martes, 18 de agosto de 2015

“TOCAR BAJO TEITO”, UN BLOG IRMAO.

Cando naceu GAITEIROS DO BIERZO (aló no mes de decembro do 2012) había un certo oco por cubrir no panorama da música tradicional e no mundo da gaita no Bierzo na rede, nese universo multicultural da aldea global. Ese oco que esperabamos humildemente ir enchéndoo en solitario con aportes documentais e de opinión desde a Escola de Gaitas de Villafranca, conscientes de que algo podemos dicir partindo da primeira experiencia e ferramenta para reformular o folclore no Bierzo da que  nos dotamos no ano 1981 Iso é o que vimos facendo mellor ou peor estas décadas que temos de vida. Pero dende aquela xa choveu e son sempre benvidas outras iniciativas, máis recentes e enriquecedoras que contribúen poderosamente a esta nova visión da nosa cultura. “Tocar bajo teito” xa no mesmo nome deixa entrever ese espírito aberto do que se nutre e que logo nas súas diversas entradas se constata e confirma. O valor do traballo de Diego e Denise axiña aflora ao observar a importancia que se lle dá á musica de raíz e o trato que se lle outorga aos gaiteiros ou pandereteiras. Incorporan ademais un rigor técnico encomiable ao ser músicos que non só utilizan o oído, e, como precisan os tempos que corren, usan pentagramas e notaciois musicais hoxe imprescindibles.  Sentimos logo moi próximo o seu traballo. Seguen os mesmos pasos, mesmo falan das pezas e gaiteiros cos que hai anos comezamos nosoutros a crear un repertorio propio para a nosa Escola e o mundo da gaita do Bierzo, con pezas da comarca, do que tradicionalmente os vellos dirían que son pezas "do país”.

Que no ámbito da música tradicional na nosa comarca e no medio da confusión e deformación existentes se estean a dar pasos serios e rigorosos como este, realmente nos alegra. Alégranos igualmente que aborden  con afouteza e decisión o tema da gaita na Cabreira que sen dúbida tein unha entidade peculiar e merece afondarse nela, se ben como Diego e Denise recoñecen,   a imposibilidade dun acceso directo aos vellos gaiteiros constitúe un terrible atranco para a investigación presente.

Consideramos de vital importancia non perder o camín, e observando os contidos e traxectoria do blog Diego Bello e Denise Silva  ao longo deste ano de vida (naceu no mes de setembro de 2014) gustaríanos facerlles chegar a nosa máis sincera felicitación e o noso ánimo tras comprobar o seu bon facer.  Outramente desde a nosa non profesional, pero si apaixonada dedicación ao mundo da gaita botámoslle unha ollada ao panorama da gaita do Bierzo, tirando da perspectiva da que gozamos, quixeramos dar a coñecer, a modo de caderno de notas,  algunha reflexión máis sobre o que aconteceu desde o momento en que uns cantos mozos  decidimos fundar a denominada Escola de gaitas de Vilafranca ata hoxe, coa intención de valorar con xustiza o traballo destes dous mozos. 



Desde 1981, desde a volta á democracia, o movemento asociativo e cultural, seguindo as dinámicas da superación do Franquismo e fronte as súas rémoras, comezamos unha “batalla” incruenta, pero dura, en defensa da cultura tradicional oprimida durante esa longa noite baixo o imperio dunha España gris que era incapaz de respectar a diversidade e que todo o quería uniformar. Esa España triste e ruín non desapareceu inmediatamente á morte de Franco. Como en todo proceso de transformación, a volta á democracia, a unha verdadeira democracia, foi tan, tan lenta que aínda hoxe estamos a sufrir e a loitar para recuperar plenamente a dignidade perdida e abafada tanto tempo polo caciquismo, a marxinación e o desleixo. É certo que as tradiciois, por outra banda, se resisten a desaparecer, e aquelas que estaban ben arraigadas e levaban séculos en vigor, tiveron por veces  fortuna e souberon manterse e chegar a tempos nos que os avances e dinamismo cultural propios dos nosos días lles deron pulo, aínda que, como comprobamos, non sempre se produciron con resultados satisfactorios e o mundo da gaita é un bo exemplo para observar esta evolución/ involución dun tempo acó.

É certo que naceron con afán de recuperar un patrimonio a piques de desaparecer humildes  iniciativas como a nosa, pero tamén é certo que por intereses de diversa índole se crearon “novas” prácticas fillas de vellos usos da cultura do poder. Para que se nos entenda:  Os gaiteiros tradicionais non desfilaban militarmente uniformados. Estas iniciativas lonxe de axudar a unha recuperación digamos sostible da gaita no Bierzo, produciron e producen aínda confusión. Esa distorsión do que é a musica tradicional está remitindo día a día e precisa de iniciativas como a que se desprende de Tocar bajo teito para albiscar un futuro mellor.

Nunha próxima entrada prometemos algúns comentarios máis substanciosos e en detalle sobre algunhas das interesantísimas páxinas que o blog Tocar bajo teito nos ofrece. Alegrámonos sinceramente de que aparezan novos compromisos estimulantes co mundo da gaita e a música tradicional no Bierzo. Un saúdo meus.


viernes, 13 de febrero de 2015

CLEMENTE, GAITEIRO DE FERREIRA (Ibias)

 Onte día 12 de febreiro morreu Clemente Díaz López aos 94 anos de idade, un gaiteiro que coñecimos hai xa unha chea de anos cando realizamos unha visita a Ibias para coñecer a música dos gaiteiros da zona  no noso interese por contrastar o que se facía nesa zona sabendo que había algúa relación con certas zonas do Bierzo, como non podía ser doutra forma. Daquela e daquelas charlas e tocatas, quedamos en realizar un encontro en Vilafranca con gaiteiros do Bierzo que logo foi adiante e ao que acudiu Clemente.
O Encontro de Gaiteiros tradicionais que se realizou un 28 de decembro de 1991 coincidindo co X aniversario da Escola de Gaitas que organizaba o asunto tivo a sorte de contar coas magníficas interpretacios de Clemente que encandilaron ao público e que dalgún xeito quedou constancia na gravación do evento que TECNOSAGA tivo a ben editar pouco despois.
 Máis recentemente a colección Os nosos gaiteiros de Cumio editou un cd ( que inclúe varios vídeos) que dá unha idea fiel
do valor do seu repertorio. Un traballo que merece a pena coñecer e que recomendamos vivamente
 Fixemos esta pequena reseña, porque era debida, pero quedamos comprometidos a redactar unha entrada máis estensa e menos urxente. A emoción, alegría e claridade coa que este gaiteiro nos transmitía os seus saberes nunca a esqueceremos. Adeus, Clemente.

Un documental sobre Clemente na TVG: Alalá.

jueves, 10 de julio de 2014

Os gaiteiros no calendario tradicional

Seguindo coa incorporación a esta páxina de documentación publicada sobre a gaita e os gaiteiros do Bierzo imos colocar a continuación un texto breve que foi editado no ano 95  na Memoria  da II Xornada da cultura e da lingua galegas no Bierzo que organizada pola Escola de Gaitas de Vilafranca pero que fora celebrada nesa vila berciana un 21 de agosto do ano 1994. Baixo o título xenérico de "O calendario tradicional e a lingua" desenvolveu distintos aspectos da cultura tradicional na comarca entre os que se abordou brevemente este relacionado co mundo da gaita.





domingo, 26 de enero de 2014

A GAITA FOLCLORICA A DEBATE

Traemos eiquí  a nova da publicación dun traballo musical editado hai un mes polo grupo de gaiteiros “ Os Terribles de Arousa” que lidera Carlos Rey, non porque no CD apareza algo directamente relacionado co Bierzo, senón por un apuntamento introdutorio  moi interesante que redactou Carlos, un dos gaiteiros amigos que nos merece maior credibilidade e respecto pola coherencia no seu labor de folclorista.  Coa humildade que o caracteriza, logra sorprendernos agradablemente a cada certo tempo. Dende que o coñecemos, nos anos 80, etapa na que estaba desenvolvendo aquel proxecto denominado “Pallamallada”, os seus aportes resultaron sempre tan frescos e innovadores, como galardoados (o grupo Pallamallada foi 1º premio outorgado polo Ministerio de Cultura ao mellor grupo folk no ano 1987). 



Daquela tamén percorreu toda a xeografía de Galicia procurando unha recolleita de folclore das máis destacadas e que saíu editada co nome “Derradeira polavila”(editada por Tecnosaga), incluíndo, como non podía ser menos, os propios Ancares. Máis recentemente colaboramos con el para realizar un traballo específico sobre o famoso grupo de gaiteiros do Sixto, os Campaneiros de Vilagarcía (2005) e que resultou ser outro fito no mundo da gaita e do folclore de Galicia. Estes últimos anos, co grupo dos Terribles de Arousa xa leva editado tres CD co repertorio da Arousa e Salnés entre outros traballos e publicaciois destacables, todas elas moi aconsellables.

