lunes, 23 de diciembre de 2019

Un gaiteiro na Basílica da Encina

Escena do Nacemento, Basílica da Encina (Ponferrada). Foto cedida por Miguel J. García González

Imos comezar este breve apuntamento da iconografía da gaita no retablo da Basílica da Encina de Ponferrada comentando que se descoñece quen é o/a autor (ou os autores) deste relevo algo que, de saberse, contribuiría posiblemente a unha argumentación máis completa das razois que levaron á colocación deste singular gaiteiro nunha escena relixiosa do Nacemento do Neno Deus. Mais non por iso deixaremos de indicar un par de argumentos ben sólidos.

 A semellenza casual entre o nome de Galicia co de Galilea serviu como pretexto, entre outras cousas, para que a iconografía relixiosa hispánica atopase un motivo para incluír nos nacementos a personaxes típicos galegos, pastores con frecuencia. Estes viñan sendo, dentro da xeografía peninsular, os máis acaídos para actualizar as figuras daqueles pastores de Belén que disque foron os primeiros en adorar ao Neno Xesús. Sabido é que os pastores galegos eran daquela (seguírono sendo ata ben entrado o século XX) músicos populares tradicionais. De aí que non sexa tan estraño atoparse a un gaiteiro na representación do Nacemento do fermoso Retablo da Basílica da Encina en Ponferrada que data do século XVII.

A aparición dun gaiteiro neste retablo pode responder a varias causas, ademais de que o Bierzo é un territorio onde a gaita é un instrumento tradicional. Unha principal no nosa humilde opinión é a temática do Nacemento. O noso gaiteiro representaría, ademais do simbólico sonoro da alegría pola epifanía que evocaría a gaita,  a figura da adoración do pastor, do popular e humilde que se achega ao portal.

Non podemos esquecer que nos séculos XVII e XVIII houbo unha moda que permitiu entre as catedrais da nosa península unha extraordinaria difusión do vilancico de Nadal en lingua galega, moda grazas a cal conservamos unha chea de pezas en galego desa época, non só nas catedrais de Santiago ou Mondoñedo, tamén nas de Lisboa, Coimbra, Valladolid, Zaragoza ou Toledo.

Ay cómo suena, mas ay cómo suena,
al ton torontón la Gayta galega:
Bailar, ey tocar, saltar, y brincar,
al ton torontón, y al tan tarantán1
                                     
 1-Villancicos políglotas en la colección de la Catedral de Toledo; personajes y tipos, R. Javier Moreno Abad.

* Vexamos  un exemplo de supervivencia destes vilancicos como rexistrou Alan Lomax no ano 1952 en Trujillo, Cáceres

martes, 24 de septiembre de 2019

jueves, 5 de septiembre de 2019

Recuperando un antigo comunicado para a reflexión

Faro de Vigo 22-4-2005

No mes de abril de 2006, xa choveu, a Escola de Gaitas de Vilafranca facía público un comunicado con motivo da celebración en Ponferrada por vez primeira da Liga de gaitas organizada pola Real Banda da Deputación de Ourense. Trece anos despois recuperamos este documento para que cada quen pense se, despois de pasado algún tempo daquel evento, as cousas seguen igual, melloraron ou empeoraron para a música tradicional da gaita na nosa comarca.

Un xornal de Vigo por aquelas datas propoñía aos seus lectores o seguinte exercicio de reflexión: Atopar as oito diferenzas entre o gaiteiro tradicional galego e o da Real Banda. Lamentablemente a día de hoxe podemos invitar a realizar esta experiencia comparativa no mundo da gaita no Bierzo para comprobar como se instalou na nosa comarca esa visión pouco respectuosa coa música tradicional.


Comunicado da Escola de Gaitas de 7 de abril do 2006

AS FALSAS APARIENCIAS CONTRA O LEGADO TRADICIONAL

            Parece ser que uns 3000 “vistosos” gaiteiros desfilarán polas rúas de Ponferrada. E por aquilo do que din da gaita, alguén pensará que isto é unha manifestación poderosa de música tradicional. Preguntámonos dende cando foi tradicional no Bierzo, en Galicia ou Asturias unha gaita de tres roncos sobre o ombro, un tambor premier metálico de parches de plástico, un bombo tocado con dúas mazas ou un traxe de home con faldas ao máis puro estilo escocés. Así é como se presentará con ese aire militar que a caracteriza a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense organizadora da Liga galega de Bandas de Gaitas que se vai realizar na cidade do Bierzo antes citada o próximo día 9.

Os vellos gaiteiros, os nosos, os do país non se sentirán identificados con eses aparentes gaiteiros, nunca verán ese desfile como algo representativo da tradición. Pero aínda hai algo máis grave e oculto que é que este espectáculo está costeado por cartos públicos que en teoría deberían ir destinados á recuperación e difusión da música tradicional. Por todo iso, a Escola de Gaitas de Vilafranca vese obrigada a declarar non grata no Bierzo esta invasión de gaiteiros tipo escocés. Temos, pois,  o deber moral de denunciar publicamente este engano como portador dunha deformación, consciente e consentida, da tradición e da nosa identidade,  e manifestar o noso desagrado ante esta moda que dende hai uns anos supón un intento de aculturización e homoxenización da nosa cultura musical.

Observamos con tristeza como este modelo está sendo exportado desde Ourense a territorios cunha longa tradición gaiteiril como son Asturias e o Bierzo, marxinando a figura tradicional do gaiteiro solista e da súa gaita, esa que non ten tres roncos sobre o ombro.  Muitos dos ninos e nenas que aprenden a tocar nas bandas recentemente creadas no Bierzo a imitación da de Ourense, coñecen á perfección e por imposición das regras desa Liga de Bandas de Gaitas a dixitación da gaita escocesa ou a forma de tocar o tambor premier e o bombo con dúas mazas. Tamén repiten unha e outra vez os modos de desfilar con disciplina muito antes de identificar o que é unha muliñeira de Ancares ou saber interpretar coa dixitación, cadencias autóctonas e co sabor propio unha peza calquera do repertorio dos abundantes gaiteiros do país (referímonos a Domiciano de Balboa, a Isidro de Soutelo, a Emilio de Vilar de Aceiro, a Pepe Pincha de Vilafranca ou a Amadeo dos Albaredos e tantos e tantos outros).
Banda de gaitas con instrumentación allea á nosa tradición


















 É unha mágoa que chegase ata nós no século XXI un legado tradicional,  noutros tempos marxinado por ser popular e anónimo, e que agora, cuando é posible dignificalo, volvamos a marxinalo para introducir no seu lugar algo alleo e aculturizador, algo espectacular e grandioso, como por autoodio e vergonza do noso, do que nos identifica, como se non fose grandiosa a nosa riqueza folclórica da que nosoutros si nos sentimos orgullosos.
Unha tocata da Escola de gaitas en Teixedo de Ancares
e no seguinte vídeo unha alborada en Teixeira.



















No contexto de abandono do rural, ese espazo que conservou ata hoxe outras dinámicas, menos numerosas seguramente, pero máis sensibles coa variedade e a diversidade propia do folclore popular,  esta moda  exportada e interesada contribúe claramente á dexeneración  e o desarraigo importando modelos foráneos, alonxando ás novas xeraciois de gaiteiros non só da instrumentación tradicional, senón das formas de tocar, sons e técnicas propias que son sustituidas ou alteradas por outras nunca usadas. Créanse así  asociaciois masificadas onde non se cultiva o gaiteiro solista, e se valoran resultados aparentes tan distantes do festivo gaiteiro do país como a seriedade e rixidez do corpo á hora de interpretar un tipo de pezas alegres que, como as muiñeiras ou as xotas, naceron, como todo o mundo sabe, para ser bailadas.

Nós como asociación cultural que somos non estamos en contra do movemento asociativo, ese que pode que exista tras estas bandas de gaitas, nin tampouco estamos pechados á diversidade cultural, artística e musical, pero si estamos rotudamente en contra de que se nos queira dar “gato por lebre”, é dicir, facer crer que este tipo de formaciois defenden a música tradicional e o que máis nos ofende é que a Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense estea recibindo cartos públicos que en teoría deberían ser destinados para o apoio da música da gaita galega e se nos venda, nunca mellor dito, un produto alleo como propio.

Dende o seu nacemento, hai xa case 25 anos, como é ben sabido por todos os bercianos,  a Escola de Gaitas de Vilafranca, a primeira formación deste tipo nacida no Bierzo,  buscou a súa liña de traballo sen ningún tipo de imposición e fixo acopio dos repertorios dos gaiteiros tradicionais do Bierzo, marcou así a súa filosofía de compromiso de recuperación da música tradicional como ten amosado en diferentes actuaciois e eventos como o Congreso de Folclore Berciano (convocado nos anos 90 polo Instituto Estudios Bercianos) ou o Encontro de Gaiteiros tradicionais e a da gravación do mesmo no seu X aniversario, xusto cuando nacía a Real Banda. A Asociación de Gaiteiros Galegos, asociación  á que pertencemos, a máis representativa do mundo da gaita galega,  vén  tamén facendo esta mesma denuncia.

Preguntámonos se detrás desta espectacular parafernalia de centos de gaiteiros non haberá unha rede clientelar que é a que potencia este tipo de eventos que lonxe de ser un concurso musical, fixa a súa atención nas formas de desfilar dos grupos e cousas polo estilo. Por todo iso reclamamos ás instituciois que acollen este evento que poñan máis atención e máis cuidado nos nosos valores culturais e non se deixen embaucar polas falsas apariencias que lonxe de ser símbolo de vigor cultural son evidencia do contrario, do confusionismo e da involución da cultura, por non dicir da falta de cultura.
Real Banda da Deputación de Ourense
Unha actuación recente da Escola de gaitas nas festas patronais de Vilafranca

O Bierzo non debe dobregarse a este atropelo identitario ao que nos queren sumar con este desembarco de centos de gaiteiros tipo escocés. Os bercianos somos amigos das tradiciois, estamos orgullosos da nosa identidade e deses símbolos que nos confiren personalidade propia, como son a gaita de sempre é a música tradicional. A Real Banda nunca fixo nada serio porque con eses cartos públicos que lle outorga  a Deputación  de Ourense se coñezan aos nosos vellos gaiteiros e se estuden con rigor os seus repertorios, pero si parece estar interesado na distribución en grandes cantidades  de gaitas, percusión e vestiario todos regrados polo mesmo patrón que non son  tradicionais. O Bierzo precisaría un Conservatorio de Música Tradicional, non dunha grande Liga de Bandas de Gaitas. O Bierzo precisa unha posta en valor do seu patrimonio musical e dos seus instrumentos tradicionais, pero non así. A Escola de Gaitas como colectivo comprometido coa tradición e conscientes do legado dos gaiteiros maiores, consecuentes coa nosa humilde experiencia transmisora do patrimonio musical tradicional,  fai pois un chamamento aos bercianos para que se deixen aconsellar por aquel refrán popular que di que “as apariencias enganan”.

Héctor M. Silveiro Fernández, como presidente da ESCOLA DE GAITAS de VILAFRANCA DO BIERZO 



Este comunicado aínda se pode consultar na rede en  miradas3, na páxina da Asociación de Gaiteiros Galegos.

domingo, 28 de julio de 2019

Gaitas e paisaxe por Pablo Carpintero

O estudoso da gaita Pablo Carpintero pon sobre a mesa unha serie de datos para tirar certas conclusiois que poñen en íntima relación á paisaxe coa feitura das gaitas entre outras cousas interesantes. Traballa con datos das gaitas vellas atopadas polo que lamentablemente non aporta datos relativos ao caso do Bierzo dos que non coñece un número  determinante de gaitas testemuña que lle permitan establecer conclusiois. En todo caso podemos escuitar as ideas que dá sobre comarcas e zonas veciñas realmente curiosas e dignas de coñecer. Graciñas a Asociación de Gaiteiros Galegos e ao propio Pablo Carpintero.