Este cadro titulado "Fiesta popular con gaiteiro" pertence ao pintor berciano Primitivo Álvarez Armesto, nacido en 1864 na Veiga de Valcarce. Polo que sabemos grazas ao tamén autor berciano Ramón Carnicer (este vilafranquino) a través do estudo sobre a vida e obra deste artista , pintouno na súa derradeira etapa na que estaba asentado en Buenos Aires, nunha data aínda sen establecer entre o ano 1910-1939. Hoxe o cadro é propiedade dun colecionista particular de León.
Como ben se pode apreciar o artista retrata cun estilo realista unha escena costumista que transmite e documenta a presenza tradicional do gaiteiro na nosa comarca que a comezos de século era moi habitual actuando como solista e acompañado tan só por un tamborileiro que non era raro que fose un rapazolo, mesmo familiar do intérprete. O cadro reproduce un momento da festa ao pé da igrexa (non sabemos se responde a un lugar concreto ou é unha reacreación do autor, pero parece que quere reproducir os sons da mesma ao facer estalar no ceo uns foguetes) no que o gaiteiro parece interpretar unha peza bailable pois varios mozos forman filas bailando ao solto unha muliñeira?...unha jota? iso temos que imaxinalo. A pesar de colocar as maos do gaiteiros ao revés (o autor non era gaiteiro e non se fixou que a mao esquerda vai na parte alta do punteiro e a dereita na baixa) é de destacar o cuidado dos detalles na reprodución da indumentaria tradicional e outros elementos da cultura material que reproduce como o carro do país.
Trátase pois dun cadro no que se testemuña no Bierzo a presenza dos nosos músicos tradicionais, un gaiteiro anónimo de finais do XIX ou comezos do XX.
No hay comentarios:
Publicar un comentario