miércoles, 25 de marzo de 2020

A ESCOLA DE GAITAS NO BOLETÍN Nª 0 DA ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS (1990)

A Asociación de Gaiteiros Galegos acaba de colgar na rede distintas publicaciois realizadas pola mesma entre as que quixemos destacar aquel número 0 do boletín editado no ano 1990 que incluía un traballo noso.

Pódese consultar neste enlace da AGG

Trátase dun artigo que tenta recoller unha panorámica da gaita no Bierzo Occidental, nos denominados lindeiros da galeguidade como reza no título.

Este texto tiña a intención de manifestar a nosa relación dende o comezo da súa existencia coa Asociación de Gaiteiros Galegos,  relación que nace da natural pertenza ao campo cultural de Galicia a pesar de estar fóra da Comunidade administrativa, unha reivindicación que foi ben asimilada e aplaudida pola Asociación como proba evidentemente a inclusión do noso traballiño neste  Boletín número 0 co que se poñía a andar a entidade na que vimos participando na medida das nosas posibilidades dende aquela data.





martes, 24 de marzo de 2020

28 ANOS SEN RICARDO PORTELA: FALANDO DO SEU LEGADO

Para quen coñeceu a Ricardo Portela en persoa entenderá perfectamente o título co que honramos hoxe a súa memoria. Era un home entusiasta, alegre e rigoroso, desprendía simpatía polo seu carácter afable e falangueiro, moi efusivo coas maos e acenos para subliñar cada cousa que dícia. Sempre falaba en público con fondo sentimento e claridade, ao pan, pan e ao viño, viño. En privado gustaba das bromas e das anécdotas. Pero o máis importante que nos legou foron dúas cousas: un estilo e unha forma de interpretar a gaita singular e un tremendo esforzo por dignificar a música tradicional que o levou á presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos. Ambos son o seu legado do que en boa medida todos nós, os gaiteiros de hoxe, somos herdeiros. Herdanza sobre a que en último termo quixeramos hoxe reflexionar.

O estilo, o xeito de tocar pechado (clave da súa actual recuperación)  e ata o repertorio de Ricardo Portela son claramente identificables e, en gran medida, referenciais, aínda que, temos que puntualizar tamén,  non de todo irrepetibles. Os Irmáns Portela foi unha formación que viviu e tocou nos anos 60 ata os 90, pero Ricardo xa tocara de novo, seu pai tamén era gaiteiro e acordeonista. Ricardo naceu no ano 1920 en Viascón, Cotobade (Pontevedra).  Formaría o seu primeiro grupo nos anos 30 en Vigo a onde se trasladara e residía a súa familia daquela, chegando a coincidir tocando cos famosos Gaiteiros de Soutelo. A guerra do 36 truncou o porvir daquel grupo e provocou un longo silencio de máis dunha década  na vida musical de Ricardo. Tras facerse cunha nova gaita, volvería a  tocar, pero como moita xente tipo que emigrar a Venezuela onde soaría a gaita con frecuencia. Mais  nos anos 60, de volta en Galicia veremos emerxer e asentar un gaiteiro perfeccionista. É o rexurdir con forza dos Irmáns Portela que gravaron varios discos e cuxas cassettes fixéronos moi populares. O toque pechado, un repertorio da zona de Visacón recuperado son marcas que fan del unha referencia coa volta á Democracia e o agromar do asociacionismo cultural que o vai levar a participar decididamente  na creación  da Asociación de Gaiteiros Galegos da que vai ser elixido seu primeiro Presidente.


O orgullo que transfería ao feito de tocar a gaita en público é outra das súas facetas máis destacables. Viñamos dunha marxinación secular da figura do gaiteiro que esixía un cambio radical que el protagonizou ata o punto de non tocar nunha festa se non aparecían na publicidade da mesma o nome do gaiteiro en pé de igualdade co de calquera outro grupo ou orquestra. Un proceso de dignificación que atopou tamén na Asociación de Gaiteiros Galegos a súa defensa máis xenuína e eficaz.

O legado de Portela ten logo un valor substancial e indiscutible para o lugar que ocupa a día de hoxe, pero debemos tamén  analizar varias consecuencias do pulo que a súa presenza e herdanza trouxeron para a música tradicional galega.  Portela foi un referente a imitar nun momento en que a enorme riqueza e variedade do noso folclore aínda estaba para a meirande parte da sociedade por descubrir, ademais de vivir unha circunstancia na que os medios de reprodución e gravación produciron un cambio revulsivo para unha grande parte de mozos e mozas interesados pola súa cultura, que coñeceron a través das gravaciois de grupos como or Irmáns Portela.  Cuando naceu a Escola de gaitas esta era unha das fontes das que bebían o Colectivo Paseniño, un dos xermolos do que é hoxe Treixadura.

Aquela precariedade da que se partía levou a un gran número de grupos novos a copiar e repetir de xeito máis ou menos afortunado aquilo ao que tiñan acceso,  aquel xeito de tocar, aquel repertorio que os Irmáns Portela significaban con todo o que isto ten de bo e con todo o que ten de malo.  Por unha banda, foi moi positivo, deu paso a grandes gaiteiros cunha formación rigorosa e unha filosofía do mundo da gaita capaz e poderosa, pero pola outra afondou, polo menos durante unha longa década, a enorme distancia que xa habia daquela coa variedade e riqueza que caracteriza a música popular galega e que vivía soterrada pola decadencia inexorable do mundo rural tradicional, esa que o mesmo Franquismo cultural incenciaba, a pesar da volta da democracia. Perpetuándose así a fórmula de marxinalidade e ignorancia meirande desta parte do folclore  para as novas xeraciois de gaiteiros/as.

Hoxe con perspectiva temos logo que poñer en valor todo o transcendental legado de Ricardo Portela, sen deixar de evidenciar que, sen lugar a dúbidas el mesmo relegaría dunha uniformidade e falta de diversidade que aínda están por chegar e encher con plenitude o panorama actual do mundo da gaita e da música tradicional galega. Lembremos que esa tendencia á uniformidade, o bo facer de Ricardo Portela non foi quen de detela. Esa visión do mundo da gaita á que non lle custou nada reproducir en certo modo unha visión propia do Franquismo, prosperou e maniféstase como un insulto á intelixencia hoxe en fenómenos como as Bandas de Gaitas que camiñan a anos luz da propia tradición.


domingo, 15 de marzo de 2020

Os gaiteiros en Antonio Fernández Morales: Xan, o gaiteiro de Sorribas (I)


O gaiteiro de Sorribas de seren un personaxe real, que non temos por que pensar que non o fose, chegou a nós grazas a un longo poema que como todo texto literario pode ser fruito da invención do seu autor. Mais Antonio Fernández Morales nos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861) quixo facer un retrato fiel da lingua e costumes da nosa comarca. Os filólogos así o constatan e son numerosos os estudosos de etnografía que botan mao dos datos que nos ofrecen os versos do poeta como fidedignos. Logo, por que imos dubidar de que en verdade existise Xan, o gaiteiro de Sorribas? Vexamos como nolo presenta o autor:

NA VOLTA DA SEGA
O gaiteiro de Sorribas
i o capador de Magaz,
se atoparon no camiño;
¡primo aiquí! ¡primo aculá!

O primeiro con seu fillo
i o segundo con dous máis,
viñan de aló das Castillas
onde foran a segar;
pois non solo son galegos
os cuarenta mil e máis,
que todos, todos os anos
a facer a sega van,
sinón que tamén do Bierzo
tein estilo de viaxar
co mesmo fin, dez ou doce,
máis que agudos folgazais,
entre os que facer debemos
aiquí mención especial
do gaiteiro de Sorribas
i o capador de Magaz.
………………………
CAPADOR:¿ E como che vay, parente?
GAITEIRO: Parente, ¿como che vay?
CAPADOR: A min ben, ¿ y a ti, meu primo?
GAITEIRO: Ay, meu primo, a min ben mal.
CAPADOR: ¿ E logo?
GAITEIRO: –  Logo roubáronme.
CAPADOR:-¿ Os ladrois?
GAITEIRO: - Claro está.
CAPADOR: -¿A ti solo?
GAITEIRO: – Y a cuadrilla
 q´ayer deixamos atrás
eu y o fillo.
CAPADOR:– ¿Y eran muitos?
GAITEIRO: Eran polo corto un par.
CAPADOR: - Entonces ya non me pasma
que vos puderan roubar,
 viaxando a cuadrilla sola
 y eles sendo dous ou máis.
Pero ¿ onde tiñas os cuartos?
GAITEIRO:-No farraco.  
CAPADOR: - ¡Borrican!
sete veces os garduños
me saliron e jamás
puderon a min roubarme.
GAITEIRO: ¿ e logo tu, como fais?
CAPADOR: Logo as engulo.
GAITEIRO: – Fais mal;
¿e si para botalas fora
un entripado che dá?
CAPADOR: Sufro e calo; peor fora
 que, como a ti, un garduñán
m´as ripase.
GAITEIRO: – ¿ Y en seguida?
CAPADOR: En seguida q´o que pan
foy boto fóra, c´os dedos
me poño listo a escarbar…
GAITEIRO: ¿ E che fará bon estómago
as coronillas cabais
       atopar.
CAPADOR: - Claro
GAITEIRO:– ¿ E despois?
     CAPADOR : Despois as volvo a tragar.
GAITEIRO: Bon proveito; non da o demo
n´artimaña que tu dás;
nin Merlín sabe máis cencia
q´a que deprendiche.
CAPADOR: – Ay  Xan?;
Fala quedo.
GAITEIRO: – Pois?.
CAPADOR: – Recordo
q´os ladrois vecindá
en Madri tein, onde as cordas
 d´ese tilégrafo van,
 e todo o q´aiquí parlamos
                e poden aílí escuitar.
------------------------------------------
Chegaron presto a unha ponte
i o capador de Magaz
parouse e dixo: “Sentémonos,
pois é hora, aiquí a xantar.”
Entonces gaiteiro e fillo,
o capador e os dous máis,
quitando os fatos das costas,
sentáronse a comer pan
cunhas boas rebanadas
de toucín crudo, que traen
inda do que das súas casas
sacaron pra ir a segar.
Despois da andorga ben chea,
ca cabeza cada cual
no seu fato, tripa arriba
tendéronse a descansar,
quedando a pouco dormidos
en gracia de Dios e en paz.
Unha hora larga estuveron
na ponte roncando ben,
Cadro de Primitivo Armesto
hasta que ia despertando
o gaiteiro, berrou: “Ei;
levantaivos que inda hoi temos
que andar dúas leguas ou tres.”

………………………………

Despois de muitos discursos
sobre a mellor moda de ir
a catar o fato ó río,
conviñéronse por fin
en que o gaiteiro colgao
se puxese do pretil
da ponte, e logo baixando
por seu carreñouzo Luís,
das dedas se lle colgase:
que outro logo, de cuadril
en cuadril baixando ós peis
de Luís, quedase ailí
colgao deles; que dos deste
se colgase outro, e por fin
que o colgallo arrematase
o capador, que a cerviz
logo debía no río
amergullando fundir,
pra sacar preso nos dentes
o fato do seu sobrín.
Ia colgaos unhos de outros
cuatro estaban, e de Luís
polo carrelo baixando
o capador, cuando oír
deixouse a voz do gaiteiro
que agarrao do pretil,
lles berraba: —Ia non podo
tanto peso resistir...
Os brazos ia se me esgazan;
me troncho polos cuadrís,
i as maos vánseme esvarando
polas pedras do pretil
—Descansa un pouco. (Berroulle
o capador) ¿Tu ois? —Sín.
—Pra non esvarar, nas maos
podes en tanto cuspir
i arrestregalas. —Razón
teis que che sobra; inda a min
o demo non me soplara
unha idea tan feliz.
Ó punto, pra descansar
un pouco, e logo cuspir
nas maos e arrestregalas,
apartouas do pretil,
e pegando unha zoupada
todos fóronse a sumir
aló no fondo do río
cos paos e o fato de Luís.
……………………………..
Contan que daquel naufragio
libráronse solo dous,
anque cos coiros maceaos
o mesmo ou máis que un zurrón,
Luís foi un, que clavar pudo
as uñas nunhos lastrois,
i o gaiteiro navegando
na inflada gaita de fol.
Contan tamén que ós tres días
do río o recio cachón,
cual botos inchaos, na arena
outro par deles botou.
E contan, por fin, que un ano
correu, porque quixo Dios,
sin que soupese ningún
qué fora do capador.

 A incrible peripecia  do noso gaiteiro é ficción claro está, pero iso non imposibilita a existencia destes personaxes, sen dúbida, humildes e inocentes, obxecto desta cruel sátira social que retrata tres realidades evidentes para Antonio Fernández Morales:

1ª- Como  muitos galegos e bercianos facían uso dun traballo temporal como era o da sega en Castela.
.
2ª Como unha chea de homes contemporizaban este labor da sega en Castela con outro oficio (o de gaiteiro ou capador) noutros momentos do calendario anual que desenvolvían na súa aldea e contorna.

  Como estas xentes renegan do Progreso que descoñecen e mesmo na súa ignorancia o critican.  Lembremos a este respecto o que di o capador:

—Dende que a clas liberal
quitou os frades, o mundo
cheo de bruxas está.
Cuando eu era realista
tiña a bruxería máis
vergoña; de noite andaba,
pero de día jamás.


Logo o oficio de gaiteiro no XIX, tamén en boa parte do XX, non era un oficio que dera muito carto, era unha ocupación complementaria na aldea, aínda que iso si, suficientemente diferenciada e claramente identificable como tal, pois o noso personaxe case sempre é denominado gaiteiro e só unha vez se usa o seu nome propio, Xan.

En canto ao instrumento denomínase gaita de fol por diferenciar con claridade o tipo de gaita ao que facemos referencia. Cítase unha soa vez con carácter metonímico, para destacar ademais o valor do fol inchado (a parte polo todo) que impide,  a modo de salvavidas, o afogamento do noso gaiteiro no mar.  O ton humorístico parateatral semellante á comedia,  cobra logo un carácter simbólico á hora de describir a este antiheroe popular como representante daquela masa de labregos de clase baixa.