viernes, 7 de enero de 2022

Petitorios e ciclos festivos

Imos realizar  un breve apuntamento, unha pequena viaxe, e á vez unha interesante reflexión sobre os petitorios que se presentan de xeito continuado en distintos momentos no calendario de tradiciois anuais. Realmente é unha fórmula de socialización activa que solicita a cambio do canto un donativo, está intimamente asociado ao carácter participativo e activo da festa  polo que o vemos nos aguinaldos, nas comparsas de entroido, nos maios... Logo se produce a reiteración das fórmulas seguindo un esquema básico acorde coas regras esenciais da oralidade que fai que, a pesar dos centos de variantes existentes, vexamos notables coincidencias sobre todo se nos fixamos  na estrutura  e,  como non, as semellanzas parciais ou totais derivadas da proximidade dos territorios.  Fixémonos nun caso que xa hai tempo nos chamou á atención os petitorios de tradición oral do Cebreiro e do Bierzo.    

Foto do xornal O Progreso de Lugo

Falemos en primeiro lugar dos petitorios do aguinaldo que atopamos no Canto de Reis/Reises  do Cebreiro. Na fermosa e colorista versión que colgamos máis arriba do magnífico músico e instrumentista Pancho Álvarez podemos escuitar e distinguir perfectamente os dous propios dun petitorio: As peticiois iniciais e os agradecementos, cuando se daba algo ou mesmo insultos, vituperios  posteriores, se non se daba nada:

PETICIOIS:

Día de Reis, Día de Reis

primeira festa do ano

entre damas e doncelas,

vimos pedi-lo aguinaldo


Se queren da-lo aguinaldo

non nos fagan agardare

somos de lonxanas terras

temos muito que andare.


Ese señor, Don Luis,

muito lle pinta a chaqueta

meta a mao no seu bolsillo

e tíreme unha peseta.


 COPLA  DE AGRADECEMENTO: 

Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.


COPLA DE AGRAVIO

Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas

Estas coplas que escolleu Pancho Álvarez foron recollidas xunto coa melodía tradicional por Mini e Mero segundo se cita no  CD titulado Cantigas de Nadal que se editou por Do FoL EdiCións no ano 1998.

Na rede podemos documentar algo máis a partir do recollido polo equipo de investigación do Apalpador da Genthalha do Pichel gravado no lugar de Cileir, O Cebreiro (2011). Atopamos a Amadora, unha veciña dunha aldea do Ceberiro falando dos Reis e da Carantoña, o cal nos fai pensar que o Ciclo de Nadal realmente agocha unha forte corrente de tradiciois que no inverno tentan preparar unha boa entrada da primavera, algo que logo no calendario foi denominado Entroido, que normalmente se asocia ás máscaras e a este tipo de encontros con petitorios polas aldeas adiante. O antropólogo Lisón Tolosana documenta xa muito antes esta práctica no seu libro Antropoloxía Cultural de Galicia. 


Pois ben, pasemos finalmente ao Bierzo e ao mes de maio. Na Festa do Maio que se conserva en Vilafranca volvemos atopar petitorios onde se piden castañas e vemos como se reiteran entre outras coplas unhas idénticas ás de agradecemento e agravio que reproducimos máis arriba.  A funcionalidade é a mesma, pero o ciclo é distinto xa que neste caso se celebra a entrada da primavera.

Este maio, señora é,

este maio andaba de pé.


Tire castañas, Señora Manuela, 

Tire castañas cas tein na mantela.


Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero.


Estas portas son de estopa

eiquí vive un lapasopas.

 Rematamos por hoxe, non sen dicir que puideramos seguir atopando en lugares máis distantes neste tipo de manifestaciois do nosos patrimonio unha morea de coplas mui semellantes a estas como temos comentado xa nalgún outro texto. Máis adiante prometemos seguir tirando deste fío.