Este  pequeno texto que transcribimos íntegro a continuación, pareceunos moi apropiado, válido para o debate a realizar ao redor do folclore na nosa comarca e, á vez, claramente revelador das deficiencias e carencias coas que a día de hoxe se vén traballando no mundo da gaita tradicional. Temos que procurar tomar boa nota á hora de garantir que as gaitas folclóricas no Bierzo sigan soando como soaban nas maos dos nosos vellos gaiteiros.



A GAITA FOLCLÓRICA NA ACTUALIDADE: EVOLUCIÓN NATURAL OU FORZADA
por Carlos Rey Cebral (texto introdutorio do CD “O camiño do carro”2013)

"Comentábame unha vez o gaiteiro santiagués Juan Bello Mallou ao voltar dunha actuación: “ Antes, se escoitabamos a uns gaiteiros de lonxe, sen velos xa sabíamos quen eran, polo son das gaitas. Agora todos soan o mesmo.” A reflexión de Juan era ben certa. Estamos a vivir a evolución silenciosa do instrumento.
Se a unificación de medidas das distintas pezas da gaita (especialmente punteiros) que fixeron os principais artesáns de Galicia, empobreceu a riqueza e a variedade tímbrica do instrumento, esta evolución forzada non remata aí. Comezouse por case abandonar as gaitas tumbais e as grileiras, pois a mayoría das agrupacións tocan con punteiros afinados en DO. Logo veu a unificación das medidas das pallaetas. Despois empezaron a vir os palláns de bolígrafo. Hai uns anos chegaron os foles de gore-tex. Hai pouco saíron uns novos pallóns de plástico e metal moi elaborados. A busca da afinación perfecta dos punteiros segue sen descanso. E coido que non tardará moito en saír unha palleta de plástico ou pasta, senón, ao tempo.
Son detalles pequenos, si, pero se os xuntamos todos, dentro de poucos anos o son desa nova gaita, case rozando a perfección, pouco terá que ver co son da gaita folclórica.
E iso é o que parece que non teñen claro nin os artesáns nin os novos gaiteiros.
Está moi ben que haxa unha gaita perfeccionada para tocar con calquera outro instrumento, ou cunha banda de música: unha gaita de concerto. Pero non por iso podemos matar a gaita enxebre, a gaita do país. Aínda que ese parece que é o camiño que leva."




sábado, 28 de diciembre de 2013

SOBRE O LIBRO: CANCIONEIRO OENCIA E CONTORNA de X.L. Foxo

      Só un 28 de decembro poderíamos abordar esta nova que non o é, ou, dito doutro xeito, unha novidade que é vella, xa que se  produciu o pasado mes de agosto.  Non se trata dunha inocentada, Foxo non é un inocente aínda que o pareza. O creador e director da Real Banda da Deputación de Ourense, un ambicioso e interesado instrumento do poder político, dinamizador dun xeito de deformar a cultura tradicional, vén de publicar un primeiro volume baixo o título: Cancioneiro Oencia e contorna.  Cremos que só neste día, dende unha óptica situada nas antípodas deste personaxe, a nosa humilde Escola de Gaitas,  que tamén hoxe está de aniversario (o trixésimo segundo), somos quen de iniciar este comentario crítico porque ben sabemos que as aparencias enganan.   O despropósito de Foxo, neste libro e noutros, vai máis aló da confesión ególatra dun home sen luces. Os seus traballos que deambulan entre a falta de criterio e a aparente inxenuidade dun principiante, contrastan co voluminoso e pomposo acabado dos libros que publica.  É obxecto de polémica dende a súa irrupción no mundo da gaita, entrando coma un elefante nunha cacharreiría, provocando a denominada guerra das gaitas co seu invento da gaita marcial e os réditos que lle supuxeron, sendo o seu apego e dependencia dos poderosos, diríamos enfermizo (sen o seu apoio non sería nada), unha máis que significativa forma de implantar a súa visión interesadamente deformada do folclore.
          

A APARENCIA MOTOR DESTA OBRA "MONUMENTAL", O NÚMERO IMPORTA MÁIS QUE O CONTIDO
Lamentamos de veras recibir cun comentario máis negativo que positivo unha nova publicación, tan voluminosa como aparente, tan confusa como falta de rigor. Lamentamos tamén que Xosé L. Foxo que leva dando guerra no mundo da gaita dende hai ben de anos, non teña tampouco evolucionado, e, tan amigo como di ser da evolución, acometa esta nova empresa de asalto ao Bierzo con tan controvertidos ataques á tradición, reiterando os mesmos erros que apreciabamos xa na publicación do seu primeiro traballo sobre a gaita e que, xa daquela, non puidemos deixar de, á vez de os criticar, desenmascaralos. Nesta ocasión, tratándose dun traballo sobre o folclore do Bierzo, non podemos tampouco pasalos por alto cun simple “máis do mesmo” ou  categórico “un chove sobre mollado”.
 Chama a atención inicialmente a arrogancia do traballo, Foxo sempre foi pouco humilde. Reparemos no formato impresionante e monumental que escolle. Trátase dun primeiro volume (ameaza con máis) cunhas 450 páxinas, iso si con muita foto e pouca letra (ambas de tamaño algo máis grande do habitual), acompañado de 3 CD e un DVD (onde a imaxe do autor está omnipresente e as pezas de gaita que el interpreta son máis que as escasas que incorpora doutros gaiteiros vellos da zona). Sorprende a calquera este despregue de medios en tempos de crise e recortes como os que vivimos. Claro está que sobran mecenas fieis que con cartos públicos subvencionan traballos como este (3 Deputacións: León, Lugo e Ourense, 2 gobernos de Comunidades autónomas, a Junta de Castela e León e a Xunta de Galicia, e un comarcal o Consello do Bierzo). Pero, non se fíen das aparencias, o contido resultará contundentemente decepcionante para entendidos e afeccionados, para propios e estraños, pois se trata dun traballo,  onde a difusión convértese irremediablemente, páxina a páxina, en confusión altisonante (coma se fose unha marca patentada por Foxo). Confusión e pomposidade veñen da mao, e, no que pretende ser un “gran aporte ao folclore”, é en realidade, unha lamentable fraude aos lectores que, se non son inxenuos, irán descubrindo, folla tras folla, o engano, con mui contadas sorpresas agradables. Os informantes que aparecen no libro en ningún caso nos desilusionan, pero si o tratamento que fai Foxo desa información transmitida e da deformación dos documentos sonoros por el rexistrados dándolle a todo o recollido un mesmo valor.
Algo que era esperable, pero que non nos deixou de sorprender foi a grande dose de egolatría e narcisismo esgotador dos que, pensándoo ben, Foxo sempre foi vítima (a modo de exemplo, ademais do xa comentado acerca da súa omnispresencia no DVD, outro detalle é que nas múltiples fotografías, case tantas como páxinas, volve a haber un bo número nas que el aparece, iso si, a maioría en cor sepia para facelas pasar por algo antigo). Un Foxo ancorado naquela vella teima de postular como propio o que non o é, partidario do todo vale con tal de encher o saco con músicas de diversas procedencias, para vendelas como tradicionais. Digámolo de xeito breve e botando mao dun dito popular adaptado ao berciano: “daqueles pos, veñen estes trollos”.


 A CONFUSIÓN OCULTA BAIXO UNHA APARENTE INTENCIÓN DE DIFUNDIR 
      Antes de entrar en materia diremos que sobre o folclore no Bierzo hai ben poucas publicaciois realmente rigorosas, e abundan, iso si, aqueloutras que cargadas de prexuízos ou ben interpretan mal a súa riqueza e complexidade, ou ben simplemente a ignoran estendendo xeneralidades sobre o mesmo, seguramente por non entrar en polémicas ou evitar un terreo complexo como o territorio do tradicional nesta comarca.   Sen afán de caer, tamén nós, en apriorismos, pero co compromiso de clarificar no posible, para os que gustan do folclore, que é o que se debe ou pode considerar tradicional na nosa comarca, tentaremos fuxir das análises da música popular propia do Bierzo que botando mao dos prexuízos enchen a boca con palabras como “influencias”, relaciois ou concomitancias culturais (lease por exemplo a introdución do libro titulado El Bierzo, etnografía y folklore de las comarcas leonesas de J.l. Ponga e Amador Diéguez Ayerbe) para logo pasar á simplificación ou á xeneralización ás que faciamos referencia. Destas abondan tamén exemplos máis recentes que o antes citado de Ponga e Ayerbe. Son moi comúns sobre todo nos estudos que dende León ou Valladolid se realizan sobre a etnografía berciana (atopámolos por exemplo nun audiovisual recente sobre a pandeira e o pandeiro de Concha Casado e Joaquín Díaz), procurando “lo propiamente berciano” observamos un claro síntoma dos apriorismos anteditos e da conseguinte falta de rigor, a pesar de que fagan, unha e outra vez, fincapé no xa retórico “máximo rigor etnográfico” do seu labor de campo sistemático. Namentres tanto os bercianos e amigos do folclore, en xeral, seguimos contando cos dedos das maos traballos que evidencien a complexidade do Bierzo e non entren en contradiciois á hora de falar de folclore e de cultura galega no Bierzo, que é quen de convivir con manifestaciois claramente leonesas, sabendo que son as primeiras as que dan peculiaridade e singularidade á comarca (e que, de non existir, o Bierzo sería ben semellante a calquera das outras comarcas leonesas). Saibamos distinguir entre a pertenza administrativa e a identidade cultural para evitar confusiois.
Volvendo ao Cancioneiro Oencia e contorna, X.L. Foxo prescinde por completo dos estudos folclóricos existentes. Quererá indicar con isto que só é valido o seu modo de traballo? De novo emprende un camín en solitario, o primeiro que realiza sobre o folclore no Bierzo, sen enmarcar con precisión, con rigor etnográfico o complexo mundo folclórico que conflúe no Bierzo. Neste caso Foxo, seguindo a súa errada metodoloxía, diferente iso si, á que utilizan os traballos editados con anterioridade sobre o Bierzo, cae tamén na falta de rigor, porque parece evidente que ao autor este non lle preocupa.  Pola contra parece estar máis interesado no voluminoso e na aparencia da publicación, non presenta claridade de criterios, nin un estudo equilibrado e serio das pezas que recolle, a penas unhas vagas liñas na introdución, dando certa sensación dun traballo sen rematar. Se nos estudos anteriores doutros autores era difícil atopar algo que non fose o “propiamente berciano” (traballos nos que se dilúe, ou directamente marxina, calquera manifestación en lingua galega por ser “unha influencia” e  algo non xenuíno da comarca), no libro de Foxo dá a impresión que todo vale, non pensa para nada no “propiamente berciano”. Foxo aposta máis pola filosofía do “folclore no Bierzo” que a do “folclore do Bierzo”, é dicir, orixinario do Bierzo. Neste sentido Foxo comeza dicindo na Introdución ao “Cancioneiro Oencia e contorna” que a Serra galaico-leonesa galego falante conforma un tronco común coas terras do Caurel, un corpus único. Pretende “unha mostra veraz” de tonadas, contos, fala e costumes desa cultura unitaria e, na súa lóxica, inventa as “Terras d´Oencia”.  Aínda que é de agradecer que edite o volume en galego e con fórmulas do galego oriental, debemos sinalar que a ausencia de criterios volve a ser a súa norma, chea de contradiciois á hora de facer uso da lingua:  Utiliza unha grafía arcaica co apóstrofo propio do XIX, hiperenxebrismos, castelanismos,... de novo dá impresión que no terreo da lingua, ao igual que no do folclore, todo vale e que fai o que quere sen máis.

Das 350 pezas non todas teñen ese alto valor etnográfico que se lle atribúen gratuitamente os medios de comunicación e os presidentes das Deputaciois de León ou Ourense. Os contidos do volume, ademais das fotos, sobre todo son  letras e partituras das pezas recollidas (da páxina 51 á 431) que aparecen malamente agrupadas tras unha breve e protocolaria presentación asinada polo Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación universitaria da Xunta de Galicia, e unha mínima introdución desarbolada e caprichosa tamén, a medio camiño entre a confesión emotiva de intenciois e a análise da selección de temas que se inclúen no traballo.  É dicir,  faltan un estudo rigoroso dos contidos do cancioneiro e a meirande parte son letras e partituras sen máis, que se presentan clasificadas con criterios moi discutibles e cuestionables non tanto nos encabezados (coplas de cego, rondas, romances, arrolos, loias, etc...) como si por aparecer algunhas pezas nunha categoría que non corresponde ou por incluír pezas que poden ser populares, pero para nada tradicionais e, menos aínda, propias dos lugares nos que se di que están recollidas. Un indignado leonés facía o seguinte comentario, tras unha das presentaciois mediáticas, que tanto gustan a Foxo, do libro en León capital, nas que estiveron arroupando ao autor deste traballo de "alto valor etnográfico"( dío a nota de prensa) o Presidente da Deputación de Ourense e a Presidenta da Diputación de León: Una pena que la Diputación de León invierta dinero en un proyecto que deja bastante que desear, en el que se incluye mucho repertorio que no es tradiiconal, como canciones de Manolo Escobar o Concha Piquer. Además el señor Foxo demuestra su total desconocimiento de la música tradicinal de León, resultando el libro una pieza más del movimiento aculturador que Galicia lleva a cabo sobre el Bierzo. Por desgracia, otros proyectos hechos desde León, con fines similares y más conocimiento, son despreciados por las instituciones de nuestra provincia y comunidad."



          Todas as persoas que contribuíron a facer posible esta recollida (os seus informantes) merecen todo o noso respecto, mesmo sentiranse orgullosas inconscientemente de formar parte deste libro, pero non son responsables da terxiversación que cos seus cantos levou a cabo X. L. Foxo. Sen lugar a dúbidas, Foxo intenta xustificar e asentar o seu proxecto, digámolo como o indignado leonés, "aculturador" (queremos entender de Bandas de Gaitas ao xeito marcial ou escocés) que con traballos coma este e aproveitando o baleiro existente, como xa dixemos, crea maior confusión. Neste traballo non é ouro todo o que reloce, no cancioneiro hai pezas tradicionais e outras, unha parte significativa, que non o son, pezas que pertencen a distintas culturas (galegas, castelás), fórmulas antigas e outras moi modernas, todas amalgamadas sen comentarios ao respecto como se formaran un corpo único e tradicional de Oencia e a súa contorna. Quen se achegue a el, que saiba que debe realizar unha análise a conciencia das pezas e seria desexable que se peneirara ese ampuloso número de 350, cousa que Foxo non fixo; se cadra non quere, se cadra, non pode ou non sabe.  



Imos ver, se ben o que aparece no seguinte vídeo, unha ronda de Arnado e un acontecido, son pezas que están xustificadamente incluídas neste volume, hai outras das que sinceramente non entendemos a conto de que se seleccionaron. Poñamos logo un exemplo deste todo vale que Foxo aplica. Unha cantiga tradicional castelá moi coñecida incluída no apartado que titula Cantares varios entre os que recoñece, na introdución ao cancioneiro, que hai cantos que "emigraron dunha cultura a outra" para acto seguido indicar que " pretendemos que este traballo sexa un documento veraz do que cantaban e contaban as xentes dos lugariños da Serra do Berzo que forman un corpo unitario cultural reflexado nunha lingua e toponimia absolutamente galegas". Logo pouco representativo debería ser este canto castelá e mesmo sería lexítima, ao noso modo de ver, a súa exclusión do libro. Foxo optou por incluíla, como outras muitas semellantes. A cantiga da que falamos está na páx 156 e chámase veño de moler morena que como podemos comprobar, aínda que chegou algún día a Oencia pertence a un repertorio ben distante e distinto do propio de zona. Esta peza foi así interpretada por Agapito Marazuela, un dos máis recoñecidos músicos tradicionais de Segovia. 

E das gaitas e gaiteiros en tan monumental traballo, ben pouco aporta que xa non se saiba, poucas testemuñas e malas gravaciois. Menos aínda son os comentarios e datos sobre eles que estaban en gran parte xa publicados noutros estudos, entre outros os realizados pola propia Escola de gaitas de Vilafranca. Realmente neste apartado esperabamos algo máis. As gravaciois limítanse a Francisco Terrado Farelo, gaiteiro de Oencia (1918-2009) e algúa de Joaquín Bao Prieto de Arnado.  

Os realmente amigos do folclore no Bierzo (asociaciois, agrupaciois músicais, estudosos...) debemos logo evitar caer na confusión e saber que este volume non é un traballo moi interesante, como xa temos visto que aseguran equivocadamente alguis é un traballo interesado. Tamén debemos responder, na medida das nosas posibilidades e posibles (que non son os de Foxo) con estudos máis serios, se cadra máis sinxelos e humildes, pero tamén máis acabados e sobre todo, máis respectuosos coa nosa cultura tradicional.

Nós temos feito algunhas recolleitas en Oencia, Castropetre, Visuña, Romeor,...esperamos podelas sacar á luz proximamente e contribuír así a evitar simplismos e despropósitos que no mundo do folclore empobrecen e sobran.

viernes, 6 de diciembre de 2013

Morreu Emilio Díaz Gutiérrez Gaiteiro de Vilar de Aceiro

Acabámonos de enterar que Emilio Díaz Gutiérrez, o gaiteiro de Vilar de Aceiro vén de morrer onte. Nacera en 1929 un 29 de novembro, logo acababa de cumprir 84 anos de idade. Tan só hai uns días editabamos un vídeo con motivo do día de Sta Cecilia, que quería lembrar a todos os gaiteiros bercianos e incluíamos a Emilio entre a nómina de músicos tradicionais vivos. Formaba parte dunha saga de gaiteiros dun pobo que deu numerosos músicos e un val, o val do Burbia, que é referente para a gaita no Bierzo ao longo do século XX.

Con el compartimos en varias ocasiois tocatas na romaría de Fombasallá, lugar de encontro dos gaiteiros vellos do Bierzo Oeste ata hai ben pouco. Con Emilio compartimos magostos na cantina do pueblo e del recollemos temas como o Pasodobre que nós bautizamos de Emilio na súa honra e que popularizou Treixadura por toda Galicia entre as pezas do seu CD de presentación (peza nº 7), cuxa partitura podémola consultar tanto na súa páxina como noutras como a de folkotecagalega.

Un momento para nós moi especial foi  o Festival no Teatro de Vilafranca  no mes de decembro do ano 1991, cuando ao cumprir os dez anos de existencia a Escola de Gaitas da vila, tivemos a sorte de contar con el para celebrar esa data cunha gravación de gaiteiros vellos. Participou así na primeira gravación específica que sobre a gaita no Bierzo se levaba a cabo, unha cassette editada por TECNOSAGA. Daquela interpretara tres temas Muliñeira, Rumba e Pasodobre, aínda que só dous apareceron logo na cinta. Sabemos que aquel día tamén foi para el moi grato porque era unha das primeiras nas que se lle homenaxeaba, nas que se dignificaba o seu bon facer como músico tradicional fóra do ámbito máis local e que el mesmo agradeceu aquel día e tempo despois. Nós tampouco perdemos esa especial querencia por el. Hai pouco tempo incluímos a Moliñeira ou muliñeira de Emilio (que interpretou Marisa Cela á gaita), ademais do seu Pasodobre no CD dos gaiteiros de León: Farrapos, furacos e foles. 

 Xa levaba muitos anos vivindo en Toral dos Vados, onde non pasou desapercibida a súa dedicación musical, motivo polo que os seus novos vecíños recoñecéronno como gaiteiro de Toral. Foi este o lugar onde morreu, onde o entrevistamos xa hai bastantes anos, por última vez, porque a quen se achegaba a el non tardaba en ensinarlle o que máis lle gustaba, a música popular. Colaborou coa posta en marcha dun grupo de gaiteiros de Toral, os preliminares do que hoxe é a Banda de Gaitas Mencía . Tampouco era nada difícil escoitalo tocar a gaita, ou cantar, só había que llo pedir. Como testemuña do que dicimos, circula algunha gravación por youtube de non hai tanto tempo e onde se perciben xa os problemas físicos que lle viñan afectando seriamente a súa saúde e que lle impedían tocar máis a miúdo.

Deixounos un dos "jilgueros" do Vilar de Aceiro ao que non esqueceremos.

viernes, 22 de noviembre de 2013

No día dos músicos: In memoriam

No día da nosa patroa Santa Cecilia (ou tamén chamada Sta. Icía nun galego máis normativo) lembramos aos nosos gaiteiros,aos do país, do Bierzo e a contorna. Un exercicio de memoria e de cariño co que nos alimentamos con ese pan da identidade que, como alguén sabio dixo, amasamos dende ninos e levamos para sempre nos corazois:




Os temas incluídos son dúas pezas propias da comarca,  recollidas e interpretadas por gaiteiros da Escola de Gaitas de Vilafranca e incluídas no traballo recentemente editado: Farrapos, furacos e foles ( gaiteiros das comarcas leonesas).