jueves, 7 de diciembre de 2017

Manuel López López , o gaiteiro do Poso (Navia de Suarna)

Manuel López, gaiteiro do Poso
Acaban de publicarse un gran traballo sobre este gaiteiro único da terra de Cervantes e Navia de Suarna que como ben se di, foi, é e seguirá sendo referente para a historia da gaita pola súa capacidade creativa e de improvisación, ademais de bon coñecedor e transmisor do folclore da gaita na zona fronteiriza onde dous estilos un máis galego, outro máis requintado ou se se quere máis asturiano convivían como o mesmo Poso demostrou, gardando as súas peculiaridades e sendo capaz á vez de crear un estilo propio íntimamente asociado ao baile tradicional.

Serxio Cobos, Carlos Rey e Iván Costa abordaron este libro que foi en gran medida produto dun traballo de recolleita de finais dos 80 e dos 90, que tivo que esperar muito tempo para verse editado. Unha débeda con Manuel que eles recoñecen con esta publicación en gran parte saldada. Foi tam´ne polos anos 90, en concreto no mes de maio do 1991 cando tiven o pracer de coñecelo de sentilo tocar e de parolar un treito con el na súa casa de Navia por saber da súa relación coa música da gaita do Bierzo ao que se tiña desprazado a tocar en máis dunha ocasión. Dicía que en Candín, Balouta e Suárbol especialmente: "son coma nós, pero xa máis alá tocan co tambor e a frauta..." Pero onde máis sona tiña ademais de na propia Navia, era en Ibias.

Serxio e Carlos na presentación en Navia de Suarna.

A iniciativa de publicar partiu de Serxio, que entrevistara en diversas ocasiois ao Poso, mais procurou un apoio en Carlos Rey para realizar unha biografía e unha contextualización sabendo que o gaiteiro e etnógrafo arousán tamén tiña realizado diversas visitas á zona. Ambos acordaron contar para a transcrición das partituras con Iván Costa que tamén tivera contacto con Manuel e conformaron un estudo en formato de libro-cd  moi completo sobre o noso gaiteiro que ademais das partituras inclúe 29 cortes ou gravaciois, unha selección de pezas dun amplo grupo de cintas que conservan os autores deste gaiteiro maxistral. Serxio, un dos máis prestixiosos bailaríns de Galicia, introduce tamén toda unha novidade neste libro que lle dá un carácter singular  á edición, pois reproduce cos bailegramas da súa autoría un par de bailes da zona (un adianto do que esperemos sexa un estudo da escrita da estrutura para o baile tradicional galego cuxa publicación prepara nestes momentos).

Presentación en Vilagarcía.

O libro que está editado pola Central folque é tremendamente interesante para coñecer o mundo da gaita nas fronteiras. A presentación do traballo en Navia de Suarna e logo en Vilagarcía de Arousa no mes de novembro do 2017 foron todo un éxito. Non estaría mal ir pensando nunha presentación da mesma na nosa comarca, tan próxima ao mundo da gaita que o Poso representa. 

Deixamos eiquí alguis vídeos de  Manuel tocando, o primeiro do ano 1991 debémosllos a Luis Prego O Poso toca unha muliñeira e logo  un valse en Vilaquinte:



O Poso tocando no San Froilán en Lugo unha muiñeira, e logo jota e rumba:








No hay comentarios:

Publicar un comentario