domingo, 18 de mayo de 2025

LETRAS GALEGAS PARA AS NOSAS CANTAREIRAS

 


O grupo de Pandeireta da Escola de Música de Vilafranca homenaxeou ás pandeireteiras do Bierzo con motivo do Día das Letras Galegas, ao igual que fixeron muitos agrupaciois e entes culturais en Galicia, xuntándose para cantar e bailar na súa honra. 


Centos ou miles de anónimas cantadeiras homenaxeadas no Día das Letras 2025

O territorio galegofalante do noroeste peninsular foi quen de gardar un tesouro patrimonial monumental que permanecía á vista de todos a súa sorte,  á intemperie dos tempos,  e que, por non ser valorado convenientemente (cuantas veces actuamos como cegos  por, como á espera da morte, de oculto e marxinado que estaba. Falamos da tradición oral. A non querer ver o que temos mesmo diante dos ollos), semellaba  estar, sen enterrar, soterrado Real Academia Galega acertadamente rescata este tesouro que chegou vivo ata o século XX para promover a súa redescuberta ben entrado xa o século XXI e darlle oportunidade de seguir vivo e con futuro nas maos da mocidade toda.

 

Se queres que te queira

quéntame o mirar,

encende a pel da noite,

térmame, puñal.

Á miña porta levas

maos pra me abrir,

no centro do teu nome

dígoche que si.

Nos labios unha rosa

pro meu caravel,

que se revolve en febre

cuando te vou ver.

Se queres que te queira

dáme de beber,

regueiro de auga doce,

morte do porqué.

 

  A poucos quilómetros de Vilafranca cantábase este cantar, en Chan de Vilar foi recollido por Dorothé Schubarth nos anos 80... hai algo menos de 50 anos a tradición oral seguía viva, pero aparentaba estar ferida de morte pola falta de poboación, pola emigración, outro efecto dese capitalismo depredador no que habitamos. Este patrimonio da oralidade que representan as vellas pandeireteiras,  sorprendía no ano 1978 a unha  musicóloga especialista suíza ata o punto de que decidiu pasar eiquí, entre nosoutros, 20 anos da súa vida realizando un complexo e duro traballo de campo polas aldeas de noso e, sen reparar en fronteiras (quero dicir que tanto recolleu coplas no concello de Candín, Balboa ou no de Corullón, como no de Cervantes, As Nogais e Pedrafita). O resultado espectacular que nos deixou a cambio é unha das máis importantes colecciois rexistradas da música popular de Europa, un verdadeiro Pórtico da Gloria, en forma de Cancioneiro Galego de Tradición Oral. Certamente ese tesouro que permaneceu por séculos vivo en cada casa do rural de Galicia, do Eo Navia, das Portelas e do Bierzo, como constatou aquela especialista marabillada, era singularmente arcaico e rico. Outra cousa marabillosa é o vigor que este traballo documental inmenso está a experimentar 30 anos despois da súa publicación, algo que lamentablemente non puido disfrutar de vagar a súa autora a musicóloga suíza falecida no 2023, pero si o seu colaborador e coautor da obra, ademais de eminente filólogo, Antón Santamarina. Este patrimonio inmaterial da tradición oral está sendo actualmente un referente obrigado para muitos mozos e mozas de hoxe sensibles ante a natureza tan atractiva desta riqueza que, tras pasar centos de anos anónima de boca en boca, centos e centos de melodías e versos en lingua de labregos e pastoras, fruito da creatividade dunha sociedade rural poderosamente harmónica e tremendamente humilde, emerxe con forza agora nas gorxas novas e agradecidas. 

 Non obstante, a Academia Galega con esta celebración quixo honrar no Día das Letras a 7 cantadeiras (Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema) rachando por fin co tradicional anonimato desta expresión popular espontánea e espléndida.  Homenaxea a 7 mulleres con nomes e apelidos que representan a eses milleiros de pandeireteiras que, xeración a xeración, chegaron ata os nosos días cantando, ben para reproducir e transmitir con cariño este legado de centos de anos atrás, ben para recrear e compoñer novas coplas con naturalidade, porque tamén elas foron autoras, mais autoras sempre anónimas.

A primeira vez que eu escuitei falar dun grupo de cantadeiras do Bierzo e na nosa vila foi igualmente unha breve referencia directa dunhas mulleres anómimas que cantaban ao pé de San Nicolás muitos domingos coas súas pandeiras aló nas primeiras décadas do século XX. Efectivamente o fenómeno do seráns, das ruadas, foliadas, fiandois, polavilas...( ten unha chea de denominaciois), respondía ás peculiaridades de cada aldea ou vila e podían relacionarse con diversos labores propios do calendario tradicional, pero, en todas estas xuntanzas soaban as voces sabias e femininas acompañadas das pandeiras. Un home case octoxenario, Don Alejo Sandes, recordoume deste xeito o baile popular liderado por mulleres na nosa vila. Non tardamos en atoparnos logo, nos anos 80 na romaría de Fombasalá a Estrela de Pobladura de Somoza coa que tantas veces pasados os anos compartimos cantos de pandeireta, festas locais e bailes. Lembramos agora tamén a Remedios de Prado de Paradiña e, nos magostos, a Socorro  González de Vilar de Aceiro, Arxentina Frey cantadeiras da Somoza que seguiron e seguen a outras muitas que fomos descubrindo algo máis tarde  Aurora e Severina Abella de Pereda,  Herminia Brañas de Vilariños, Amparo Voces de Borrés, ...     

Despois de que unhas pandeireteiras como as Tanxugeiras estivesen a punto de representar a España no Festival de Eurovisión de hai dous anos,  cunha proposta tan radical,(é dicir, propia da raíz, da tradición oral na que se criaron) e provocasen unha especie de alegre revolución cantada ao son das ferreñas das pandeiretas,  a presente celebración do Día das Letras é logo unha oportunidade ideal para asentar este rexurdir da tradición oral entre as xeraciois máis novas.  Ofrece, ademais, unha revisión profundamente didáctica do proceso previo, do labor de recompilación de centos de agrupaciois folclóricas, de colectivos e persoas interesadas neste fértil terreo da oralidade á que se deben logo formaciois musicais de distinta índole que foron recollendo, estudando, difundindo, recreando e revitalizando o panorama da nosa cultura, da cultura que compartimos O Bierzo e Galicia e que se manifesta, claro está, en galego, esa da que Amancio Prada, Aínda, Rapa das Bestas, as Cantareiras de Arnado ou a Escola de Gaitas de Vilafranca son só alguis nomes que testemuñan como se vai concretando na historia da nosa comarca esta magnífica herdanza patrimonial, marca indiscutible da identidade berciana.      

 

Héctor M. Silveiro Fernández


No hay comentarios:

Publicar un comentario