GAITEIROS DO BIERZO pretende ser un aporte máis para a difusión e o estudo dos gaiteiros e da gaita no Bierzo, por iso ademais de ofrecer novas sobre o mundo da gaita e as gaitas do mundo, queremos especialmente ofrecer o que sabemos, algo do noso traballo e da información que, como a primeira Escola de Gaitas creada no Bierzo (no ano 1981), fomos quen de recoller. Engadimos tamén algunhas páxinas que se editaron sobre a gaita e o seu mundo nesta comarca que, polo seu carácter fronteirizo é un espazo interesante para observar o que aconteceu con este intrumento tradicional e os seus intérpretes ao longo do século XX.
Se ben o Bierzo como Galicia e Asturias son terras onde o instrumento estaba presente de xeito tradicional, pola contra nas comarcas veciñas de León tamén tocaron a gaita como instrumento tradicional, aínda que a súa presenza era claramente menor, cousa que pode chamar a atención dos seus usuarios actuais neste século, que viven unha expansión inusitada e de implantación moi recente sobre a que esperamos poder reflexionar neste blog.
Outramente, como amantes da tradición que somos, cabe esperar que nos ocupemos a maiores doutra preocupación que vimos denunciando, como é a práctica de certas agrupaciois que aseguran ser defensoras da cultura propia, pero que, ben por descoñecemento, ou ben con plena conciencia, fan uso de instrumentación, repertorios e outras prácticas alleas ao noso floclore e pouco, ou nada, acordes coa nosa tradición.
Agardamos non vos decepcionar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario