O estilo, o xeito de tocar pechado (clave da súa actual recuperación) e ata o repertorio de Ricardo Portela son claramente identificables e, en gran medida, referenciais, aínda que, temos que puntualizar tamén, non de todo irrepetibles. Os Irmáns Portela foi unha formación que viviu e tocou nos anos 60 ata os 90, pero Ricardo xa tocara de novo, seu pai tamén era gaiteiro e acordeonista. Ricardo naceu no ano 1920 en Viascón, Cotobade (Pontevedra). Formaría o seu primeiro grupo nos anos 30 en Vigo a onde se trasladara e residía a súa familia daquela, chegando a coincidir tocando cos famosos Gaiteiros de Soutelo. A guerra do 36 truncou o porvir daquel grupo e provocou un longo silencio de máis dunha década na vida musical de Ricardo. Tras facerse cunha nova gaita, volvería a tocar, pero como moita xente tipo que emigrar a Venezuela onde soaría a gaita con frecuencia. Mais nos anos 60, de volta en Galicia veremos emerxer e asentar un gaiteiro perfeccionista. É o rexurdir con forza dos Irmáns Portela que gravaron varios discos e cuxas cassettes fixéronos moi populares. O toque pechado, un repertorio da zona de Visacón recuperado son marcas que fan del unha referencia coa volta á Democracia e o agromar do asociacionismo cultural que o vai levar a participar decididamente na creación da Asociación de Gaiteiros Galegos da que vai ser elixido seu primeiro Presidente.
O orgullo que transfería ao feito de tocar a gaita en público é outra das súas facetas máis destacables. Viñamos dunha marxinación secular da figura do gaiteiro que esixía un cambio radical que el protagonizou ata o punto de non tocar nunha festa se non aparecían na publicidade da mesma o nome do gaiteiro en pé de igualdade co de calquera outro grupo ou orquestra. Un proceso de dignificación que atopou tamén na Asociación de Gaiteiros Galegos a súa defensa máis xenuína e eficaz.
O legado de Portela ten logo un valor substancial e indiscutible para o lugar que ocupa a día de hoxe, pero debemos tamén analizar varias consecuencias do pulo que a súa presenza e herdanza trouxeron para a música tradicional galega. Portela foi un referente a imitar nun momento en que a enorme riqueza e variedade do noso folclore aínda estaba para a meirande parte da sociedade por descubrir, ademais de vivir unha circunstancia na que os medios de reprodución e gravación produciron un cambio revulsivo para unha grande parte de mozos e mozas interesados pola súa cultura, que coñeceron a través das gravaciois de grupos como or Irmáns Portela. Cuando naceu a Escola de gaitas esta era unha das fontes das que bebían o Colectivo Paseniño, un dos xermolos do que é hoxe Treixadura.

Hoxe con perspectiva temos logo que poñer en valor todo o transcendental legado de Ricardo Portela, sen deixar de evidenciar que, sen lugar a dúbidas el mesmo relegaría dunha uniformidade e falta de diversidade que aínda están por chegar e encher con plenitude o panorama actual do mundo da gaita e da música tradicional galega. Lembremos que esa tendencia á uniformidade, o bo facer de Ricardo Portela non foi quen de detela. Esa visión do mundo da gaita á que non lle custou nada reproducir en certo modo unha visión propia do Franquismo, prosperou e maniféstase como un insulto á intelixencia hoxe en fenómenos como as Bandas de Gaitas que camiñan a anos luz da propia tradición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario