de gaiteiros tradicionais ao longo do século XX.  Mesmo nun mapa tan limitado como o de Alonso Ponga e Diéguez Ayerbe que inclúe ademais do Bierzo a comarca da Cabreira coa que existen tamén claras diferenzas entre a situación lingüística e a musical do Bierzo .

 Xa que estamos falando das linguas como unha manifestación significativa dunha cultura, unha primeira diferenza a sinalar sería a da lingua que falan maioritariamente os nosos gaiteiros. Namentres no Bierzo Oeste o idioma materno é o galego, na Cabreira, unha boa parte deles falaban o leonés. Outro dato a ter en conta para establecer esta diferenza co Bierzo Oeste é a densidade algo menor de gaiteiros existente na zona da Cabreira que, ou ben se pode explicar como unha extensión provocada por efecto da moda, por fenómenos (esta vez si) de influencia que veñen de vello, ou ben ser produto da existencia dunha extensión máis xeneralizada da gaita no territorio do noroeste peninsular que desde o seu momento máis álxido,  na Idade Media, foi dexenerando a un ritmo máis acelerado nestas zonas ata case perderse no século XX (lembremos que a gaita está presente tamén noutras comarcas leonesas chegando ás portas de León capital) e que o número de gaiteiros diminúe ostensible e proporcionalmente a medida que se separa dun núcleo ou hábitat digamos “favorable”, neste caso o da cultura galega, onde se atopa con máis vigor e, polo tanto, con maior capacidade de resistencia e/ou adaptación ante a dita tendencia a desaparecer.  

Vaiamos avanzando pois na procura dun mapa de situación, un válido para poder abordar outros asuntos, e que responda a realidade da presenza da gaita no Bierzo no século XX. Pero ese mapa aínda precisa esperar en tanto non afondemos na relación Bierzo-Cabreira como nesoutra relación, aínda non mencionada, a do Bierzo con Asturies, que desexamos tratalas con maior fondura máis adiante.  Ese mapa deberá ser máis rigoroso que o xa citado na entrada anterior, deberá procurar máis datos, aínda que unha exhaustividade total sempre é moi difícil de conseguir: Cremos que cos datos que manexabamos xa a finais dos 90 e dalgunhas outras indagaciois posteriores máis recentes poderiamos concluír un mapa máis obxectivo e acorde coa realidade da gaita e dos gaiteiros do Bierzo no que se fai máis evidente algo que vimos destacando:  O maior número de gaiteiros no territorio galego falante do Bierzo. 
Outramente  hai que ter en conta que esa presenza maior de gaiteiros no Bierzo de fala galega é semellante á que presenta a extensión da gaita en comarcas galegas veciñas coma o Caurel ou Valdeorras, o que avala a tese de que as fronteiras administrativas, máis recentes, e as culturais e lingüísticas, máis antigas, sonche ben distintas.