martes, 11 de septiembre de 2018

Os gaiteiros cos xigantes de Vilafranca

Os xigantes de Vilafranca do Bierzo ca. 1900
Os xa centenarios xigantes de Vilafranca do Bierzo e a súa danza constitúen todo un fito único, singular e ineludible para a Etnografía da comarca. Trátase dun costume relativamente moderno, tendo en conta que naceu como tal a finais do século XIX recollendo e reunindo, iso si, unha serie de elementos ben antigos e de fonda raigame na cultura tradicional. Falamos da aparición de xigantes e cabezudos nas festas patronais, ao que debemos sumar unha serie de sons característicos como  o volteo de campás e, sobre todo, unha música peculiar interpretada por un dos instrumentos tradicionais máis emblemáticos do Bierzo como é a gaita. De aí que hoxe reparemos na importancia  para configurar esta manifestación específica do noso patrimonio inmaterial tanto dos gaiteiros como dos propios xigantes e cabezudos, denominados popularmente "ananas".

Lembraremos logo dun xeito sintético os grupos de gaitas locais que acompañaron algunha vez  aos nosos xigantes, non sen antes facer unha pequena presentación destas figuras ás que dedicamos un traballo monográfico en forma de libro baixo o título de Palillos de Madeira para poder transmitir así mellor a riqueza que reúne e, que conserva en esencia esta manifestación tradicional, que se reproduce anualmente no mes de setembro nas Festas do Cristo, as festas patronais de Vilafranca.


O Cid e Ximena ou Doña Inés mediados do século XIX / Don Quijote, Doña Dulcinea e o Mouro principios ca. 1910
Sancho Panza ca. 1920 
Os xigantes máis vellos son os que aparecen na fotografía máis antiga que conservamos deles, o Cid e Doña Ximena ou Doña Inés na que tamén aparecen varios músicos tradicionais. Trátase dunha foto mui interesante porque reúne a esencia da tradición nunha soa imaxe, aínda que dá pé a varias interpretaciois arredor precisamente dos músicos tradicionais que aparecen na mesma.

En esencia a cuestión está en saber se a gaita acompañaba exclusivamente aos xigantes de Vilafranca nun principio ou se tamén eran acompañados para bailar pola chifra e o tambor. Nós pensamos que a gaita era o instrumento dos xigantes por excelencia e a propia evolución así o confirma. Se aparecen outros instrumentistas tocando cos xigantes como a chifra e o tamboril nesa foto antiga, responde a que eran contratados para a procesión do Cristo nalgunhas ocasiois coas danzas do país, como conta no seu libro Flores del Bierzo lozanas y mustias  Francisco del Llano (1896) que describe deste xeito dita procesión:

"Compónenla dos larguísimas filas, bien ordenadas de señores y hombres de pueblo de todas clases, con hachas algunos y con belas los más, rompiendo la marcha entre filas, los gigantes y enanos, algunos años las danzas del país, acompañados unos y otras por un buen número de gaitas y tamboriles; tras ellos, magníficos pendones y estandartes y más atrás la veneranda imagen del Crucificado, objeto de tan entrañable cariño como profundo culto para estos habitantes, yendo ante ella y a los lados muchos ofrecidos  de ambos sexos."

  Cremos que inicialmente un músico de chifra e tamboril era contratado de xeito habitual como acompañante da cada unha das danzas do país (puideron coincidir varias no mesmo ano) que asistían á procesión. Vai haber ocasiois nas que a danza falte, pero a parola, é dicir,  un tocador da chifra e tamboril, será contratado igual como parte da comitiva de músicos para tocar, alternativamente cos gaiteiros, na procesión do Cristo. Os gaiteiros sempre aparecen, un ou varios gaiteiros, que tocaban a gaita co seu tambor e, por veces, co seu bombo,  pero a frauta e o tamboril van desaparecendo, pouco a pouco, a comezos do século XX.

Nas primeiras décadas do século XX, polo que puidemos averiguar e deducir polos contratos da Confraría para as festas, a gaita pasa a ser xa o instrumento popular exclusivo nesa cabeceira da procesión e como habitual música para o baile dos xigantes. Ese é o momento no que con toda probabilidade se asenta tamén unha única melodía para que os xigantes bailen. A danza  na que Os Pincha, (os seus posibles creadores) sen lugar a dúbidas son os gaiteiros que a popularizaron antes do 36 e, de xeito fundamental, despois do golpe militar e da guerra provocada por Franco.

Antes da guerra conviven cos Pincha varios grupos da vila: "Os Finos", "Os Tanarros" e "Os Molanes"  que puideron acompañar aos xigantes coas súas melodías. Varias testemuñas, de todos os xeitos, sinalan ao gaiteiro Antonio Fernández González e ao seu irmao Manuel no tambor, como os verdadeiros responsables da melodía que finalmente se identifica como a Danza dos xigantes e cabezudos de Vilafranca.

Despois do 36, ademais de Pepe Fernández, fillo de Antonio "Pincha"  a melodía da danza, xa como tema específico asociado ao baile dos nosos xigantes, foi interpretada  tamén  por outros gaiteiros. É o caso dos Manueles de Dragonte, pero sobre todo, do gaiteiro de Soutelo, Isidro Álvarez. Estes fóronlle engadindo certas adiciois á melodía ao interpretala ao seu estilo. Á altura dos anos 70 incluso houbo varios anos nos que un grupo de gaiteiros, chamado Brisas do Sil, que non eran da vila nin dos pobos da contorna, aprenderon a peza ao ser contratados pola comisión de festas para acompañar aos xigantes. Retomaría logo Isidro, xa maior, a función de gaiteiro nas festas patronais ata que nos anos 80, creada a Escola de Gaitas de Vilafranca e, fusionando as melodías de Pepe Fernández e de Isidro Álvarez, comeza a nosa andaina como gaiteiros das ananas que chega aos nosos días.  

En primeiro plano á dereita, coa gaita nas maos Pepe Fernández "Pincha". Foto dos anos 70 que serviu de cartel das Festas no 2009.

martes, 14 de agosto de 2018

FOMBASALLÁ: Romaría e gaiteiros



Os séculos pasan pola ermida de Fombasallá e a romaría que reúne eilí a centos e centos de persoas muitas devotas da Virxen e algúas outras non tanto, asentaron neste lugar e neste día,  unha data referencial no calendario da música tradicional no Bierzo Oeste, singular para o mundo da gaita no Bierzo.

 Arredor da ermida que se atopa a 1200 metros de altitude acampaban na véspera alguis mozos e mozas ou vellos e vellas que armaban a troula ata que xa polo día, andando a maioría ou ben en cabaleirías (había tamén os ofrecidos ou ofrecidas que facían o camín de xeonllos) se achegaban ben cedo, o día propio, o 15 de agosto. Viñan de romaría de Pumarín e Canteixeira,  de  Balboa e da Veiga ou de Trabadelo e Soutelo, de Cela e Paradaseca, de Paradiña, Aira da Pedra, Teixeira e Porcarizas, de Vilar de Aceiro, Ribón e Veigueliña,  de Vilafranca, Vilela ou de Horta e tamén algún de Corullón e dos Valtuilles.  De máis lonxe viñan tamén, pero estes eran e son os que seguen achegándose nesta data ata a pequena capela e a súa campa que se asenta baixo centenarios pradairos e ao pé dunha fonte de auga mui apreciada (como non).

Entre todas as xentes de fala galega (na maior parte) que eilí se xuntaban e se xuntan hoxe, non podían faltar os gaiteiros. Os gaiteiros do país, aqueles que eran coñecidos músicos aos que habitualmente, en todos aqueles lugares da contorna antes citados, eran contratados para cadansúa festa patronal ou ben aqueles outros afeccionados que algo tocaban e que nalquel día de romaría, tras da procesión, animados polo viño e a alegría do momento, entre amigos e achegados, atrevíanse a tocar unhas pezas. As pandeiras algunha que outra vez soaban tamén, como nos fixeron saber Estrela de Pobladura ou Socorro de Vilar de Aceiro, ademais de tocarense outros instrumentos como acordeón, guitarras e bandurrias.

Fombasallá era un lugar de fervor relixioso, pero á vez e ante todo (poucas veces se di) de encontro e de fervor musical, ese que acompaña a toda festa popular e onde a música tradicional faise notar. E cuando hai música de gaita, hai baile de muliñeiras e jotas, ademais doutros ritmos antigos, como o Bien parao ou pezas de moda, as xentes bailan…Os bailadores de Cela destacaban, pero habíaos bos e boas en todos os pobos, porque en Fombasallá aprendimos que o baile tradicional daquela aínda estaba vivo, perdera forza e vigor, pero se soaban as gaitas volvía a bailarse solto e a xente maior sabíao facer e gostaba de facelo.

Durante todo o século XX Fombasallá foi un lugar onde soou a gaita e os gaiteiros tocaron, as xentes bailaron. Fermosas instantáneas consérvanse e dan unha idea certeira de todo o que estamos dicindo.

Procesión de Fombasallá nos anos 20 

 Unha curiosa foto dos anos 20 (1920) reproduce o momento da procesión arredor da ermida. Non sabemos quen pode ser o gaiteiro, posiblemente o grupo de músicos con clarinete podería ser o dos Gutiérrez de Vilar de Aceiro, aínda que non o podemos asegurar porque ben puideran ser tamén os gaiteiros de Paradaseca, os mestres de Virxilio, o gaiteiro que nos anos 60-70 non se perdía por nada do mundo a romaría de Fombasallá.
















Noutra foto dos anos 70  vemos a Emilio de Vilar de Aceiro tocando na Campa.



Nos anos 80 eran asiduos Domiciano e Isidro, había anos nos que tamén estaba Emilio e logo chegamos nosoutros. A Escola de gaitas de Vilafranca estivo e segue estando, dun xeito ou doutro, desde que se creou, presente cada ano na romaría. Unha das primeiras actuaciois que fixemos  aló polo ano 82 foi nesta romaría. Acababamos de nacer como grupo de gaitas e fomos contratados durante máis dunha década de xeito continuado pola confraría. Agradecémoslles muito aquela aposta polos novos gaiteiros, unha ousadía que para nosoutros foi coma un bautismo, é dicir, unha oportunidade para coñecermos a nosa música tradicional do Bierzo Oeste de primeira mao.  Con nós tocaron no palco que se instala debaixo dos pradairos entre outros Isidro, Domiciano, Emilio, Lisardo, os Gaiteiros de Pedrafita... Unha fermosa e festiva data para facer memoria, para gardar na memoria. 


domingo, 12 de agosto de 2018

CHIFRA E TAMBORIL NO BIERZO


Luis Mondelo leva anos traballando sobre este instrumento especialmente no Bierzo (sabemos que ten unha presenza singular na nosa comarca e na Maragatería, ademais doutras zonas de León, Zamora, Salamanca e Cáceres, mesmo ata Huelva) e reúne nun CD ese interesante e riguroso traballo. Podemos ver unha charla que deu hai dous anos na Casa da Gaita organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos:


 Trátase dun gran traballo que animamos a coñecer e difundir. Para quen non teña tempo de velo por completo e/ou non teña o CD diremos que  ademais de explicar a estrutura do traballo ( o CD consta duns 50 audios tocados por arredor de 15 instrumentistas  maiores do Bierzo.
Sinalados con distaintas cores os tamboriteiros documentados no Bierzo por Luis Mondelo. En branco os que aparecen no CD, en lila referencias da súa existencia ou presenza sen gravación de audio. En amarelo, a chifra na Fornela e en azul, en Asturias.

Na charla dise que se excluíu A Cabreira e A Fornela por consideralas comarcas específicas e dignas dun traballo particular á hora explicar a extensión territorial da chifra e de como esa extensión seguramente era distinta no pasado (as testemuñas e investigaciois de Pablo Carpintero, entre outras, certifican a existencia da chifra en Galicia, por exemplo). O autor fala do repertorio deste instrumento, dos seus informantes e da muiñeira tocada coa frauta ou a chifra (tamén comenta o uso destes dous termos para denominar o instrumento).

Precisamente establece unha diferenciación entre os instrumentistas bercianos e doutras zonas de León ou Zamora, pola inclusión daqueles da muiñeira no seu repertorio. Despois de escuitar algún audio, Luis Mondelo interpreta varias muñeiras coa frauta e o tamboril e outras pezas. luis Mondelo tamén tivo algo que ver coa Exposición monográfica que se realizou en Ponferrada no 2016 sobre a Chifra e o tamboril.

Finalmente xorde a pregunta de se tocaban xuntos a chifra e a gaita de fole, ao que asegura que está claro e constatado que así era en diversas fotografías, a pesar de que hai certa polémica ao respecto relativa á afinación dos dous instrumentos. Luis asegura que hai testemuñas gráficas e orais que así o certifican. No libro de Pablo  Carpintero e Ramón Marín sobre os instrumentos musicais en Galicia aparece a fotografía que reproducimos máis abaixo onde pousan xuntos un tamboriteiro coa súa chifra e un gaiteiro na comarca veciña da Maragatería. No ano 2013, como xa comentamos Pablo Carpintero atrevíase a deseñar o proceso de evolución desta curiosa parella de músicos (ver a partir do minuto 16 do programa da TVG Luar nº 921 15 de novembro 2013) seguindo a documentación gráfica que se conserva dende o Medioevo. Se durante a Idade Media o gaiteiro é un instrumentista solista, el só. Disque no Renacemento ao gaiteiro xuntóuselle un frautista co tamboril que tocaba cunha soa mao (no coro de San Martín Pinario do XVII están tallados dous anxos tocando xuntos ou os famosos instrumentistas que aparecen nun retablo de Meiraos do Courel datados en 1614). Despois o tamboriteiro deixou de tocar a frauta (na sancristía da catedral de Tui un gaiteiro acompañado cun tambor tocado cun só palillo) para logo ir incorporando unha segunda baqueta cara ao século XVIII. mais no Bierzo e na Maragatería esa evolución sería máis lenta pois se constata a presenza desta formación ata o século XX.



domingo, 29 de julio de 2018

O baile galego debería ser PATRIMONIO INMATERIAL DA HUMANIDADE


 Traballouse arreo en Galicia para poder lograr o recoñecemento para o baile galego como Patrimonio Inmaterial da Humanidade. A iniciativa partiu de unha serie de grupos de baile tradicional. E aínda que non se acadou, o labor abriu unha nova etapa na propia sociedade galega que vai incrementando ano a ano a popularización do baile tradicional entre as novas xeraciois.

Reivindicamos dende o Bierzo a nosa incorporación a esta iniciativa posto que entendemos que a nosa música tradicional forma parte da área de cultura e lingua galegas a pesar de pertencer a outra comunidade autónoma.  Os bailes populares por excelencia no Bierzo teñen muito de galegos: Muliñeiras ou Jotas que mesmo son interpretadas con variantes mui semellantes tanto nunha das vertentes da Serra como da outra. 

 Existen poucos vídeos na rede que conteñan baile tradcional.Imos ver un pequeno exemplo do que baila un grupo berciano como é a Agrupación Alegría berciana:


sábado, 7 de julio de 2018

ECOS DO LABOR DE DOROTHÉ SCHUBARTH NO BIERZO

Reparamos como os ecos dun traballo inxente e singular segue dando fruitos hoxe e vai converténdose en referente para as novas xeraciois de músicos amigos da tradición no Bierzo. Foi premiado durante o 2017 un recoñecemento tardío, pero necesario. Falamos e iremos dando a nosa opinión nesta crónica deses ecos recentes que o labor dunha musicóloga que percorreu Galicia e o Bierzo están producindo.

Quen é Dorothé Schubarth?  Naceu en Basilea, Suiza, é unha musicóloga e compositora de renome que decide vir a Galicia en 1978 para coñecer a música popular galega. Atrapada pola riqueza e antigüidade da nosa música tradicional decide iniciar un traballo monumental que titula Cancioneiro Popular de Galicia polo que logo dun arduo labor rematará sendo recoñocida como a autora dunha obra considerada a biblia da música tradicional galega. Podes consultar os seus audios no Arquivo sonoro de Galicia, unha listaxe aparece na páxina do Consello da Cultura Galega.



Os premios e homenaxes recibidos: 
- Homenaxe no Día do Orgullo Gaiteiro 2010 

- Premio honorífico da Música Galega Martín Códax 2017

Por que visitou o Bierzo se estaba realizando un traballo sobre o Cancioneiro popular de Galicia? Non creo que sexa necesario dicir que Dorothé decide entrevistar no Bierzo a máis de 30 homes e mulleres dos concellos onde se fala galego, porque doutro xeito o seu traballo que pretendía abarcar a música tradicional galega quedaría incompleto. Logo é obvio que para esta eminente musicóloga O Bierzo, polo menos unha parte, debe formar parte ineludiblemente da Gallaecia cultural, Dorothé tivo esa sensibilidade.

Recentemente puidemos escuitar na radio un par de intervemciois de  Diego Bello facendo eco do seu traballo polo Bierzo. A primeira baixo o título La mujer en la música tradicional  no 2017 e unha segunda centrada nos Ancares  xa no 2018.