Unha reportaxe da RTVG sobre a Asocación de Gaiteiros Galegos. Algo mái sque unha asociación de gaiteiros e gaiteiras, de bailadores e de interpretes e artesáns de instrumentos tradicionais galegos.
Etiquetas
- A GAITA (7)
- GAITEIROS BERCIANOS (12)
- NOVAS (15)
- OPINIÓN (6)
- PUBLICACIOIS (5)
- SONS E GRAVACIOIS (12)
miércoles, 4 de enero de 2023
A AGG, unha asociación da tradición viva
Unha reportaxe da RTVG sobre a Asocación de Gaiteiros Galegos. Algo mái sque unha asociación de gaiteiros e gaiteiras, de bailadores e de interpretes e artesáns de instrumentos tradicionais galegos.
lunes, 11 de julio de 2022
Pablo Carpintero na procura da gaita galega máis antiga
Deixamos un par de enlaces a páxina web de Pablo Carpintero con máis información sobre o tema:
A gaita de ronquillo de Xan de Campañó
Sobre a gaita de Xan de Campañó do século XV
-
viernes, 7 de enero de 2022
Petitorios e ciclos festivos
Imos realizar un breve apuntamento, unha pequena viaxe, e á vez unha interesante reflexión sobre os petitorios que se presentan de xeito continuado en distintos momentos no calendario de tradiciois anuais. Realmente é unha fórmula de socialización activa que solicita a cambio do canto un donativo, está intimamente asociado ao carácter participativo e activo da festa polo que o vemos nos aguinaldos, nas comparsas de entroido, nos maios... Logo se produce a reiteración das fórmulas seguindo un esquema básico acorde coas regras esenciais da oralidade que fai que, a pesar dos centos de variantes existentes, vexamos notables coincidencias sobre todo se nos fixamos na estrutura e, como non, as semellanzas parciais ou totais derivadas da proximidade dos territorios. Fixémonos nun caso que xa hai tempo nos chamou á atención os petitorios de tradición oral do Cebreiro e do Bierzo.
Foto do xornal O Progreso de Lugo |
Falemos en primeiro lugar dos petitorios do aguinaldo que atopamos no Canto de Reis/Reises do Cebreiro. Na fermosa e colorista versión que colgamos máis arriba do magnífico músico e instrumentista Pancho Álvarez podemos escuitar e distinguir perfectamente os dous propios dun petitorio: As peticiois iniciais e os agradecementos, cuando se daba algo ou mesmo insultos, vituperios posteriores, se non se daba nada:
PETICIOIS:
Día de Reis, Día de Reis
primeira festa do ano
entre damas e doncelas,
vimos pedi-lo aguinaldo
Se queren da-lo aguinaldo
non nos fagan agardare
somos de lonxanas terras
temos muito que andare.
Ese señor, Don Luis,
muito lle pinta a chaqueta
meta a mao no seu bolsillo
e tíreme unha peseta.
COPLA DE AGRADECEMENTO:
Estas portas son de ferro
eiquí vive un caballero.
COPLA DE AGRAVIO
Estas portas son de estopa
eiquí vive un lapasopas
Estas coplas que escolleu Pancho Álvarez foron recollidas xunto coa melodía tradicional por Mini e Mero segundo se cita no CD titulado Cantigas de Nadal que se editou por Do FoL EdiCións no ano 1998.
Na rede podemos documentar algo máis a partir do recollido polo equipo de investigación do Apalpador da Genthalha do Pichel gravado no lugar de Cileir, O Cebreiro (2011). Atopamos a Amadora, unha veciña dunha aldea do Ceberiro falando dos Reis e da Carantoña, o cal nos fai pensar que o Ciclo de Nadal realmente agocha unha forte corrente de tradiciois que no inverno tentan preparar unha boa entrada da primavera, algo que logo no calendario foi denominado Entroido, que normalmente se asocia ás máscaras e a este tipo de encontros con petitorios polas aldeas adiante. O antropólogo Lisón Tolosana documenta xa muito antes esta práctica no seu libro Antropoloxía Cultural de Galicia.
Pois ben, pasemos finalmente ao Bierzo e ao mes de maio. Na Festa do Maio que se conserva en Vilafranca volvemos atopar petitorios onde se piden castañas e vemos como se reiteran entre outras coplas unhas idénticas ás de agradecemento e agravio que reproducimos máis arriba. A funcionalidade é a mesma, pero o ciclo é distinto xa que neste caso se celebra a entrada da primavera.
Este maio, señora é,
este maio andaba de pé.
Tire castañas, Señora Manuela,
Tire castañas cas tein na mantela.
Estas portas son de ferro
eiquí vive un caballero.
Estas portas son de estopa
eiquí vive un lapasopas.
Rematamos por hoxe, non sen dicir que puideramos seguir atopando en lugares máis distantes neste tipo de manifestaciois do nosos patrimonio unha morea de coplas mui semellantes a estas como temos comentado xa nalgún outro texto. Máis adiante prometemos seguir tirando deste fío.
lunes, 19 de julio de 2021
Concerto didáctico sobre: Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega
Colgamos a seguir VOLVER Á TERRA un concerto didáctico do 2013 para o Proxecto Ronsel que deron Pablo Carpintero, Rosa Sánchez e Gustavo Couto. Un interesante documento que podemos ver grazas ao propio Pablo Carpintero ao que lle agradecemos que permita gozar de eventos verdadeiramente interesantes aínda que sexa en diferido.
OS GAITEIROS DO PAÍS, na revista LA COMARCA 13/XI/ 1992
Na desaparecida revista LA COMARCA del BIERZO no seu número 13 do mes de novembro de 1992 saíu esta reseña sobre o traballo de recolleita da Escola de Gaitas que reproducimos a continuación:
viernes, 16 de julio de 2021
GAITEIROS DUNHA PROVINCIA DO INTERIOR (1ª parte)
Cuarteto de Sésamo ( A Veiga de Espiñareda) na década dos 40 |
Imos realizar unha entrada produto dun soño máis que dunha realidade asentada pero que nos permita observar sen cancelas as comunicaciois gaiteiras entre comarcas próximas. Debemos lembrar que os soños forman parte ineludible e inseparable do ser. A sociedade berciana soñou sempre cunha provincia que en realidade ten dalgún xeito existencia histórica anterior, xa non digamos a antiga provincia romana Gallaecia que era outra cousa, pero si a unha realidade territorial algo menor ca romana de evidencias intermitentes ao longo da historia máis recente ao pertencer por momentos, muitos destes territorios e lugares que imos nomear, ao Condado de Lemos medieval. Existe, como non, unha base real se temos en conta o contacto e a relación fluída que de vello houbo entre comarcas montañosas como Caldelas, Trives, Valdeorras, Merindade de Aguiar, Courel, O Cebreiro, Cervantes, Valcarce, A Somoza, Ancares e mesmo a Cabreira ... que conforman en gran medida un mesmo mundo cultural ao compartir a diario as súas xentes unha paisaxe e unha fala común, entre outras tantas cousas.
Vaiamos logo trazando un mapa de pequenas comarcas que se vencellan, algunhas mesmo sendo parte daquela Provincia de Villafranca do 1821 que tras da crise do Antigo Réxime estivo a punto de asentar administrativamente unha complicidade xeográfica e cultural que vertebra O Sil arredor de todos os ríos que del son afluentes.
Comezamos a enumerar logo gaiteiros do país que se sitúan nas zonas máis periféricas deste centro do Noroeste da montaña que poñemos situar no Bierzo na procura dun equilibrio soñado entre os dous mundos que conflúen nesta comarca. Son gaiteiros que viven sobre todo da primeira metade do século XX, aínda que beben da tradición de finais do XIX protagonizan páxinas brillantes para a gaita antes de que declinase a súa poderosa presenza nos programas das festas patronais e noutros eventos relevantes tamén do Bierzo.
OS TRABAZOS DE CASTRO CALDELAS
Para falar destes bos gaiteiros de aló as Terras de Caldelas acudimos ás fontes máis fidedignas e máis axeitadas para divulgar datos con axilidade a través da rede.
OS TRINTAS DE TRIVES
Na comarca veciña de Trives atopámonos cuns gaiteiros de longa e exitosa traxectoria que visitaron no seu tempo o Bierzo dando conta do seu paso pola historia da gaita no século XX. Estas relaciois musicias seguramente estimularon a creación de cuartetos semellantes entre os músicos locais e a incorporación de sons e instrumentos. Constatamos así unha evolución en paralelo entre a gaita no Bierzo e as súas comarcas galegas veciñas. Pero o máis interesante resulta establecer, sen dúbida, as semellanzas e diferenzas nos repertorios duns e doutros.
Volvemos a tomar prestado un vídeo divulgativo de Diego Prieto para saber algo máis dos gaiteiros Os Trintas de Trives. Agradecemos e aplaudimos dende eiquí o seu traballo.
miércoles, 23 de diciembre de 2020
PRIMEIRA LECTURA: APROXIMACIÓN A LA GAITA Y SU USO EN EL BIERZO Y CABRERA
Parabéns Diego e graciñas
Ao rematar unha primeira lectura da Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera de Diego Bello Fernández, quixeramos facer unha primeira valoración dun xeito áxil, quizais algo precipitado, pero tendo pendente outras máis detalladas e sosegadas relecturas. Debemos felicitar sinceramente por este traballo ao seu autor porque realmente supón un decidido paso adiante no coñecemento dos gaiteiros do país, á vez manifestar publicamente un duplo agradecemento, por unha banda pola relevancia que isto ten para nós como bercianos e amantes da cultura e pola outra por consideralo dalgún xeito continuador do camín emprendido pola Escola de Gaitas no ano 1981. Confirmamos as nosas expectativas ao ter nas maos un verdadeiro ensaio que usa dunha óptica ben distante da que, por exemplo, se desprende daquel Cancioneiro Oencia e contorna de X.L. Foxo e que, habendo aínda camiño por andar, significa un punto e aparte sobre o que ata o de agora se viña publicando no mundo da gaita no Bierzo. Quixeramos dun xeito inxel e sinxelo, sen excesiva argumentación pois, poñer branco sobre negro algúas das nosas análises iniciais, primeiras sensaciois sobre esta investigación e a súa transcendencia aplaudindo a filosofía e, claro está, o rigor que, en xeral, se aplica ao conxunto da xenerosa serie de datos que se manexan.
O maior
catálogo de gaiteiros tradicionais do Bierzo e da Cabreira
Destaquemos como
máis significativos, dous dos grandes acertos e aportaciois que Diego Bello
realiza: O extenso inventario de gaiteiros da comarca do Bierzo e da Cabreira,
así como a análise do repertorio destes gaiteiros. En ambos casos cuida o
detalle e procura afondar ata onde puido iluminado por un coñecemento o máis
directo posible da información que reúne. Esta singularidaridade, por forza e
lamentablemente, estando como estamos á altura do século XXI, realza o esforzo extraordinario realizado,
dada a case total desaparición das últimas xeraciois de gaiteiros tradicionais,
esas que non viviron o que podemos denominar o boom da gaita dos anos 80 que
medrou en parello á difusión de festivais do mundo Celta, as bandas de gaitas e
demais produtos de recente creación. Fronte
a esta fortaleza o traballo resíntese
desa falta de efervescencia e frescura sendo testemuña do declive destas
últimas décadas do mundo da música popular de raíz. As limitaciois que implican
abordar este tema pasado o ano 2000, son resoltas con destreza indagando en
fontes documentais e outros traballos para ofrecer unha idea de conxunto
notable e publicar o maior catálogo de
gaiteiros tradicionais para estas dúas comarcas, un obxectivo envexable que nos marcaramos
Gonzalo Bóveda e mais eu nos anos 90 na propia Escola de Gaitas e que, dalgún
xeito, vemos culminado na autoría de Diego Bello. O autor, intelixentemente,
foxe da exhaustividade á que outros renunciamos hai tempo, pero á vez, fruito
dun bon traballo consegue un excelente resultado. Subliñamos como excelente o
que se coloca como modelo, os gaiteiros do Concello de Trabadelo, aínda que
tampouco se quede atrás a cata realizada para o conxunto de concellos da
Cabreira.
No tocante ao repertorio creo que foi pouco ambicioso e é menos brillante do que nos esperabamos. Trátase dun tema arduo que con criterio óptimo incorpora os sons dos informantes. Os audios verdadeiro cabalo de batalla ao que se enfronta á hora de asentar como é debido unha empresa destas características do que temos que dicir sae ben parado e cremos que con certa cautela evita ser xeneroso en exceso, reservando (permítasenos a metáfora) parte do material pirotécnico para a seguinte festa, á que parece evocar sen citar mesmo se se observa o título da obra.
Algo
que podería mellorarse
Reparemos agora nalgunha cousa que non nos gustou, Insistimos, nesta primeira e impetuosa lectura, e que, en gran medida, cremos que non depende do propio Diego. Este libro ve a luz grazas a ter acadado un premio (o Premio de investigación Antonio Estévez na súa segunda edición ano 2016). Cremos que este publicación precisaba outro trato, con maior personalidade que non soubo ver a institución que o edita, o Instituto de Estudos Bercianos que prefire abaratar custes xuntando varios textos nun só exemplar, os premios de varias ediciois, en lugar de darlle a dimensión que corresponde e o percorrido que precisa seguramente tanto este, como os outros textos premiados. Unha evidencia do que estamos a dicir é que se presenten en formato dixital capítulos enteiros non pouco esenciais ( como o mesmo inventario de gaiteiros entre eles). O disco cos anexos debería ser o espazo exclusivo para audios e vídeos. O anómalo resulta a publicación dixital dunha gran parte de textos e fotografías que enriquecerían a todas luces unha edición en exclusiva deste ensaio.
A modo
de conclusión: Saber beber das fontes
Diego coñece a
diferenza de beber, sen máis, e de saber
beber das fontes e isto constitúe outro dos valores desta Aproximación.... Enfatízase, cousa que é de agradecer, o noso
papel de vangarda no estudo do mundo da gaita no Bierzo, algo que outros
esquecen, pero do que Diego non renega. Gustounos comprobar que o noso labor, o
da Escola de Gaitas de Vilafranca se recoñece directa e indirectamente en
cantidade de aspectos, matizando, complementando ou establecendo criterios
diferentes. Pensamos por iso que Diego desaproveitou a nosa proximidade para
contrastar abertamente con nós cuestiois que deberiamos abordar. Entendemos que o fai consciente da certa carga
de prexuízos que suporía ter que reconsiderar e a necesidade da procura dunha independencia no discurso, que, de
todos os xeitos, non hai quen poida cuestionala. O certo é que estamos
traballando no mesmo campo e ao igual que Luis Mondelo ou Pablo Carpintero e
tantos outros, procurar a conversa fluída no mundo da gaita no Bierzo
resultaría realmente gratificante e feraz para seguir dando pasos.
Rematamos, polo de
agora, este noso primeiro achegamento, volvendo a incidir no transcendente e
imprescindible valor desta Aproximación.... para poder coñecer mellor aos
gaiteiros do país e co contento de poder contar con este bon traballo para
poder seguir avanzando con pé firme na posta en valor da nosa cultura
tradicional.
CONTINUARÁ