Nesta entrada imos afondar sobre a presenza e a densidade numérica dos
gaiteiros na nosa comarca contrastando ademais
dita extensión coa das linguas que se falan no Bierzo. A razón desta
relación entre a lingua e a gaita, aínda que é obvia, axiña a explicaremos. A súa singularidade outórgalles carácter de
símbolo dunha cultura, elementos esenciais da mesma e cremos que pode
axudarmos no noso achegamento ao
fenómeno cultural, esa diversidade e ese encontro de culturas que vive o
Bierzo.
Observemos a ilustración de máis arriba. É un mapa da páxina 198 do libro Etnografía y Folclore de las comarcas
Leonesas titulado “EL BIERZO”
que José Luis Alonso Ponga e Amador Diéguez Ayerbe publicaron no ano 1984 e que
pretendía dun xeito gráfico determinar
“a extensión da gaita no Bierzo e gaiteiros deste século”, é dicir, do
século XX. Pois ben, trátase dun mapa no que se destacan tan só 21 lugares onde
viviron gaiteiros (hoxe case todos eles xa falecidos). A primeira vista apreciamos a súa falta de
rigor pois en 4 casos non se citan nomes, só aparece citado o lugar e, pola
contra, hai dous concellos nos que se detallan os nomes e apelidos de varios
gaiteiros.
Antes de proseguir coa
análise dos datos reparemos na relación de lugares citados e dos nomes dos seus
gaiteiros que agrupamos por concellos:
Oito
gaiteiros do Bierzo Oeste :
- Barxas: Amadeo,
gaiteiro de Albaredos.
- Corullón: José
Farelo, gaiteiro de Hornixa.
- Oencia: Benxamín “Pallares”, Serafín Bao, Francisco
Merezas, gaiteiros de Xestoso, Oencia e Arnado respectivamente.
- Trabadelo: non cita o nome do gaiteiro de Soutelo.
- Veiga de
Valcarce: Celio, gaiteiro do Castro.
- Vilafranca do
Bierzo: non cita o nome.
Un par de gaiteiros do Bierzo central:
- Arganza:
Florencio, gaiteiro de Espanillo.
- Sancedo: Fidel Álvarez, gaiteiro de Ocero.
Chama a atención os cinco gaiteiros de Borrés concello da zona das Médulas:
- Borrés: Jesús Méndez, Victor Álvarez e Leonardo “O
gaiterín” de San Juan de Paluezas ademais dos gaiteiros Miguel de La Chana e
José “el Rey” do propio Borrés.
Dous gaiteiros do val do Oza e os montes Aquilanos no actual concello
de Ponferrada:
- Ponferrada: José
Rodríguez gaiteiro de S. Pedro de Montes e de Peñalba que non se citan nomes.
E outros sete gaiteiros da comarca da Cabreira:
- Ponte de Domingo
Flórez: Saturnino gaiteiro de Veiga de Yeres e Ramiro de Robledo de
Sobrecastro.
- Benuza: non cita o nome de ningún gaiteiro de
Santalavilla, pero si a Joaquín Blanco, gaiteiro de Silván e a Julián Álvarez
Rodríguez de Yebra.
- Castrillo: Sergio e César, gaiteiros de Odollo.
- Castrillo: Sergio e César, gaiteiros de Odollo.
Trátase dun mapa que ao noso parecer está mal elaborado e polo tanto é
pouco clarificador, especialmente se temos en conta a cantidade de territorio
que queda sen estudar e a parcialidade dos resultados que ofrece ao ser tan
irregular e pouco exhaustiva a recollida
de datos coas que conta.
Esta opinión xa a fixemos pública na nosa intervención no
Congreso de Etnografía e o Folclore no Bierzo do ano 1991 (e logo parecería editada na Revista
do IEB nº16). Daquela tivemos ademais a
ocasión de falar brevemente cun dos autores deste libro, o propio J.L. Alonso
Ponga, que xustificaba esa imprecisión
referida aos datos dos gaiteiros ao ter que abordar nun só libro a totalidade
da Etnografía da comarca berciana.
Mais esa falta de rigor no mapa non
é un
defecto puntual neste traballo de Alonso Ponga e Diéguez Ayerbe. Se lemos con atención o capítulo titulado Instrumentos de música tradicional
dedicado aos instrumentos musicais populares do Bierzo constatamos que dito
mapa forma parte dunha estratexia evidente: a intención de minimizar a presenza
da gaita no folclore do Bierzo. Por que? Cal era o motivo desta intención de
marxinar a gaita de fole?
Puideramos pensar que os autores realmente preocupados por outros aspectos
da etnografía descoidaran este aspecto ou non reuniran datos suficientes como
para poder afondar e valorar no seu xusto termo a extensión da gaita na comarca.
Pero se lemos outros apartados do libro como, por exemplo, a súa Introducción, confirmaremos a existencia de serios prexuízos cos que foi
tratada, sen ningún xénero de dúbidas, a gaita e todo o que era susceptible de
ser ou parecer propio da cultura galega.
Deteñámonos, só por un momento no único titular que se inclúe na introdución
antedita do libro ao que facemos referencia. O titular é moi elocuente pois interrógase
“¿Galleguismo berciano? para logo
dicir:
“ Hablando del Bierzo siempre sale a
colación un tema ya tópico: el de su galleguismo. Mito siempre aducido y nunca
demostrado. Siempre aducido por aquellos que han visto cómo en los últimos
tiempos el Bierzo se ha ido castellanizando paulatinamente. Evidentemente, el
Bierzo no es Castilla, pero tampouco (desde el punto de vista de la cultura
popular) es Galicia.
El Bierzo es una de las comarcas leonesas que como tantas otras zonas de
transición, de encrucijada cultural, con un fuerte sustrato leonés, similar al
de las comarcas vecinas –Maragatería, Caneda, Omaña, Laciana-, pero que también
en estrecha relación cultural con zonas de las regiones limítrofes”.
Os autores ao achegarse ao noso folclore e a nosa etnografía viñan cargados
dunha serie de apriorismos que deforman os resultados do seu traballo e cos que
os lectores deben contar desde o mesmo principio do texto publicado. E eiquí é a onde quixeramos agora chegar nós
tamén como un primeiro paso que vos propoñemos para seguir indagando nesa
relación tan “maléfica” que tein a gaita e mais a lingua galega como manifestaciois
máis visibles e notorias que son da cultura galega existente no Bierzo.
(
continuará)
No hay comentarios:
Publicar un comentario