miércoles, 23 de diciembre de 2020

PRIMEIRA LECTURA: APROXIMACIÓN A LA GAITA Y SU USO EN EL BIERZO Y CABRERA


Parabéns Diego e graciñas

Ao rematar unha primeira lectura da Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera de Diego Bello Fernández, quixeramos facer unha primeira valoración dun xeito áxil, quizais algo precipitado, pero tendo pendente outras máis detalladas e sosegadas relecturas. Debemos felicitar sinceramente por este traballo ao seu autor porque realmente supón un decidido paso adiante no coñecemento dos gaiteiros do país,  á vez manifestar publicamente un duplo agradecemento, por unha banda pola relevancia que isto ten para nós como bercianos e amantes da cultura e pola outra por consideralo dalgún xeito continuador do camín emprendido pola Escola de Gaitas no ano 1981. Confirmamos as nosas expectativas ao ter nas maos un verdadeiro ensaio que usa dunha óptica ben distante da que, por exemplo, se desprende daquel Cancioneiro Oencia e contorna  de X.L. Foxo  e que, habendo aínda camiño por andar, significa un punto e aparte sobre o que ata o de agora se viña publicando no mundo da gaita no Bierzo. Quixeramos dun xeito inxel e sinxelo, sen excesiva argumentación pois, poñer branco sobre negro algúas das nosas análises iniciais, primeiras sensaciois sobre esta investigación e a súa transcendencia aplaudindo a filosofía  e,  claro está, o rigor que, en xeral, se aplica ao conxunto da xenerosa serie de datos que se manexan.

 


O maior catálogo de gaiteiros tradicionais do Bierzo e da Cabreira

Destaquemos como máis significativos, dous dos grandes acertos e aportaciois que Diego Bello realiza: O extenso inventario de gaiteiros da comarca do Bierzo e da Cabreira, así como a análise do repertorio destes gaiteiros. En ambos casos cuida o detalle e procura afondar ata onde puido iluminado por un coñecemento o máis directo posible da información que reúne. Esta singularidaridade, por forza e lamentablemente, estando como estamos á altura do século XXI,  realza o esforzo extraordinario realizado, dada a case total desaparición das últimas xeraciois de gaiteiros tradicionais, esas que non viviron o que podemos denominar o boom da gaita dos anos 80 que medrou en parello á difusión de festivais do mundo Celta, as bandas de gaitas e demais produtos de recente creación.   Fronte a esta fortaleza o traballo resíntese  desa falta de efervescencia e frescura sendo testemuña do declive destas últimas décadas do mundo da música popular de raíz. As limitaciois que implican abordar este tema pasado o ano 2000, son resoltas con destreza indagando en fontes documentais e outros traballos para ofrecer unha idea de conxunto notable e  publicar o maior catálogo de gaiteiros tradicionais para estas dúas comarcas,  un obxectivo envexable que nos marcaramos Gonzalo Bóveda e mais eu nos anos 90 na propia Escola de Gaitas e que, dalgún xeito, vemos culminado na autoría de Diego Bello. O autor, intelixentemente, foxe da exhaustividade á que outros renunciamos hai tempo, pero á vez, fruito dun bon traballo consegue un excelente resultado. Subliñamos como excelente o que se coloca como modelo, os gaiteiros do Concello de Trabadelo, aínda que tampouco se quede atrás a cata realizada para o conxunto de concellos da Cabreira.

No tocante ao repertorio creo que foi pouco ambicioso e é menos brillante do que nos esperabamos. Trátase dun tema arduo que con criterio óptimo incorpora os sons dos informantes. Os audios verdadeiro cabalo de batalla ao que  se enfronta á hora de asentar como é debido unha empresa destas características do que temos que dicir sae ben parado e cremos que con certa cautela evita ser xeneroso en exceso, reservando (permítasenos a metáfora) parte do material pirotécnico para a seguinte festa, á que parece evocar sen citar mesmo se se observa o título da obra.



Algo que podería mellorarse

Reparemos agora nalgunha cousa que non nos gustou, Insistimos, nesta primeira e impetuosa lectura, e que, en gran medida, cremos que non depende do propio Diego.  Este libro ve a luz grazas a ter acadado un premio (o Premio de investigación Antonio Estévez na súa segunda edición ano 2016). Cremos que este publicación precisaba outro trato, con maior personalidade que non soubo ver a institución que o edita, o Instituto de Estudos Bercianos que prefire abaratar custes xuntando varios textos nun só exemplar, os premios de varias ediciois, en lugar de darlle a dimensión que corresponde e o percorrido que precisa seguramente tanto este, como os outros textos premiados.  Unha evidencia do que estamos a dicir é que se presenten en formato dixital capítulos enteiros non pouco esenciais ( como o mesmo inventario de gaiteiros entre eles). O disco cos anexos debería ser o espazo exclusivo para audios e vídeos. O anómalo resulta a publicación dixital dunha gran parte de textos e fotografías que enriquecerían a todas luces unha edición en exclusiva deste ensaio.


A modo de conclusión: Saber beber das fontes

Diego coñece a diferenza de beber, sen máis,  e de saber beber das fontes e isto constitúe outro dos valores desta Aproximación....  Enfatízase, cousa que é de agradecer, o noso papel de vangarda no estudo do mundo da gaita no Bierzo, algo que outros esquecen, pero do que Diego non renega. Gustounos comprobar que o noso labor, o da Escola de Gaitas de Vilafranca se recoñece directa e indirectamente en cantidade de aspectos, matizando, complementando ou establecendo criterios diferentes. Pensamos por iso que Diego desaproveitou a nosa proximidade para contrastar abertamente con nós cuestiois que deberiamos abordar.  Entendemos que o fai consciente da certa carga de prexuízos que suporía ter que reconsiderar e a necesidade da procura dunha independencia no discurso, que, de todos os xeitos, non hai quen poida cuestionala. O certo é que estamos traballando no mesmo campo e ao igual que Luis Mondelo ou Pablo Carpintero e tantos outros, procurar a conversa fluída no mundo da gaita no Bierzo resultaría realmente gratificante e feraz para seguir dando pasos.

Rematamos, polo de agora, este noso primeiro achegamento, volvendo a incidir no transcendente e imprescindible valor desta Aproximación.... para poder coñecer mellor aos gaiteiros do país e co contento de poder contar con este bon traballo para poder seguir avanzando con pé firme na posta en valor da nosa cultura tradicional.

                                                                                                                         CONTINUARÁ

sábado, 5 de diciembre de 2020

Outra versión da Jota Cantada

 No ano 1991 ENCONTRO DE GAITEIROS TRADICIONAIS co que celebramos o X Aniversario da Escola de Gaitas gravabamos no Teatro de Vilafranca unha peza titulada Jota Cantada interpretada por Leonardo Gallego (gaita) e Agustín García, que puxo a voz, ambos os dous sendo naturais do concello de Trabadelo, residían en Vilafranca. Pepo Nieto, percusionista da Escola tocou naquela ocasión  o tamboril.

Agora Diego Bello e os seus compañeiros "Pamplinas" realizan unha versión nunha recente iniciativa da Deputación de León denominada Son de León: