miércoles, 10 de junio de 2020

UN LIBRO SOBRE O ARTESÁN DA GAITA XOSÉ M. SEIVANE



Un novo libro chega ás librarías sobre un dos artesáns da gaita do século XX en Galicia que serviu de ponte co século XXI. Repasamos brevemente á calor da nova desta publicacion sobre Xosé Seivane os fitos que para nosoutros supuxo, como tamén o que significou para o mundo da gaita galega, ademais de agradecer e celebrar con alegría este traballo necesario. Xosé M. Sánchez Rei é o autor do texto subtitulouno A Gaita con maiuscula e inclúe unha recompilación con partituras de pezas do repretorio de Seivane transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas. 

Xosé Seivane soubo, como dicimos máis arriba, manter transitable esa ponte entre o tempo previo ao Franquismo (comezou a traballar no ano 1939) co que isto supuxo para o feito cultural para calquera das súas facetas, en especial,  para as manifestaciois de corte popular e a de raigame galega. Soubo manter despexado e aberto ese camín  para atravesalo e saír á outra beira, a que se inauguraba tras da morte do Ditador, cara a un mundo novo con afán por mellorar, pero sen sucumbir á desvirtuación da tradición que outros emprenderon. Mantivo o apego ao propio contribuíndo con rigor a situar a gaita galega ao nivel que se precisaba e dende a reafirmación do local facer do seu traballo un valor internacional.

É certo que foi un traballo colectivo, pero persoas e personalidades como a de Xosé Seivane fixeron que esa ponte fose transitable e referencial á hora de falar hoxe, no século XXI, da nosa gaita. Dotou aos mellores interpretes da gaita de Galicia de instrumentos de calidade nun labor sabio que ademais tivo a pericia de saber transmitir e comunicar ao dar paso para este século XXI ao Obradoiro de gaitas Seivane onde os seus fillos proseguen fieis ao legado do seu pai, facendo medrar o prestixio e a importancia do traballo que humildemente comezou nun curruncho en Ribeira de Piquín na Galicia Oriental.

A Escola de Gaita de Vilafranca con Xosé M. Seivane en Ribeira de Piquín no ano 90
A Escola de Gaitas de Vilafranca con Xosé Seivane e con Xanciño, Tono e Xocas entre outros en Ribeira de Piquín ano 1990


Eilí fomos nosoutros, a Escola de Gaitas de Vilafranca guiados polos amigos e bos gaiteiros Xanciño, Toniño e Xocas a mercar as nosas segundas gaitas, a coñecer a este magnífico artesán e a esta magnífica persoa.  Non esqueceremos nunca aquel día cuando fomos a recoller as gaitas acompañados duns padriños de honra para tal ocasión (estábase xestando Treixadura). Tampouco esqueceremos outros momentos nos que coincidimos con Seivane, como o pregón no Festival de Pardiñas no ano 1994,  outro deses fitos nos que se escribe a Historia do mundo da gaita galega do século XX. Unha relación  que segue viva e que agora se mantén cos seus fillos, Álvaro e Xosé Manuel en Cambre.


Recomendamos pois, transitar esta ponte unha vez máis a través deste libro sobre Xosé M. Seivane Rivas e aproveitamos para dar os parabéns á Asociación de Gaiteiros Galegos pola súa nova imaxe.
     

No hay comentarios:

Publicar un comentario