domingo, 12 de enero de 2025

DOS REISES DE BENDOLLO

Foto dos anos 90 dos Reises vellos do Cebreiro 

 Hai un tempo publicamos eiquí neste blog unha entrada para falar dos petitorios e dos ciclos festivos. Hoxe imos colgar a modo de coda daquel artigo unha pequena ampliación achegándonos aos Reises de Bendollo (lugar do Concello de Quiroga).  Lembremos que as comitivas dos Reises eran veciños dunha parroquia que no Nadal e de solsticio, a finais decembro e primeiros días de xaneiro, no que as lareiras afumaban os chourizos tras da matanzas realizadas tras das primeiras xiadas do inverno e celebraban esta festa de bon trato entre vecíns, de reafirmación da veciñanza cos Reis como pretexto.  Escuitemos, en primeiro lugar, a magnífica versión que o grupo Ailá fixo recentemente desta cantiga do CD Ailá de Nadal que se editou grazas a colaboración da Secretaría de Normalización Lingüística:


Vaiamos agora entrando en detalle coa letra deste tema, tirada dunha recolleita que aparece no Cancioneiro antropolóxico do Concello de Quiroga, Ribas do Sil e montañas do Lor realizada por X.L. Foxo:                                       

Reises, Reises miña tía

chouriciños á potiña.

Reises, Reises miña tía

chouriciños á potiña.

 

Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

dénolo aguinaldo si no lo ha de dar,

 que somos de lexos temos que marchar.

 

Estas portas son de ferro

eiquí vive un caballero

eiquí vive e vivirá

e o aguinaldo nos dará.

 

 Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

 dénolo aguinaldo si no lo ha de dar

que somos de lexos temos que marchar.

 

 Estas portas son de pino

aquí vive un gran cochino

eiquí vive e vivirá

e o aguinaldo non nos dá.

 

 Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

dénolo aguinaldo si no lo ha de dar

que somos de lexos temos que marchar.

 

 Estas portas son de pau

 aquí vive un gran marrao

aquí vive e vivirá

e o aguinaldo nos dará.

 

Dénolo aguinaldo anque sea pouco

chouriciño e medio. e mitá do outro,

dénolo aguinaldo si no lo ha de dar

que somos de lexos temos que marchar.


Esta letra presenta unhas coplas de carácter petitorio na que se pide insitentemente o aguinaldo ás que se acompañan outras coplas acordes que corresponden co halago ou  o insulto como resposta á muita ou escasa xenerosidade de cada casa. Estas últimas coplas resultaban un verdadeiro estimulante para suliñar esa relación comunitaria no que o humor e a ironía non deixaba de emerxer. Nótese a categoría das portas das casas ás que se canta: a calidade do ferro fronte febleza das de pino e, muito máis das de "pau", por non falar do manifesto e caricaturesco contraste do "caballero" da primeira das respostas co "gran cochino"ou o "gran marrao" das coplas de resposta aos petitorios que se cantan despois.

Outramente quixeramos insistir, e suliñar á vez, no populares que resultan este tipo de alusiois ás portas de ferro en toda a zona do galego oriental de Quiroga ao Bierzo, pasando polo Cebreiro, ademais de constatar un pouso común, da irmandade ou unidade cultural a un lado e ao outro da actual fronteira administrativa. 

A Carantoña ameazando cun xardón na mao (Reises do cebreiro dos anos 90)

Rematamos sinalando que non podemos esquecer de ningún xeito que esta manifestaciois de tradición oral deixan ver ás claras o solapamento das tradiciois relacionadas co solsticio de inverno que derivan no Entroido e as que viñeron despois da mao da Igrexa e o Cristianismo. Lembremos que os Reises vellos ou Reiseiros do Cebreiro son cuatro e están acompañados pola Carantoña, é dicir, unha máscara de pel de coello ou de lobo, e, por veces, do Mochileiro que tamén usaba careta, logo a pesar de denominarse reis e cantar ás portas das casas cantigas relativas ao Nadal, o aguinaldo e as bromas da Carantoña ameazando cunha póla de xardón a pequenos e maiores xa é unha evidente expresión do tempo de correr o Entroido que se iniciaba nos días máis curtos e de noites máis longas do ano.       

Reises do Cebreiro en 2024 (foto O Progreso de Lugo)


Foto da recuperación propiciada polo párroco Xesús Mato dos Reiceiros do Cebreiro. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario